Na rúa a Mazarelos 6

Dende hoxe xa está dispoñible o novo número de Mazarelos!

Pódese mercar dende xa na tenda online e ao longo deste días estará nos puntos de venda habituais. Se queres apoiar o proxecto, subscríbete!

Existiron no tempo diferentes formas de marchar. Os que finaron e descansaron sobre a propia pedra; os que marchaban ao Novo Mundo ao soño das Américas, como faría Silvano; ou os que fuxiron cara Europa ante unha persecución que atentaba contra as súas propias vidas. Pero tamén hai memoria e novas correntes que lembran aos que esculpiron a realidade doutro tempo e os espazos que nos axudan a recordar aos que marcharon. Coa capa de Lucía Escrigas e as reflexións de Isidro e Antía, traemos este número 6.

ÍNDICE

Silvano en Asunción. Unha memoria do real e do irreal | Philip Duncan Webb

“Unha ficción que non ten case nada de ficción a pesar de ser totalmente ficticia”. A emigración na novela histórica protagonizada por Silvano e contada por Philip no que se aprecian obstáculos e dificultades que os que marcharon tiveron que sufrir.

Entre gubias e labras. O escultor Luis Ferreiro Peinó no seu centenario | Xose Luis Ferreiro Carballido e Brais Ferreiro Ares

Nesta ocasión o persoeiro vai adicado a Luis Ferreiro Peinó. O seu fillo e o seu neto recuperan a memoria deste artista lucense aos cen anos do seu nacemento que aínda ten moito que contar.

Necrópoles altomedievais galegas. Unha análise arqueolóxica (séculos VI-XI) | Martín Pérez Vale

Como era o tratamento dos mortos nas sociedades do pasado? Sartegos, necrópoles e tumbas altomedievais galegas da man de Martín para comprender os seus elementos definitorios.

As covas do Monte Galiñeiro. Interpretación do patrimonio inmaterial | Carlos Xabier Ares Pérez

As pedras teñen nomes, nas covas aínda se poden escoitar voces e os montes conservan a súa propia memoria. Cóntanolo Carlos a través do caso do Monte Galiñeiro e do gran valor inmaterial que este lugar arraiga na xente que con el convive.

Auxe e caída da morte (do outro) | Jose Manuel Suárez García

Un destino do que ninguén pode escapar, pero no que ao longo do tempo mudou segundo as sociedades cambian. Jose cóntanos neste artigo como era morrer antano, o que marcha e o queda atrás; pero tamén as memorias e as súas fallas.

Os camiños do exilio español. Do golpe de estado de 1936 aos campos de concentación europeos | Alba Garrido Fernández

A persecución ideolóxica levou a centos de milleiros de republicanos a buscar a salvación máis alá das fronteiras españolas. Alba reflexiona sobre as traxectorias e experiencias vitais refuxiados que aterraron nos campos de concentración europeos.

Un selfie autoetnográfico. Escribindo e camiñando cara a aldea cosmopolita | Lucía Álvarez Borrajo

Un exemplo de escritura performativa dende Leiro e cara o mundo. Lucía reflexiona sobre a xestión do territorio e da paisaxe a través da experimentación con metodoloxías artísticas.

Conversa con Isidro Dubert e Antía Pérez Caramés | Miguel Rodríguez Martínez e Roque Sanfiz Arias

Sobre a desmitificación de tópicos sobre o envellecemento demográfico, as políticas de retorno, o alarmismo e moito máis falan Isidro Dubert e a Antía Perez, invitados para a conversa deste novo número.

Nordés, ou como as diferenzas xeran correntes asociativas | Leticia Breijo Fernández e Luis Real Baltar

A asociación Nordés Faladora é un exemplo caro de como dinamizar a sociedade galega mediante actividades culturais e relacionarse co patrimonio local. Desta volta Leticia e Luis cóntannos como reactivaron o entorno e a veciñanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *