O Pazo de Tor e as novas tendencias museolóxicas

A multifuncionalidade dos museos como centros institucionais culturais é todo un obxecto de debate na actualidade. A creación da súa narrativa mediante coleccións de pezas e elementos inmateriais debe responder a unha transferencia de cara á cidadanía. Pero, é realmente así? Cando non hai un tratamento adecuado, corren o risco de se converter en espazos contedores de pezas patrimoniais cun discurso imposto e banalizado. Unha colección de elementos repartidos ao longo dunha sala que nos levan a fenómenos do pasado sen chegar a profundar. A mostra dunha colección que, lonxe de ser comprendida pola sociedade, amosa unha mensaxe baleira. 

Pero hai formas de evitar esta dinámica. Existen espazos cargados de memoria, onde a crítica está presente e garante novos enfoques que permiten interpretar o noso pasado dun xeito máis transdisciplinar e inclusivo. Aceptar que os museos poden ser lugares onde denotar este cambio é o primeiro paso para coñecer quen fomos, e especialmente quen queremos ser. Unha historia do pasado que conecte co presente e atenda as demandas sociais actuais. 

O Museo Pazo de Tor e a ‘Casa de soga e coitelo, o cárcere’.

A Rede Museística Provincial de Lugo, consciente desta realidade, apostou por adaptar o seu discurso ás novas formas de interpretación e traballar coa memoria silenciada dos e das lucenses como piar fundamental das súas coleccións. Dar nomes e voces a sucesos esquecidos pola historiografía e que forman parte do marco social e do contexto galego. Así, destacan catro centros de interpretación para conectar dende o presente estes sucesos do pasado cos seus visitantes: o Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Museo Pazo de Tor. Lugares cargados de historia e memoria que visibilizan o pasado e reinterpretan os silencios acaecidos no relato tradicional.

Hoxe centrámonos no Pazo de Tor, que abre as súas portas convertido en Museo Etnográfico no ano 2006. A riqueza patrimonial do seu mobiliario de época ao longo das 17 estancias trasládanos a outro tempo. Pero, que sucedía realmente dentro dos seus muros? A transferencia multiplícase e comeza a traballar coas desigualdades e os segredos agochados. Acompañado dos relatos do pasado que atopamos enterrados nos documentos históricos do arquivo do pazo, este transfire o coñecemento aos seus visitantes mediante o proxecto Soterradas. Nel ponse en foco a dificultade de busca dunha realidade ocultada durante tantos anos, a crítica das desigualdades inmersas nos fluxos de poder. 

Ángeles Rivada acompaña a visitantes á súa antiga habitación de criada

Unha das súas protagonistas é precisamente Ángeles Rivada, que con tan só 9 anos comezou a traballar no pazo como criada e permaneceu alí até a xubilación. O seu relato auténtico leva á visitante da estancia onde moraba até unha reinterpretación artística contemporaneizada baixo o nome de ‘Historia do futuro’, traballo feito por Pamen Pereira e Che Martesi. Nesta represéntase esa dualidade vivida por Angelita ao ocupar a habitación dos nenos, pero sen pertencer a ese estrato social. Un exercicio de proxección, un soño por ascender e ao mesmo tempo enfrontar diariamente a desigualdade.

Neste afán pola dignificación das esquecidas e a creación de recursos inclusivos e divulgativos, a Rede Museística estrea tres novos proxectos ubicados no Pazo de Tor. Estes forman parte dun traballo de investigación maior coordinado por Juan Ignacio Márquez, Simón Vicente e Encarna Lago, en colaboración co persoal do Pazo de Tor e outras persoas adscritas a cada un deles. O primeiro dos tres novos proxectos presentados corresponde á antiga sala recreativa e de ocio denominada ‘El Nido’ e leva por nome ‘Casa de soga e coitelo, o cárcere’. Entre os estantes antigos e o mobiliario de época, ábrese un van no medio da sala que nos permite ver a outra cara: o calabozo. Unha representación dos dous mundos: a versión amable e ociosa da sala confrontada co pasado escuro do cárcere.  Acompañando este relato, aparecen documentos históricos de época ampliados para complementar esa función de transferencia á sociedade.

Sala de Domingo Fontán: Un país no Mapa

Na segunda planta do Pazo de Tor atopamos un novo espazo de interpretación adicado a Domingo Fontán. A representación dun país no mapa, pero un país que inclúa a todos e todas. O obxectivo da sala é tanto contido coma continente, xa que busca a humanización da figura de Fontán dende un eido didáctico e próximo á sociedade. A estancia conta coa Carta Xeométrica de Galicia (1845), custodiada pola Rede Museística Provincial de Lugo e habitualmente exposta no Instituto Lucus Augusti da capital lucense. Nesta ocasión, o mapa aparece acompañado dun mapa táctil adaptado para que as persoas cunha discapacidade visual poidan interpretar o mapa mediante o tacto das súas mans. Ademais, unha pantalla contén un recurso audiovisual que reforza o labor didáctico cartográfico. Tamén se presentan dous mapas xunto a unha serie de citas de autores referentes como Castelao ou Pedrayo, xa atentos ao estudo do propio e á reivindicación da terra e da nosa cultura. 

