Que é o Reino no mapa?

A historia é unha disciplina presente na sociedade e na rede. O Reino no mapa é un proxecto creado por Mazarelos para divulgar o Reino Medieval de Galiza. Baséase na elaboración de diferentes mapas que utilizan como nexo de unión o espazo ocupado polo Reino. A intención é mostrar de maneira visual e gráfica diferentes aspectos da organización política, social e cultural do Reino Medieval de Galiza e o seu encadramento na Europa e no mundo da época.

Facémolo creando unha nova cartografía deste período, amosando fontes orixinais nas que estivo presente Galiza e acompañándoo cunha contextualización en texto e vídeo , nunha linguaxe sinxela. Todo isto dende novas olladas que teñan en conta aos subalternos, á perspectiva de xénero e expliquen o espazo do Reino de Galiza no mundo ou, o que é o mesmo, poñer o Reino no mapa.

A proposta reino.gal pon a disposición en acceso libre materiais didácticos e divulgativos de primeiro nivel para ampliar o coñecemento e a traxectoria da realidade medieval galega. Todos os materiais desta páxina poden ser descargados e utilizados libremente, só co requisito de citar a súa procedencia.

Que podes atopar en reino.gal?

No reino.gal podes atopar todos os materiais recuperados para a elaboración do proxecto. Elaboramos 8 mapas de nova creación con diferentes temáticas: O Parroquial Suevo (1); O encastelamento no Reino (2); O Monacato no Reino (3); Mulleres na lírica medieval (4); O Reino no comercio marítimo europeo (5); Produción e comercio do viño (6); Nobres galegas en desprazamento (7); e As sete provincias galegas (8).

Ademais disto, tamén presentamos unha escolma de mapas con referencias a Galicia ou ao Reino ao longo da época medieval. Algúns exemplos son o Mapamundi do Beato de Girona (975), a Tábula Rogeliana de Al Idrisi (1154) ou o Mapa do Rudimentum Novitorum de Lucas Brandis de Schass (1475).

Cada mapa de nova creación aparece acompañado por un breve texto, e un vídeo no que unha persoa investigadora ou especialista na materia contextualiza as principais liñas destes deseños gráficos presetnados.

Novos mapas

Creamos unha selección de 8 mapas con diferentes temáticas e contextos para abordar a historia do Reino de Galicia:

Cartografía medieval

Recuperamos cartografía de época medieval na que Galicia aparece sinalada nos diferentes mapas presentados:

Vídeos explicativos

Acompañamos cada mapa creado coa explicación dunha investigadora ou especialista en cada temática tratada:

Quen o fixo?

Mazarelos foi a entidade responsable da elaboración do proxecto, dende a idea inicial até o resultado final. Participaron neste proceso David Miguel Rodríguez Martínez (Graduado en Historia), Roque Sanfiz Arias (Graduado en Historia), Laura Rodríguez Rodríguez (Graduada en Historia e Xornalismo) e Andrea Rivas Fiel (Graduada en Historia).

A empresa TYSGAL foi a encargada de realizar o tratamento cartográfico dos datos e Pedro Iglesias foi o responsable da identidade gráfica do proxecto e da transformación dos mapas até o resultado final.Na elaboración deste proxecto houbo outras voces que axudaron ao seu desenvolvemento: asesoramento histórico, participación na divulgación audiovisual dos contidos dos mapas etc. Agradecemos profundamente a colaboración de José Miguel Andrade Cernadas, Diana Pelaz Flores, Miguel García-Fernández, José Carlos Sánchez Pardo, Manuel Gago Mariño e Dolores Barral Rivadulla. 

 

O Reino no Mapa é un dos proxectos seleccionados do Fondo de proxectos do Reino de Galicia 2021/2022 da Deputación da Coruña.