“Para os socialistas a recuperación da memoria democrática é unha esixencia dos nosos valores”. Entrevista a Noa Díaz Varela (PSdG-PSOE)

Hoxe temos connosco a Noa Díaz Varela, candidata designada polo PSdeG para responder ás preguntas de Mazarelos nesta xeira de entrevistas electorais. Naceu no Saviñao (Lugo) no 1974. É licenciada en Xornalismo pola USC e en Publicidade e Relación Públicas pola UVigo. Dende 1995 até o 2019 foi xornalista do gabinete de comunicación da USC. Actualmente é Concelleira de Educación, Xuventude, Igualdade e Política Lingüística no Concello de Santiago, Secretaria Xeral de Cultura do PSdeG e candidata número 2 pola provincia da Coruña ao Parlamento galego por dita formación política. Noa Díaz Varela, que tal estás? 

Ola, que tal, Brais? Ben, ben. Con moito ánimo a verdade.

Como sabes, non falta nada para que se celebren as eleccións do vindeiro domingo e por iso dende a Revista Mazarelos nos gustaría que se falase un pouco dalgúns temas que non adoitan ter protagonismo nas campañas electorais pero que nós consideramos importantes como revista de historia e cultura que somos. Se che parece comezamos coa primeira das preguntas.

Si, paréceme ben.

1) Memoria Histórica. Moi ben. Falamos primeiro de memoria histórica. En xuño de 2019, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a aplicación da Lei de Memoria Histórica do ano 2006. Non obstante, en Galicia segue habendo exemplos como o Pazo de Meirás ou as figuras de Isaac e Abraham que mostran unha ineficacia latente. Precisamente agora está de actualidade o xuízo do Pazo de Meirás. Ten o teu partido algunha política prioritaria sobre Memoria Histórica?

Para os socialistas a recuperación da memoria democrática é unha esixencia dos nosos valores e ademais é un exercicio de maduración colectiva. Por iso nós, tal e como dicías na túa pregunta, aseguraremos o cumprimento estrito da Lei de Memoria Histórica de 2006. O noso compromiso, o compromiso do PSdeG, está fóra de toda dúbida.

O que si temos claro é que precisa avanzar, entre outras cousas, no recoñecemento e reparación das vítimas da Guerra Civil e da Ditadura. Tamén na exhumación das vítimas do franquismo, que continúan en foxas comúns e que ademais en Galicia se contabilizan por varios, e non poucos, centos. 

Ademais, unha vez cheguemos ao Goberno, continuaremos avanzando en accións para a retirada de simboloxía franquista, tal e como di a Lei, dos lugares públicos, e da recuperación de bens, como ben dicías na túa pregunta, como o Pazo de Meirás, para o patrimonio público, que deben ser, dende logo, devoltos aos seus titulares. Por certo, neste asunto teño que lembrar que a vía xudicial sobre a titularidade do Pazo abriuse a raíz dunha proposta do Grupo Socialista na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia. Despois si que tivo colaboracións de distintas organizacións e organizacións políticas, que agradecemos, pero creo que está ben que o digamos.

Por falar doutra cuestión, por exemplo das figuras de Isaac e Abraham, o Concello de Santiago, agora gobernado por nós (eu formo parte dese equipo de Goberno), tamén continuamos co reclamo deses bens para o patrimonio público.

2) Patrimonio. Moi ben. O segundo polo que che queremos preguntar é polo patrimonio. O noso patrimonio artístico e cultural galego é sumamente singular e único. Porén, pese as existentes lexislacións de protección, rehabilitación, etc., é relativamente frecuente escoitar ou ler noticias relacionadas  con neglixentes destrucións físicas do mesmo. Que propón o teu partido para garantir a plena preservación do patrimonio?

