Fumaça: xornalismo e investigación

O barrio Alto de Lisboa, punto neurálxico da maioría de xornais portugueses do século XIX, como a sede do emblemático Diário de Notícias, aínda garda esa esencia xornalística e curiosa que parecía case perdida polos seus éxodos cara á periferia da capital portuguesa. Hai unha aura dese nostálxico gremio da información, mais as rotativas e a tinta mudaron cara aos micrófonos e o son. Neste barrio localízase o podcast de xornalismo de investigación, Fumaça. Este novo medio naceu no 2016 co fin de desenvolver audiodocumentais de longa duración para resolver as preguntas que se formulan arredor dos temas que definen a actualidade pero que non aparecen nas portadas dos xornais. 

A metodoloxía de traballo dos membros de Fumaça baséase na premisa inicial da transparencia. Cada dato, cada rexistro ou cada cita está estritamente verificado. Para iso, o equipo do podcast estrutúrase horizontalmente: todos os seus traballadores participan en cada paso da produción e da publicación dos seus contidos. O seu fin principal, tal e como traslada Nuno Viegas, redactor,  é o de consolidarse como un medio de contra-poder. Por iso, o seu financiamento non depende nin responde a entidades privadas, publicidade ou subscricións, senón que buscan o beneficio nas bolsas de apoio á información xornalística como a Fundación Rosa Luxemburgo e nas doazóns mensuais dos oíntes. Desta forma, a liberdade de elixir os temas que merecen ser tratados é o principal precepto da liña editorial do equipo. 

Nos seus proxectos non son protagonistas as novas diarias nin semanais, pero si escollen temas que repercuten na vida da poboación. A saúde mental, a precariedade laboral ou as consecuencias dos procesos de independencia das colonias portuguesas son algunhas das cuestións a tratar por ondas de son. Este formato consideran que é o mellor método para contar historias. Traducen a súa documentación recompilada e tratada durante meses de investigación ao guión da oralidade e da conversa para crear un ambiente de intimidade entre a locución e o oínte. É así como prima a naturalidade e a sustentabilidade fronte ás estratexias dos medios tradicionais. Hai historias que perden o senso ao estar escritas no papel e hai experiencias que non precisan da artificialidade da televisión. 

Así é como se abren novos capítulos de conversa cunha vixilancia activa. Iso provoca situacións incómodas e incluso dolorosas na confrontación coa actualidade. Por iso, non resulta estraño que os temas que tratan abran novas preguntas e levanten esa membrana de hermetismo que frea a xeración de conversas disonantes e de debates inconfortábeis. É así como en publicacións como a serie audiodocumental de oito capítulos, con dous anos de traballo, titulada “Exército de Precários”, afondaron na dureza oficial executada polo Estado ao sistema de traballadores da seguridade privada. A denuncia ás diferentes formas de violencia sistémica cara aos sectores oprimidos da poboación adoita ser un dos eixos a abordar de forma recorrente. Mulleres esixindo liberdades fundamentais no recoñecemento do dereito ao aborto, persoas racializadas,  poboación palestina oprimida polo Estado de Israel, mulleres vítimas de malos tratos domésticos ou membros do colectivo LGTBIQ+ son algúns dos perfís das realidades que merecen ser coñecidas. 

O tratamento da Historia con algúns dos seus sucesos como tarefas pendentes tamén é un asunto a tratar en Fumaça. “O presente é unha escolla da historia”, di Nuno. Os fenómenos socio-políticos que están a acontecer, como o auxe das forzas de extrema-dereita, son a consecuencia e o reflexo máis evidente das asperezas que causan falar sobre eses tabús históricos que garda cada sociedade. A poboación non ten que sentir culpabilidade polos acontecementos pasados mais é preciso recoñecer que aínda hoxe teñen gran impacto. No caso do colonialismo portugués, esta pegada non é cousa de moitas décadas atrás. A independencia de Macau, por exemplo remóntase a tan só vinte e dous anos atrás. 

Outras das evidencias máis flagrantes desta realidade é o illamento entre a sociedade portuguesa e a galega. O descoñecemento do presente portugués aos lazos históricos e culturais con Galicia polo devir histórico reflíctese no tratamento xornalístico entre territorios. O centralismo das capitais fai que se perda a perspectiva dos nexos comúns. O criterio de proximidade tan rimbombante no xornalismo non aplica estritamente nas relacións galego-portuguesas máis aló dos feitos noticiosos que repercuten nas cuestións fronteirizas. 

Fumaça como medio de nova creación non é escéptico aos cambios e ao recoñecemento das melloras. O xornalismo independente ten tarefas que afrontar para continuar co seu labor de influencia sen nesgos. A súa condición e situación illada dos fluxos e condicionamentos económicos aviva a responsabilidade de ser crítico, xa non só co poder imperante a nivel estatal e político, senón tamén cos propios medios e grandes corporacións de comunicación que fortalecen es estruturas de poder hexemónicas. 

Este proxecto forma parte da serie Diálogos Dixitais, en colaboración coa Deputación da Coruña. Nela presentamos, en primeira voz, as experiencias sobre a eclosión, traxectoria, actividades e retos destas novas formas de comunicación que se foron acomodando aos actuais formatos e plataformas.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade