Volta Mazarelos cunha nova tempada e, como cada ano, traemos novidades.
Arrancamos en 2019 como un proxecto de páxina web onde publicar unha serie de artigos divulgativos. Na actualidade contamos con máis de 50 persoas que colaboraron neste medio. A páxina web seguirá publicando artigos semanais, recollendo toda a información das nosas actividades e moito máis.
No 2020, sen saber a que nos viña enriba, animámonos cunha revista en papel. Cinco números despois e a piques de publicar neste mes o sexto, podemos dicir que conseguimos levar algo de historia e cultura ás librarías en galego.
Este ano quixemos facer unha pausa e escoitarvos para seguir medrando xuntas. Entre diferentes propostas, o audiovisual e máis presenza nas redes foron o máis demandado. Un reto que demandaba ferramentas, organización, estudo e tempo que nos levou constituír Mazarelos como Cooperativa Xuvenil.
Agora neste mes de outubro veñen moitas novidades que iremos anunciando pouco a pouco, expectantes da vosa recepción. Aprendendo de vós e convosco, para que poidamos comezar con máis forza, necesitámoste! Acompáñanos nesta aventura subscribíndote á revista, seguíndonos nas redes e compartindo os nosos contidos. Moitas grazas!