Xa está dispoñible o número 14 da revista Mazarelos, correspondente ao outono de 2024. Esta nova publicación convida ás lectoras a preguntarnos para quen escribimos cen anos despois da publicación do primeiro número da revista “Céltiga” no seu editorial. Arranca coa entrevista a Marina Mosquera Martínez, directora do Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social (IPHES). Neste diálogo, a arqueóloga reflexiona sobre os retos da arqueoloxía moderna, unha disciplina cada vez máis comprometida coa divulgación e a preservación do patrimonio, e nos abre as portas do IPHES para ver o traballo que desenvolven dende este centro referente.
O número tamén se achega á Galicia rural da Idade Moderna co artigo sobre os usos e preitos dos montes galegos. Esta análise histórica profundiza na importancia do monte como recurso comunal e produtivo, un elemento esencial para a vida rural galega que segue a ter implicacións no presente. O patrimonio material galego tamén ocupa un lugar central co artigo sobre as cruces procesionais de madeira do Corgo, que nos revela a importancia destas pezas litúrxicas case extintas. A investigación permite coñecer a tipoloxía e a feitura das cruces que aínda se conservan, ofrecendo unha ollada á Galicia relixiosa e á súa riqueza artística.
A nivel social, o movemento veciñal na Transición aparece recollido nun artigo que examina o papel crucial das mulleres nese período de transformación política. Desde a súa participación activa nos barrios ata a creación dun tecido social que aínda perdura, as mulleres estiveron no centro dos cambios que definirían o futuro do país.
Avanzamos e atopamos unha análise profunda do pensador Hayden White, destacado polo seu enfoque sobre a natureza narrativa da historia e o seu carácter literario. O artigo repasa as súas ideas clave, que tanto influíron na historiografía moderna, cunha reflexión sobre como a linguaxe e a estrutura narrativa modelan a nosa percepción do pasado. Complementando esta idea, atopamos o artigo sobre o pintor surrealista Philip West, que explora a súa forma de entender o mundo a través da súa obra, cargada de misterio e inquietude, en sintonía cos postulados orixinais do surrealismo.
Continúa cunha conversa con Irene García Losquiño e José Carlos Sánchez Pardo, que nos descubren a relevancia de Galicia nas conexións viquingas co Atlántico. Este artigo afonda no papel de Galicia como punto de tránsito e encontro entre o norte e o sur, explorando as pegadas dos viquingos no noroeste da Península Ibérica. Finalmente, a Asociación Galega de Deseño é protagonista dunha reflexión sobre a evolución e os retos do deseño en Galicia. O deseño, cada vez máis relevante, busca atender as necesidades sociais e culturais dunha maneira creativa e multidisciplinar.
Este número xa está dispoñible tanto na súa edición física como dixital a través da nosa páxina web.
Accede aos contidos en: tenda.mazarelos.gal
O Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social (IPHES). Entrevista a Marina Mosquera Martínez – Roque Sanfiz Arias e David Miguel Rodríguez Martínez
Hayden White: metahistoria e historia como artefactos literarios – André González Mayo
Usos, estado e preitos dos montes galegos na Idade Moderna – Alba María Chantada Sineiro
As cruces procesionais de madeira do Corgo. Símbolo de fe e tradición – Adrián Flores Vázquez
Philip West e a súa forma de comprender o mundo – Dolores Villaverde Solar
Orgullo de barrio. Mulleres e movemento veciñal na Transición – Uxía Martínez Fernández
“Galicia foi un lugar bisagra nas conexións entre o Norte e o Sur Atlántico”. Entrevista a Irene García Losquiño e Jose Carlos Sánchez Pardo – Brais Ferreiro Ares
Asociación Galega de Deseño. Actividade, divulgación e futuro – Equipa da DAG
Recomendacións editoriais – Roque Sanfiz Arias e David Miguel Rodríguez Martínez