Chegou a Mazarelos 11!

Chega en setembro o número 11 de Mazarelos con novas perspectivas e temáticas. Arranca o número Miguel cunha reflexión sobre a supervivencia das linguas indíxenas mexicanas a través do caso do p’urépecha. Continúa Santiago falando sobre a música galega ao outro lado do Atlántico nas grandes migracións ás Américas, as súas pervivencias e a súa prosperidade. Logo Arturo reflexiona sobre a Transición e os diferentes discursos que adoptou e continúa a adoptar, en ocasións polarizados e pouco críticos. A entrevista no Bar Recantos foi protagonizada por Olalla e Rebeca, que nos falaron sobre o proxecto PollutedPast, a historia medioambiental, a multidisciplinariedade na arqueoloxía e a situación laboral das mulleres na investigación. Pecha o número a Asociación Cultural Alexandre Bóveda coa súa historia, as súas actividades actuais e as perspectivas de futuro. Coa capa de Aroa Outón.

Podes facerte co exemplar en papel, dixital ou subscribirte á revista e contar con todos os anteriores na hemeroteca en liña na nosa tenda

Como sobreviviron as linguas indíxenas de México? Apuntamentos sobre o p’urépecha – David Miguel Rodríguez Martínez
A conquista do territorio mexicano no século XIV tratou de exterminar os elementos autóctonos, pero as resistencias e hibridacións culturais permitiron certas supervivencias. Miguel fai un breve repaso do caso p’urépecha, lingua que na actualidade conserva máis de 100 mil falantes e que representa un dos exemplos da súa pluralidade cultural.

A preservación dunha nación alén do mar: música e identidade galega nas Américas – Santiago Guerra Fernández
Santiago neste traballo buscou analizar o significado da música nacida no seo das sociedades americanas para o desenvolvemento da identidade galega moderna, así como investigar a mestizaxe que se produciu con outras tradicións musicais.

De camelias, mocións e emocións. Memoria e relato da transición – Arturo Real López
Ao longo dos anos existiron diferentes interpretacións sobre a transición, abrindo o debate de se é un discurso crítico e imparcial ou polarizado e oportunista. Arturo trae algunhas reflexións sobre esta cuestión, así como a súa conexión co presente.

Os pastos mistos. O derradeiro vestixio do Couto Misto – Serxio María Rodríguez Álvarez
Que foron os pastos mistos? Que implicacións tivo a desaparición do Couto Misto como suxeito político? Serxio aborda dende a tradición agrícola e a economía doméstica as formas de explotación históricas da zona. O que foi, como foi e o que puido ser.

“Cando barallamos sobre o futuro cústanos pensar como afectaron ás persoas os cambios climáticos”. Entrevista a Olalla López Costas e Rebeca Tallón Armada – Brais Ferreiro Ares e Miguel Rodríguez Martínez
Nesta conversa, desde o compostelán Bar Recantos, falamos sobre o proxecto PollutedPast, a situación laboral e a presencia feminina no eido da investigación arqueolóxica, a historia medioambiental, a metodoloxía transdisciplinar e moito máis.

Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Medio século defendendo a cultura e os sinais nacionais do pobo galego – María Xosé Bravo e Xosé Manoel Sánchez Rei
Pechamos este número 11 cunha asociación nacida no tardofranquismo cunha longa traxectoria e evolución na difusión cultural galega. María Xosé e  Xosé Manoel fálannos dos proxectos actuais da asociación e das perspectivas de futuro.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade