O primeiro número do 2024 xa saíu do prelo. Trátase da Mazarelos 13, a revista que arranca o quinto ano de existencia da publicación. Vén cargada de artigos enmarcados en campos tan variados como a historia, o dereito, a xeografía e a diversidade sexual e de xénero. Nesta ocasión atopamos na capa unha ilustración fermosa de Rosa de Cabanas na que aparecen dúas mulleres leiteiras cunhas contornas que se mesturan co fondo branco.
Comeza o número Amelia Fidalgo cunha entrevista a Mihaela Ciobanu pertencente á chamada “xeración coa chave ao pescozo” durante a Romanía de Ceaușescu. Segue Pablo Molejón, desde as conservas da Ría de Vigo do século pasado, para darnos a coñecer á moza Rosa Monteagudo.
Despois Sara De Torres dános a coñecer a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW), un organismo da ONU descoñecido para a maioría. Logo Aldara Castro convídanos a dar un paseo polos parques composteláns parándonos a pensar no modelo urbanístico que hai detrás da súa ordenación.
En penúltimo lugar conversamos con Pilar Cagiao e Domingo González Lopo, profesores da Facultade de Xeografía e Historia sobre o fenómeno migratorio desde a Idade Moderna. E pecha Alba Casas, integrante da Rede Galega de Estudos Queer, falando das súas orixes e do seu papel na conformación dun espazo académico coa diversidade por bandeira.
A xeración coa chave ao pescozo. Entrevista a Mihaela Ciobanu – Amelia Fidalgo
Mihaela Ciobanu pertence á chamada “xeración coa chave ao pescozo”, nome co que se coñece ás crianzas que naceron entre 1965 e 1989, durante a Romanía de Ceaușescu. Amelia Fidalgo preguntoulle sobre o seu día a día de pequena e as visións que hoxe ten a sociedade romanesa daquel período.
Historias de boleros e pobreza. Experiencias dunha moza conserveira (1946-1964) – Pablo Molejón Fontán
Baixamos ata a Ría de Vigo. Desde alí Pablo Molejón ofrécenos este texto con perspectiva de xénero sobre as mulleres conserveiras a mediados do século pasado. En concreto, achegámonos a este mundo a partir das vivencias da moza Rosa Monteagudo.
Dereitos das mulleres como Dereitos Humanos. Do silenciamento ao Dereito Internacional – Sara De Torres Riveiro
Neste texto coñecemos a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW), unha entidade de Nacións Unidas. Sara De Torres explícanos a súa xénese, o seu funcionamento e os principais logros acadados grazas á súa existencia.
30m2. Unha ollada ao sistema de parques compostelán – Aldara Castro Meizoso
Seguro que paseaches polos parques composteláns de Belvís ou Bonaval. Pero algunha vez repararas no modelo urbanístico detrás da súa ordenación? Aldara Castro fai un balance da situación actual dos espazos verdes da capital galega e de como a pandemia puido cambiar a nosa relación con eles.
“É chamativo ver como os problemas das mulleres se repiten secularmente no mundo da emigración”. Conversa con Pilar Cagiao e Domingo González Lopo – David Miguel Rodríguez Martínez e Brais Ferreiro Ares (ent.); Andrea Rivas Fiel (fot.)
Conversamos con Pilar Cagiao e Domingo González Lopo, profesores titulares da Facultade de Xeografía e Historia de Compostela. El traballa coa Idade Moderna e ela coa Contemporánea, pero ambos teñen estudado o fenómeno migratorio. Centramos a entrevista nesta cuestión para coñecer como foi cambiando ao longo dos últimos séculos.
Rede Galega de Estudos Queer. Un espazo de pesquisa sobre xénero e sexualidade na Galiza – Alba Casas González
Finaliza a revista o clásico artigo dedicado a unha asociación. Neste caso Alba Casas fálanos da Rede Galega da Estudos Queer: do seu xurdimento durante a pandemia, da súa estrutura, dos seus obxectivos e dalgunhas das principais actividades desenvolvidas nestes catro anos.