Proxección e debate: Quen conta a historia recente? Mulleres, memoria e loita estudantil

Mazarelos organiza o vindeiro mércores 13 de maio, ás 19.00 horas, na Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, a actividade “Quen conta a historia recente? Mulleres, memoria e loita estudantil”, unha sesión dedicada a reflexionar sobre as formas de narrar o pasado recente e sobre o lugar das mulleres nos procesos de mobilización política, social e estudantil.

O encontro abrirase coa proxección de En loita (2026), un documental de 30 minutos impulsado por Mazarelos e a Asociación Memoria e Cinema que recupera e visibiliza a participación das mulleres no movemento estudantil galego desde o tardofranquismo ata os primeiros anos da democracia. A peza constrúese a partir dos testemuños de María Xosé Rodríguez Galdo, Nanina Santos Castroviejo, Sabela Mouriz Barja e Celia Balboa Guerra, pertencentes a distintas xeracións universitarias.

A través das súas voces, En loita aborda cuestións como o feminismo, a organización estudantil, a memoria, a historia oral e as formas de activismo desenvolvidas en diferentes espazos e momentos históricos. O documental forma parte dunha liña de traballo de Mazarelos arredor da recuperación de memorias pouco atendidas e da creación de materiais de divulgación histórica con aproveitamento cultural, educativo e social.

Despois da proxección celebrarase un debate coa participación de María Fernández Blanco (HISTAGRA-CISPAC), historiadora e autora de Transición en feminino: das organizacións da ditadura franquista ao feminismo antifranquista e democrático (1960-1989), e Raquel Fernández Reguera, historiadora e autora de O movemento feminista organizado en Galicia durante a Transición (1975-1983).

A conversa estará presentada por Miguel Rodríguez Martínez, historiador e director do proxecto En loita, e abordará cuestións como o valor da historia oral para estudar procesos recentes, a transmisión da memoria das mulleres e a relación entre movemento estudantil, asociacionismo e activismo político na Galicia contemporánea.

A actividade está organizada por Mazarelos e conta coa colaboración da área de Igualdade da Deputación da Coruña a través da VII Edición dos Premios Luisa Villalta, HISTAGRA, o CISPAC, a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Memoria e Cinema.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade