Mazarelos pecha a primeira etapa da revista coa publicación do número 15

Finaliza o 2024 e con el chega ás casas e librarías o número 15 da revista Mazarelos. Mazarelos pecha así o quinto ano ininterrompido de edición e publicación da revista, desde xaneiro de 2020, con tres exemplares anuais. A portada é autoría de Theresa P. Lousame (@pampillo.store), titulada Redeira e pertencente á colección Cotiá.

A revista vén acompañada, como é habitual, de temáticas variadas relacionadas coa historia e a cultura. Abre o número unha entrevista a Hermann Parzinger, presidente da Fundación do Patrimonio Cultural Prusiano, realizada por Mar Pereira Gómez. Coas súas respostas podemos coñecer como é traballar en climas extremos ou como descolonizar adecuadamente os museos. Esta temática tamén a aborda o artigo de Manuel Castelao Ouzande, que analiza o esquecemento, a negación ou a exaltación do pasado colonial español en África, Asia e América. 

Outros dous artigos céntranse na sociabilidade durante o franquismo, mais en etapas diferentes. Nerea Garrido Casado analízaa dende unha ollada relixiosa durante a posguerra, tomando o caso de Maceda como protagonista e centrándose en aspectos como as festas do verán nesa bisbarra ou o grao de aceptación popular deste novo paradigma social. Máis adiante, Alexandre Varela Rubín lévanos ata o tardofranquismo para coñecer mellor unha realidade que hoxe nos sorprende: os teleclubs, espazos onde ver a TV antes de que fose accesible economicamente ao público xeral, e o seu papel na conformación de lazos comunitarios, así como o control exercido polo aparello franquista.

Dous artigos lévannos un pouco máis atrás no tempo. Un deles é o de Paloma Fachal García, o cal está centrado tematicamente en analizar o relicario Caput Argenteum e outras representacións do apóstolo na Catedral de Santiago. Así mesmo, Ana M. Sixto Barcia trasládanos aos séculos XVIII e XIX para achegarnos ao estado da educación, especialmente da feminina, na Galicia a cabalo entre a Idade Moderna e a Idade Contemporánea.

A entrevista deste número está protagonizada por Bruno Arias e Lidia Veiga, director e actriz no filme Os espazos en branco, o cal amosa a ollada subxectiva de Bruno cara á súa tía, a escritora Xela Arias, á cal apenas coñeceu. A partir de aí conversan sobre o papel da mocidade no cinema, a oferta en plataformas dixitais ou a presenza cultural no rural.

En penúltimo lugar, no marco do tradicional artigo dedicado a unha asociación ou entidade, Rocío Castro preséntanos a Casa de Rosalía, sita en Padrón, unha das institucións culturais máis importantes do país en número de actividades pero tamén polo seu simbolismo histórico.

Finaliza a revista número 15 dúas recomendacións editoriais elaboradas por Arturo Real López e Adrian Feijoo Sánchez.

«Bruarán novos ventos»

Mazarelos aproveita o editorial, titulado con esas palabras, para anunciar que abre unha pequena pausa na publicación da revista. Considera positiva a traxectoria até o de agora ao ter contribuído a cubrir un oco na divulgación histórica dentro do panorama cultural galego, con máis de 300 artigos publicados entre a web e a revista en papel. Pero, advirte, “vivimos tempos marcados pola velocidade, pola urxencia e pola caducidade acelerada das ideas e dos proxectos”. 

Por iso, a entidade considera necesaria unha pausa na cal repensar a revista para “que manteña a súa esencia pero sexa quen de seguir sorprendendo, motivando e inspirando”. Esta reflexión incluirá un proceso de escoita e debate coas persoas interesadas nos contidos da revista en papel e da web para “coñecer o que esperades desta iniciativa e integrar as vosas ideas nesta nova etapa”, o cal se detallará nas vindeiras semanas.

Capa: redeira, por Theresa Lousame

Bruarán novos ventos – Equipo editorial

Entrevista a Hermann Parzinger – Mar Pereira Gómez

O outro Santiago. A conservación e o culto das reliquias de Santiago o Menor e outras representacións do apóstolo na catedral – Paloma Fachal García

A educación feminina en Galicia (s. XVIII-XIX) – Ana M. Sixto Barcia

Sociabilidade relixiosa no mundo rural de posguerra – Nerea Garrido Casado

Amnesia, negación ou rebumbio? España perante os pasados coloniais – Manuel Castelao Ouzande

“Á lus do televisor”. Ocio e comunidade no rural tardofranquista a través dos Teleclubs” – Alexandre Varela Rubín

“O fondo da pota queimouse, e hai algo que temos que raspar”. Entrevista a Bruno Arias e Lidia Veiga – Brais Ferreiro Ares e David Miguel Rodríguez Martínez

“Cincuenta anos máis para a Casa de Rosalía” – Rocío Castro

Recomendacións editoriais – Adrián Feijoo Sánchez e Arturo Real López

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade