“A historia dos escravos sempre foi unha historia agochada, secundaria e esquecida”. Entrevista a Adur Intxaurrandieta Ormazabal

Adur Intxaurrandieta Ormazabal (Lezo, 1988) é licenciado en Historia Antiga pola Euskal Herriko Unibertsitatea. Ao rematar a súa formación nesta universidade, decidiu especializarse e doutorarse en Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela. Grazas a súa formación, coñeceu a realidade das sociedades subalternas como as de Sicilia en tempos da romanización, o cal o motivou a escribir a novela “Rebelión en Sicilia” (2021). Sobre esta, sobre o xénero da novela histórica e sobre a ensinanza das Humanidades e da Historia Antiga conversamos con el en Mazarelos.

1 – Acabas de publicar a túa primeira novela histórica “Rebelión en Sicilia”. Cal cres que é o papel que debe ocupar este xénero na divulgación histórica?

Penso que a novela histórica é o mellor xeito para un público non especializado de penetrar nun período histórico concreto. Despois, se a persoa ten un gran interese na materia, dispón de moito material complementario, como fontes directas de autores do período, fontes arqueolóxicas, diverso material académico etc. É unha boa forma de toma de contacto cun tema concreto. No meu caso, tentei achegar ao público un acontecemento pouco coñecido, unha rebelión de escravos eclipsada pola revolta do célebre Espartaco, pero que tivo unha gran relevancia no mundo antigo.

Penso que a divulgación histórica serve para que a historia sexa mais cercana ao público, cunha forma de contar máis amena, pero sempre consciente de que é ficción e non historia. Esta parte é moi importante, xa que a novela histórica é máis “novela” que “histórica”. A análise do pasado é un traballo complexo, e ten moitos buratos que se poden encher coa imaxinación nunha obra literaria, pero iso non o fará realidade, e o autor debe ser moi claro niso para que o lector teña claras as limitacións dunha obra literaria que trata de recrear unha época pasada coa mentalidade do século XXI.

2 – No teu caso es Doutor en Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela. Cales foron as principais vantaxes e limitacións para escribir unha novela histórica con formación académica especializada?

A vantaxe é que sei como traballar para conseguir información que aporte mais verosimilitude á obra. Recrear unha sociedade, neste caso a Sicilia helenística, é moi difícil, pois sempre tes que revisar aspectos moi distintos das sociedades antigas.

Coñecer a metodoloxía histórica axuda neste aspecto, pero tamén fai que traballe mais amodo, pois teño que contrastar moitas fontes para poder avanzar. 

Tamén penso que a estructura que unha tese de doutoramento ten axuda a crear argumentos mais complexos, con moitas personaxes e situacións diversas. Penso que fixen un bo traballo nese aspecto máis “académico”, aínda que a parte literaria careza da mesma profundidade, pois son un novelista novato.

Rebelión en Sicilia (2021), a última novela publicada por Adur Intxaurrandieta

3 – Na obra dáselle prioridade ás personaxes subalternas como Berenice e Euno. Hai dificultades dende a historiografía para coñecelas?

Hai uns meses, traballei nunha exposición sobre Magallanes e Elcano. Nesa exposición, que me gustou moito, falábase da viaxe que se realizou, e de como, de máis de douscentos tripulantes, soamente chegaron dezaoito a Sevilla. Noutras partes da exposición, contábase o destino deses homes, e como Elcano e outros dous mariñeiros foron á Corte do rei en Toledo para falarlle das súas experiencias. Nun documento exposto contaban como Elcano levou moitos presentes ao rei, ademais de “indios” capturados na viaxe. Polo tanto, os superviventes da travesía non foron só dezaoito persoas, pois tamén había un indeterminado número de prisioneiros.

Con esta pequena anécdota quero remarcar que a historia dos escravos non era importante en xeral, e menos na antigüidade, pois os escravos carecían de historia para os seus donos. Tratábanse coma simples productos que podían manipular á vontade. Polo tanto, a historia dos escravos sempre foi unha historia agochada, secundaria e esquecida. Eu quería reivindicar unha figura relevante que se ergueu nun momento difícil e tratou de defender a súa liberdade, coa axuda de moitos coma el. Nese caso, algunhas fontes falan do conflicto pola súa magnitude, pero non máis de unhas poucas páxinas.

A historia da escravitude era unha historia silente, pero moi presente.

4 – Cres que existen prexuízos históricos sobre a Antigüidade dende a ficción como acontece con outros períodos históricos (exemplo: Idade Media como época escura)?

Sen dúbida. Existe unha percepción, herdeira do Renacemento, que ten ao mundo antigo como unha época de marabillas técnicas e humanas. A Antigüidade foi un período de grandes avances, pero tamén unha época de moita violencia, abusos de poder, violacións, fanatismo etc. Penso que a idealización do pasado, de calquera pasado, é perigoso, pois pérdese a obxectividade coa que debemos analizar a nosa historia.

Os grandes feitos da historia sempre teñen unha cara que resulta escura para os nosos valores actuais. Penso que para realizar unha interpretación máis fidedigna do mundo clásico, temos que eliminar eses valores e tratar de comprender o pasado coas normas de cada momento, aínda que sexa moi difícil pois non temos acceso completo ao pensamento das xentes do período.

5 – Coa recente aprobación do Real Decreto sobre a ordenación e as ensinanzas mínimas de Bacharelato, cal cres que é o papel que terá a Historia Antiga e o latín na ensinanza? Afectará ao achegamento do alumnado ás obras literarias clásicas?

Afectará, sen dúbida. Xa vimos que quitaron a filosofía do Bacharelato, e desgraciadamente, as carreiras máis humanísticas son cada vez máis desprezadas polas altas esferas do poder. Penso que é moi importante coñecer o noso pasado para saber quen somos hoxe. Moitos discursos políticos utilizan a historia ao seu propósito, e hoxe existe moita desinformación nese ámbito. Ter unha educación de calidade, non exclusivamente en historia, mais si en tódolos ámbitos do saber, é vital para o futuro.

Publicidade

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade