Loitar Saben
É unha serie documental que trata en dous espazos e temporalidades ben diferenciadas experiencias da vida das mulleres galegas. Dámoslle voz a elas mesmas para rachar eufemismos e tópicos que falsean a realidade histórica e, a través das súas lembranzas e memoria, achegarnos a fenómenos do pasado. Dúas pezas audiovisuais que ollan ao pasado e nos axudan a comprender o presente.
Proxectos realizados ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
Fisterra
O primeiro capítulo lévanos á casa de varias veciñas de Fisterra. Rachando a ligazón do traballo doméstico co eido privado, contarannos un día a día nas súas vidas. Dende levantar ás 6 da mañá para ir á halar’e até ir e volver a Cee a vender o peixe á praza camiñando coas sellas á cabeza. As nosas protagonistas demostraron como desenvolveron actividades produtivas levando ás costas a administración da familia e mentres os homes ían na mar.
Loiba Feminino
O segundo capítulo centrarase na experiencia vivida por un grupo de mulleres de Loiba (Ortigueira) a través da creación do Unión Deportiva Loiba Feminino no ano 1989. Unha actividade efémera pero moi significativa da entrada nun espazo de ocio tradicionalmente considerado como masculino que deixou unha pegada na comunidade local.Xuntámonos coas súas protagonistas para facer memoria e difundir un equipo que abriu un camiño e sentou precedentes para as novas xeracións.