De primeiras eu creo que falando do patrimonio cultural hai que ter en conta que a xestión do Partido Popular foi especialmente negativa: reduciron os orzamentos nesta materia máis dun 50% e ademais houbo unha desidia neste ámbito que levou á desprotección do noso patrimonio. Isto é así porque durante máis dunha década con Feijóo non houbo ningún tipo de planificación na xestión do Patrimonio. Apenas houbo unha especial atención aos bens da Igrexa, que recibiu a maior parte dos orzamentos dedicados á rehabilitación e mantemento patrimonial, sen que, excepto algunha outra acción minoritaria, fixera grandes avances na conservación dos nosos elementos patrimoniais máis significativos. Ademais en Galicia todos sabemos que é un foco de especial atención na cuestión do Patrimonio. Tampouco a Xunta de Galicia foi capaz de elaborar e publicar o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia que, cremos os socialistas, é un instrumento principal para salvagardar ese patrimonio.

Polo tanto, dende o meu partido cremos que é necesario e urxente pór en marcha unha nova estratexia de xestión do patrimonio cultural, na que debe primar a planificación, protección, salvagarda e difusión do noso patrimonio cunha política certamente transversal (isto que vou dicir agora é moi importante) que impulse a relación entre a cidadanía e o patrimonio, que creo que é algo que está bastante esquecido. Para iso, por unha banda o primeiro é elaborar ese Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, que a Xunta de Galicia non foi capaz de poñer en marcha, polo menos non de telo feito; e, por outra, nós o que si pensamos no partido é que debemos ser conscientes de que unha correcta xestión do potencial de desenvolvemento do noso patrimonio cultural esixe facer fincapé na súa sustentabilidade, que á súa vez require atopar un equilibrio xusto entre extraer beneficios dese patrimonio e preservalo para as xeracións futuras que teñen todo o dereito a desfrutar del como nós.

3) Cultura. Ben, falemos de cultura. Moitas persoas viron aliviada a corentena grazas ao sector cultural, que de maneira desinteresada en moitas ocasións, axudou a amenizar o tempo de confinamento. Isto demostrou a enorme importancia que ten a cultura para o conxunto da sociedade, aínda que non sempre se valore como se debería. Agora que volvemos pouco a pouco á normalidade, que medidas cres que precisa o sector cultural galego para ser potenciado e para medrar?

A ver, as propostas que temos no partido socialista respecto á cultura, de primeiras o que son é transformadoras da pasividade do actual goberno, quen tendeu a ignorar á xente da cultura absolutamente. Non había planificación nin había estratexia. Nós propoñemos desenvolver políticas fundamentadas en varias cuestións: o fomento da creatividade como motor económico, centrándonos nos cerca de 30.000 postos de traballo que presenta este sector; facilitar o acceso universal á cultura como un dereito da cidadanía; ou aproveitar os núcleos de coñecemento de creación cultural e artística da Comunidade para levar a cabo estratexias de desenvolvemento local, esto é moi importante. Tamén fomentar unha produción cultural e artística profesionalizada ou promover a educación creativa nos contextos educativos. 

Xa directamente sobre a pandemia. Efectivamente, cambiou moitísimos as circunstancias nas que vivimos e demostrou que a cultura é algo fundamental e que, dalgún modo, grazas a ela puidemos levar este confinamento dunha mellor maneira. Temos que resaltar que a Xunta de Galicia, despois da etapa de confinamento, presentou un plan de reactivación do sector cultural e turístico que, máis ben, foi un intento de reprogramar toda a actividade cultural que había; tivo un alcance insuficiente e estaba carente de medidas importantes e de calado. Nós, os socialistas, cremos que é posible duplicar os fondos adicados aos diversos programas alí propostos aplicando recursos novos en vez de limitarse ao que xa existía.  Neste senso, o noso programa cultural da era post-Covid propón incrementar o gasto en cultura nun 20% no 2021 co obxecto de poder, canto menos, achegarnos ao 1% do total do gasto público tal e como recomenda a diagnose do Consello da Cultura Galega. Ademais, levaremos a cabo un programa para o fomento da lectura, completando a rede e reforzando o acceso telemático aos fondos para facilitar o uso en todo o territorio, incrementando tamén o orzamento para a adquisición deses fondos.

