Nace o Reino no mapa, unha nova cartografía para o Reino Medieval de Galiza

O Reino no mapa é un punto de partida para a creación dunha nova cartografía do Reino Medieval de Galiza.

Baséanse na elaboración de diferentes mapas que utilizan como nexo de unión o espazo ocupado polo Reino. A intención é mostrar de maneira visual e gráfica diferentes aspectos da organización política, social e cultural do Reino Medieval de Galiza e o seu encadramento na Europa e no mundo da época. Facémolo creando unha nova cartografía deste período, amosando fontes orixinais nas que estivo presente Galiza e acompañándoo cunha contextualización en texto e vídeo , nunha linguaxe sinxela. Todo isto dende novas olladas que teñan en conta aos subalternos, á perspectiva de xénero e expliquen o espazo do Reino de Galiza no mundo ou, o que é o mesmo, poñer o Reino no mapa.

Os mapas

A elaboración do proxecto comezou pola investigación histórica e recompilación de resultados para establecer unha lista de posibles mapas a realizar. Consultamos cun comité de asesoramento (composto investigadores e investigadoras do eido da Historia, da Arqueoloxía, da Historia da arte, do Xornalismo…) cales poderían ser as propostas máis axeitadas.Das 22 ideas que barallamos de posibles mapas, finalmente escollimos os oito máis útiles nunha relación de potencial interese para o público e viabilidade de realización. As temáticas escollidas foron:

A proposta reino.gal pon a disposición en acceso libre materiais didácticos e divulgativos para ampliar o coñecemento e a traxectoria da realidade medieval galega. Todos os materiais poden ser descargados e utilizados libremente, só co requisito de citar a súa procedencia. Con isto, pretendemos que sexan materiais útiles e vivos, un punto de partida para poder seguir afondando no Reino Medieval da Galiza.

Os contidos

Para acompañar cada mapa gravamos unha pequena peza audiovisual nas que investigadores e investigadoras introducen as diversas temáticas presentadas nos diferentes mapas. Ademais, decidimos incluír un pequeno texto acompañando para ubicar e contextualizar cada proposta cartográfica. Na elaboración dos vídeos participaron Jose Carlos Sánchez Pardo, Laura Rodríguez Rodríguez, Miguel García-Fernández, Diana Pelaz Flores, José Miguel Andrade Cernadas e Lucas Sánchez Taboada.

A cartografía medieval

Acompañando estes oito mapas de nova creación quixemos recoller unha escolma de exemplos de cartografía medieval. Unha forma de contextualizar o pasado e interpretar dende o presente o coñecemento territorial que houbo na época. Do ‘Mapamundi do Beato de Girona’ (975) con referencias a Gallaecia e Sti. Jacobi Apstli ao ‘Mapa do Rudimentum Novitorum de Lucas Brandis de Schass’ (1475) coa aparición de Galicia na parte inferior.

Pola nosa parte, queda agradecer a participación de moitos nomes e moitas voces sumadas ao proxecto. En primeiro lugar a TYSGAL, encargados de realizar o tratamento cartográfico dos datos. Tamén a Pedro Iglesias, quen desenvolveu toda a identidade gráfica do proxecto e o deseño final das nosas propostas cartográficas. Do mesmo xeito, a aquelas persoas que participaron no proceso de asesoramento, creación de contidos e investigación dos feitos: José Miguel Andrade Cernadas, Migue García-Fernández, José Carlos Sánchez Pardo, Manuel Gago Mariño, Valerià Paul Carril, Mateo Martínez Torres e Dolores Barral Rivadulla.

Todos estes materiais de libre utilización baixo licenza CC-BY-SA de Creative Commons quedan recollidos na web reino.gal e na perfil de Instragam do proxecto @reino.gal, a cal divulgará estes contidos polas redes. Con todo isto, sigamos poñendo o Reino no mapa!

Este proxecto foi un dos seleccionados e financiados ao abeiro do Fondo de proxectos do Reino de Galicia 2021/2022 da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

5 comentarios en “Nace o Reino no mapa, unha nova cartografía para o Reino Medieval de Galiza”

  1. Boto de menos facer videos máis longos: 5 a 10 minutos. Como profesor uso material diverso e esta moda do TIK TOK non a comparto. Non dá tempo a extender nin especificar o contido.
    Ademais gostaría de que publicárades en formato papel os mapas, tanto os vosos como se se pode os de fontes árabes ou británicas.

    Responder
  2. Como profesor boto de menos videos máis longos, onde se explique de verdade a materia. A moda do TIK TOK …
    Podedes en formato papel editar os mapas vosos e o de fontes estranxeiras? mercaríao xa!

    Responder
    • Boas! A nós tamén nos tivera encantado facer os vídeos máis extensos, pero no tempo que tiñamos para desenvolver o proxecto e antepoñendo os contidos e deseño dos propios mapas optamos por un formato máis de presentación de contidos. Invitámoste a ver outras propostas adicadas integramente ao audiovisual que houbo neste fondo do Reino presentado pola Deputación de Coruña. En canto ao formato papel, xa están dispoñibles na nosa tenda en liña. Vai link: https://tenda.mazarelos.gal/categoria-produto/laminas/

      Moitas grazas polo comentario e agardamos que sexan de bo proveito!

      Responder
  3. Un gran traballo. Parabéns a todos. Encontro interesantes, pola necesaria e tamén orixinal perpectiva, os dous mapa da temáticas da muller.

    Responder

Deixa un comentario

Publicidade