O románico arabés conta cunha serie de características que fan do seu patrimonio algo singular. As mulleres medievais da actual provincia tiveron moito que ver na aparición das manifestacións artísticas propias do estilo. Para coñecer máis sobre esta e estas cuestións vencelladas á materia, hai uns anos da man dun grupo interdisciplinario conformado principalmente por historiadores da arte naceu o proxecto Álava Medieval/Erdi Aroko Araba. Traballan coa premisa de que se poden divulgar contidos moi complexos coma estes de formas sinxelas para cumprir cun compromiso coa comunidade. Hai uns meses conversamos con Gorka López de Munain, un dos seus membros sobre estes aspectos.
Cal foi a motivación que impulsou a creación do proxecto de Álava Medieval?
Puxémolo en marcha un grupo de compañeiros e compañeiras aos que nos gustaba moito o tema do patrimonio e que estabamos formados en Historia da Arte. Sempre tiveramos unha relación bastante estreita coa investigación e coas igrexas da provincia pero nunca fixeramos nada relacionado. Xuntámonos e decidimos formar unha cooperativa. Este comezo tamén estivo moi vencellado ao Santuario de Estíbaliz, que é o lugar onde temos a nosa sede. Comezamos realizando actividades sinxelas como visitas guiadas, algunhas primeiras excursións, charlas… pouco a pouco foi crecendo e tomando corpo o proxecto.
Empregades diferentes ferramentas dixitais para difundir as particularidades da historia medieval da provincia. Cales son as principais?
Procuramos combinar as actividades presenciais (cursos, charlas, excursións, visitas guiadas e demais) cunha parte máis dixital. Para iso, puxemos moito peso nas redes sociais e creando certa comunidade. Logo temos unha páxina web á que lle chamamos Canle de Álava Medieval (https://alavamedieval.com) onde imos metendo todo. Esta plataforma empregámola como un arquivo do que tiramos e que imos compartindo en redes sociais ou no noso mailing.
Logo, o outro proxecto que ten unha orientación netamente dixital é o de Patrimonio Aberto. A idea parte de que moitas veces, as igrexas que visitamos están habitualmente pechadas ás visitas. Iso xera moita frustración e sempre quixemos facer algo con ese problema. Por iso, un primeiro paso ten sido esta apertura dixital ao patrimonio. O proceso é sinxelo e consiste na colocación dunha pequena placa discreta no exterior da igrexa e que permite por medio dun código QR. Da acceso a unha serie de recursos que son unha ficha cun texto sinxelo en tres idiomas, fotografías, unha visita dixital en 360º e un vídeo. Na plataforma que acabamos de rematar https://www.ondareirekia.com é onde están as fichas que se van agrupando en roteiros e diferentes propostas. E por outra banda están os vídeos que os subimos a canle de YouTube e que aí teñen o seu percorrido independente. Trala pandemia decatámonos que creceu moito a demanda deste tipo de contidos e aínda que parte desta ten baixado, outra moita quedouse e vemos que funcionan ben.
Cal é a importancia do Santuario de Estíbaliz para o vosos proxecto e para o patrimonio da provincia?
Santuario de Estíbaliz é un dos puntos máis significativos do románico. En Estíbaliz está a patroa de Áraba. O románico arabés é pouco coñecido e pouco valorado e nos sempre quixemos que se coñecera un pouco máis. Estíbaliz sempre pensamos que era o punto de partida perfecto para elo, tanto co Centro de Interpretación que existía antes de nós chegar como pola basílica. Esa é a nosa batalla, complicada pero aí seguimos. O obxectivo da revitalización tamén vai da man do románico.
Un dos temas que máis tratades nas investigacións que difundides é o papel que cobraron as mulleres. Elas, sobre todo as de estamento nobre, foron promotoras da arte románica. Podes afondar nos resgos principais deste proceso e explicar como se integra no voso proxecto?
Falo con permiso de Isabel Mellén que é a compañeira que máis estudou este tema. Traballei con ela nestes asuntos pero é ela quen o lidera. Escribiu o libro Tierra de Damas sobre unha investigación previa financiada pola deputación. Co obxectivo de dar a coñecer o románico tamén queríamos incorporar a perspectiva de xénero porque era necesario e ineludible por moitos motivos. Á hora de investigar descubrimos que se silenciaran moitas veces ás mulleres. Non nos podíamos fiar da bibliografía existente ata o momento porque había moitas omisións que eran fundamentais. Xa non só había lagoas senón que se omitiu o central que é que o impulso da construción deste tipo de edificios foi grazas ás mulleres.
Dentro dos roles de xénero, o matronazgo era algo esencial. Elas eran as que promovían a construción destes edificios e as que se encargaban de mantelo. As mulleres encargábanse de velar pola liñaxe e dentro desta, a construción de igrexas era moi importante porque eran da familia, é dicir, igrexas privadas. Eran familias pequenas, vasalos das liñaxes máis importantes e dos reis. Nesa sucesión de poder, as liñaxes rurais controlaban un pequeno territorio no que exercer o poder e controlar a súa igrexa. Non eran igrexas vencelladas a un bispado. Por iso, a iconografía que nos atopamos é bastante particular xa que en Áraba case non hai imaxes relixiosas. Hai decoración con rostros femininos, moitas iconografía vexetal, formas xeométricas…
Por outra banda, tamén tratades a realidade das mulleres que non pertenceron ao estamento nobre. Contemplades as tarefas que exercían como o culto aos defuntos que se mostran nas chamadas pinturas vermellas da Igrexa de Alaitza representando os cantos fúnebres ou endechas. Que máis descubristes destas funcións que desempeñaban as mulleres?
Esa é a parte máis complicada porque a maior parte da información que nos chega é da nobreza. É a lagoa máis difícil de encher. En Áraba temos moi pouca documentación escrita dos séculos XII e XIII. A maioría está en cartularios de mosteiros ou en libros onde hai información de dotacións ou testamentos. Pero as informacións sobre a vida cotiá atópanse de forma moi solapada. É moi complicado. A Igrexa de Alaitza é a máis ilustrativa porque ten todas esas pinturas. Sempre se dixo que eran do século XIV pero nós reivindicamos que son do século XII.
Estas pinturas son coetáneas á construción da Igrexa. Aparecen moitas escenas como un parto que antes se identificara como un home defecando. Todo o que se lera en clave simbólica, cristián e retoricida en realidade o que se nos está mostrar é un retrato da vida cotiá da época. Neste caso dunha baixa nobreza de ámbito rural. Aparecen os homes indo á guerra liderados por un rei e logo as mulleres realizando outro tipo de actividades. Aparecen varios enterramentos e dentro destes, mulleres acompañando a un cortexo. Non eran cortexos cortesáns senón rurais. Aparecen tradicións como as endechas ou cantos fúnebres. Están ben documentados en épocas posteriores de forma escrita. Consérvanse bastantes endechas escritas en éuscaro e pode que as que aparecen en Alaitza sexan os seus antecedentes visuais.
Si é certo que o coñecemento sobre as clases máis baixas é a gran dúbida. A documentación non chega. Pero en definitiva, as mulleres eran as encargadas de velar pola vida e pola morte. Noutra escena da mesma Igrexa aparece o parto acompañado de mulleres. O parto era un acto exclusivamente feminino ata tempo despois coa profesionalización da medicina. Antes procedíase de forma máis natural.
Para máis información sobre este interesante proxecto podes visitar a súa web https://canal.alavamedieval.com/