Tamén poremos en marcha algo que non fixo a Xunta de Galicia nestes 11 anos: un proceso dialogado cos axentes principais da cultura e da dinamización da lingua para elaborar un pograma especial, adicional ao que consideramos anteriormente para 2021, que contribúa a reactivar os sectores culturais. Referímonos, por exemplo, a unha programación especial reforzada que recupere eventos aprazados que non foron programados durante o ano 2020, e que poña á cultura ao alcance da cidadanía no conxunto do territorio. Algo importante a subliñar é que sería complementaria á liña do Xacobeo 2021. Ademais, tamén habería unha liña de crédito para impulsar a reactivación cultural, coa bonificación dos xuros e o reforzamento dos avais, que comprometa un mínimo de 10 millóns de euros de fondos públicos para mobilizar aproximadamente 160 millóns de euros en total. Despois, tamén habería unha liña específica para o emprendemento cultural. Como última acción nesta era post-Covid, apostamos por un impulso á economía creativa e cultural; en colaboración coa CRTVG, a AGADIC, a CRTVE e o IGAPE pretendemos recuperar a producción de produtos audiovisuais, e outros, que foron paralizados xustamente este ano. Tamén destinaremos 5 millóns de euros en axudas para crear unha nova liña IGAPE que permita avalar ata 20 millóns de euros ao sector cultural e audiovisual neste caso.

4) Investigación. Finalmente, non nos gustaría pasar por alto a investifación en materia de ciencias sociais. As recentes polémicas sobre a conciliación laboral e familiar no mundo da investigación posdoutoral poñen de manifesto as trabas existentes para a consolidación dunha carreira investigadora estable. A este futuro incerto cómpre engadirlle o desleixo que adoita existir cara as ciencias sociais, imposibilitando e dificultando a continuidade no traballo de investigadores e investigadoras en formación. Que medidas propón o teu partido para impulsar a investigación no ámbito das ciencias sociais?

As dificultades para desenvolver unha carreira académica ou investigadora na universidade están directamente vinculadas ao atranco que se produce pola falta de financiamento das universidades públicas por parte da Xunta de Galicia. Esto impide que estas universidades poidan ter equipos de investigación e sume á decisión de realizar unha carreira academia na precariedade e incertidume do futuro daquelas persoas que se arriscan a desenvolvela, como podedes ser todo o persoal investigador. O marco neoliberal no que se pretende sumir ás universidades deslexitima un dos valores fundamentais: a creación de coñecemento independente e non instrumental; especialmente, ademais, como apuntabas na pregunta, no marco das ciencias sociais. Debemos facer unha defensa da ciencia, da ciencia básica e tamén das ciencias sociais. Iso o que implica é crer na universidade por si mesma e non simplemente polo cálculo do rédito que poida ofrecer o sector privado. 

No tocante á investigación, dende o partido socialista pensamos que debe ser un eixo estratéxico e transversal no noso país. Xa o foi tamén no goberno de Pérez Touriño de hai 15 anos, o problema é que despois non continuou; pero alí xa se marcaron algunhas liñas neste senso. Nós o que propoñemos é aumentar notablemente o investimento público en I+D+I, ademais de incrementar tamén as bolsas predoutorais e contratos postdoc; establecer criterios específicos por grandes áreas; apostamos tamén por un plan de apoio á transferencia de coñecemento; e incrementar os recursos destinados a proxectos de investigación e redes que impulsen a investigación en tódalas áreas e fomenten a conexión entre as universidades e os diversos campos. Propoñemos, ademais, outras duas medidas como é a recuperación das convocatorias anuais de proxectos de investigación e redes científicas e un programa galego de avaliación de actividades de investigación para PDI funcionario contratado.

Na cuestión concreta do persoal investigador feminino, hai algo que a nós nos preocupa como partido feminista que somos: queremos por en marcha programas estables para persoal investigador galego, poñendo especial atención na situación das mulleres. É certo que as mulleres non se dedican á carreira universitaria precisamente por tódolos atrancos que atopán. Entón, nós o que queremos é asegurar nesas convocatorias medidas expresas que protexan cuestións como a maternidade ou a conciliación para que non se produzan esas situacións de desigualdade que vemos tódolos días.

Pois Noa Díaz Varela, moitas grazas por acompañarnos neste pequeno anaco e moita sorte para o domingo. 

Graciñas a vós. Moitas grazas.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade