Bruarán novos ventos

Mazarelos naceu para cubrir un oco. Un espazo no que publicar traballos da carreira que quedaran no tinteiro e no que dar saída ás ideas e inquedanzas dunha xeración con ganas de escribir Historia(s). Dende entón foron máis de 70 autores e autoras as que contribuíron con 300 artigos publicados na web e na revista en papel, así como máis de 50 entrevistas, poemas e reportaxes. Este número 15 conclúe co quinto ano de traballo coa revista en papel, 1000 páxinas de historia e cultura nos estantes das librarías, das bibliotecas e das vosas casas.

Vivimos tempos marcados pola velocidade, pola urxencia e pola caducidade acelerada das ideas e dos proxectos. Desde Mazarelos, queremos apostar por outro ritmo: un que valore o feito; desempeñar o traballo coidado e as historias que perduran. Estes anos foron unha travesía que nos levou a conectar co pasado, co presente e cunha comunidade de lectoras e lectores, ben dende o inicio, ben desde outro punto do camiño.

E no medio desta premura, detémonos.

Queremos deseñar unha nova Mazarelos que manteña a súa esencia pero que sexa quen de seguir sorprendendo, motivando e inspirando. Queremos escoitarvos, coñecer o que esperades desta iniciativa e integrar as vosas ideas nesta nova etapa.

Mazarelos volve axiña, coas mesmas raíces e novas follas que seguirán explorando a riqueza do noso patrimonio cultural e histórico. Grazas por estar aí, onte, hoxe e mañá. Agardámosvos moi pronto, após encher as velas, que o noso peito continúa cheo d’espranzas.

Xosé Mª CASTAÑO PRIEGUE: “A barca”. Revista Nós, 136, 1936, p. 7.
Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

1 comentario en “Bruarán novos ventos”

Deixa un comentario

Publicidade