De esquerda a dereita: un dos dous mapas acompañados de citas, o mapa táctil e a Carta Xeométrica de Galicia

Unha sala accesible que incorpora o relato que se perdería nas formas de exposición tradicionais. De como ir á fonte e á raíz da propia interpretación e orientado á didáctica. Tanto é así que nas XXI Xornadas Pedagóxicas organizadas pola Rede Museística o pasado 18 de maio foi presentada unha unidade didáctica. Neste acto salientouse a formación crítica do alumnado dende unha perspectiva local e propia, e destacou como traballar con estes recursos dende o punto de vista das persoas que habitan o territorio. Porque ao final a mellor forma de comprender a mirada patrimonial dun territorio é preguntarlle á súa xente cales son os elementos que deben ser conservados e poñer en valor o patrimonio inmaterial para a súa correcta difusión e transmisión. 

Detalle do mapa táctil pensado para as persoas con discapacidade visual

 ‘Soterradas. A vida tras os labirintos mentais’

Xa nos xardíns atopamos a última das exposicións: ‘A vida tras os labirintos mentais’. Esta proposta expositiva nace tralo achado do primeiro proxecto de psiquiátrico en Galicia no arquivo do propio pazo. Ademais desta documentación inédita, existen outros vínculos que relacionan a museística lucense coa historia das súas institucións psiquiátricas. O actual Museo de Lugo, antigo convento de San Francisco, tivo unha forte relación coas institucións de beneficiencia que xestionaban o ingreso de pacientes nos manicomios. Este traballo, xunto cun proceso de investigación previo colaborativo, derivou nunha proposta expositiva das herdanzas en canto aos estigmas da saúde mental no presente.

Labirinto, en primeiro plano, e casa do hortelán, ao fondo

A exposición comisariada por Encarna Lago pon o foco en tres contextos: que está pasando na actualidade coa saúde mental? Que podemos facer ante esta situación? E ‘Fagámolo’ como resposta. Un percorrido que acompaña ao visitante até a fase participativa final. Respondendo á primeira pregunta, preséntansenos os problemas de saúde mental como a gran pandemia do noso tempo. Aterran a proposta, lonxe da abstracción de datas e números, nunha realidade inmediata e próxima: a propia unidade familiar. Seguindo un camiño de frechas que fan preguntas como “Hai ou houbo na túa familia alguén que sufrise dalgunha enfermidade mental”, a exposición amósanos o problema de partida. 

Unha vez formuladas estas cuestións, chegamos ao grosso da exposición vencellado á evolución histórica da asistencia á saúde mental galega. Aparecendo Conxo como baluarte do seu tempo, xorde o Hospital Psiquiátrico de San Rafael de Castro nunha fase posterior, o cal chegou a ser o segundo en volume no contexto galego. Ao longo do percorrido vemos as diferentes reformas e convivencias con outros centros ata o seu desmantelamento no ano 2012. Este foi documentado por Xosé Reigosa nun amplo rexistro fotográfico que hoxe temos presente nesta exposición baixo o nome ‘Entre Marbella e Torremolinos’, referencia a como os internos chamaban á sala dos homes —Marbella— e a das mulleres —Torremolinos—. Tamén atopamos unha das portas de Castro na que Suengas, un dos pacientes do psiquiátrico, deixou miles de grafismos, unha proposta de art brut investigada pola artista Mónica Alonso. Ademais, esta mostra pon o foco nas enfermidades, nos espazos e tamén nos suxeitos, tanto individuais como colectivos. Precisamente un dos textos que se poden ler fai referencia á patoloxización do corpo e as mentes das mulleres. Luz Darriba e Micaela Fernández Darriba explican como o talento e a creatividade das que se saían dos roles de xénero establecidos eran automaticamente etiquetadas de “tolas” e, en ocasións, queimadas nas fogueiras, existise ou non unha doenza nas súas mentes.

Detalle da porta na que Suengas deixou miles de grafismos, toda unha proposta de art brut

Finaliza a visita na que fora a casa do hortelán, hoxe reacondicionada á exposición e convertida nun espazo de visibilización e representación da saúde mental. Unha habitación que nos leva ao presente. Un espazo de participación para os visitantes que poden escribir nas etiquetas que colgan da ventá a súa relación coa saúde mental. Un labor didáctico e de inclusión que pecha o camiño iniciado dende o labirinto para dar a coñecer unha historia soterrada que chega ata a actualidade. 

A recuperación e posta en valor destes novos espazos é unha gran medida por parte da Rede Museística, que logra incorporar a perspectiva de xénero e social ao discurso museográfico. O éxito desta proposta radica na multidisciplinariedade, combinando a fotografía, a participación de artistas de diferentes disciplinas, os enfoques históricos e os criterios museográficos adecuados, todos direccionados cara a un fin común. Unha preocupación salientada nos últimos anos que están respondendo con compromiso e materializando estas propostas con exposicións participativas e plurais.

As exposicións poden ser visitadas en dúas quendas guiadas de mañá e tarde de martes a domingo, e permanecerán dispoñibles ata finais de setembro. Podes consultar máis información na web da Rede Museística Provincial de Lugo.

Este artigo forma parte da campaña «Difusión Exposicións e Proxectos Museográficos da Rede Museística Provincial» en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade