Os alzamentos ditatoriais do pasado século trouxeron violencia, inxustiza e moito esquecemento. No caso do Brasil, a implantación do réxime militar (1964-1985) implicou unha censura total no que a sociedade civil foi perseguida, torturada e asasinada polas súas ideas. Estas consecuencias chegan ao noso presente, pasando en ocasións demasiado tempo sen ser condenadas dende as institucións públicas. A Comissão Nacional da Verdade tardou 30 anos en xurdir para condenar as graves violacións de Dereitos Humanos entre 1946 e 1988, un silencio institucional perpetuado en constante ameaza.
Para combater isto, apareceron toda unha serie de colectivos, grupos de investigación e iniciativas cun obxectivo ben marcado: a democratización do coñecemento dun pasado incómodo. A ditadura brasileira non podía ser formualda na súa sociedade como un suceso do pasado agochado nunha caixa baixo chave. Era preciso abordalo, coñecelo, interpretalo e reprobalo para evitar que se repita e dignificar as súas vítimas.
Neste contexto nace História da Ditadura, un proxecto adicado a repensar os legados autoritarios dende o propio contexto local brasileiro e cara ao mundo. Esta plataforma presenta toda unha serie de contidos con temáticas innovadoras e olladas que van máis alá das datas e feitos puntuais que inundan os libros de texto de forma xenérica e sen profundidade. Combinando a publicación de textos, vídeos, documentación histórica e recursos didácticos, atopamos unha historia e unha memoria de calidade a disposición de toda a sociedade. Unha análise sen silencios nin intereses máis alá da transferencia e difusión do sucedido.
Onde comeza a lexitimación da desinformación? Nas propias aulas. No Brasil existe un gran abismo en canto ás diferenzas sociais que comeza na propia escola. O deterioramento do ensino público componse dunha trama moi complexa: dende os escasos índices de escolarización ata a deficiencia da súa estrutura e investimento público. Atopámonos cun profesorado escasamente remunerado que ten que afrontar aulas ateigadas pero carentes de materiais e infraestruturas. Ráchase esa concepción escolar como espazo de acollida e inclusión para profundar nunha construción identitaria do alumnado. A ensinanza da historia queda relegada á memorización moi diluída e anecdótica, sen abordar o sucedido no núcleo das súas propias familias hai non tanto tempo.
Aquí é onde aparecen esta serie de iniciativas, tratando de complementar ese baleiro con todo tipo de recursos para o desenvolvemento das aulas. E non só adicados aos máis pequenos, senón a todas aquelas persoas interesadas nun proceso tan complexo como os legados autoritarios no pasado e o seu alcance no presente. O proxecto parte do voluntarismo das persoas e da sinxeleza como vantaxe e non como limitación. A presentación do pasado a través da documentación da época, das reflexións e mesmo da síntese.
A resposta nas redes sociais e a creación de toda unha rede de colaboración lexitima un proxecto do que temos moito que aprender. Non só polos seus contidos, senón pola súa metodoloxía plural e adaptada aos novos tempos. Coa cámara e micrófono dun móbil pódese facer unha entrevista de calidade se as preguntas son as correctas e as respostas rigorosas. O formato de podcast permite traer moitos nomes e voces para evitar de apagamento de memoria brasileira, así como levar á vida cotiá a aprendizaxe da nosa historia. Por outra banda, a documentación da ditadura achéganos ás fontes primarias de xeito profundo e visual. O que os Centros de Inteligência das Forças Armadas ocultaron durante anos está agora dispoñible para a sociedade, e a partir do mesmo podemos cotexar e producir novas investigacións. Todo ao alcance da nosa man, transparente e versátil.
Un diálogo que cruzou as fronteiras brasileiras cara a outros procesos similares ao longo do globo. Unha iniciativa multidisciplinar e plural que se achega aos insurrectos e silenciados ao longo da súa historia máis recente. Un exemplo de transferencia á sociedade do que dende Galicia tomar apuntamentos.
Este proxecto forma parte da serie Diálogos Dixitais, en colaboración coa Deputación da Coruña. Nela presentamos, en primeira voz, as experiencias sobre a eclosión, traxectoria, actividades e retos destas novas formas de comunicación que se foron acomodando aos actuais formatos e plataformas.