Aproximarse á variedade de contas temáticas que existen agora mesmo no Instagram galego é unha tarefa que necesariamente será incompleta. O doado acceso ás redes sociais, o seu carácter intuitivo e as ganas de amosar un proxecto ou un tema que nos interesa, fai que a cantidade de perfís aumente ata facerse inabarcable.
Moitas das contas galegas en Instagram céntranse en dar a coñecer un ou varios lugares, as máis das veces cunha vontade de polos en valor con orgullo. Un bo exemplo disto é @campodafesta. Quen non bailou nunca nun? Quizais non lles damos a importancia que merecen cando estamos neles, pero non deixan de ser parte imprescindible da idiosincrasia galega. Orgullo tamén vemos en @formas.ineditas.galicia, onde se recompilan diferentes formas arquitectónicas tanto de construcións familiares (vivendas, alpendres, hórreos…) como públicas (catedrais, igrexas…). En calquera caso, xeralmente non se mostran as edificacións enteiras, senón que se destaca algunha parte en concreto, como tamén acontece en @galiciatipografica, a cal encabeza este artigo e se centra en amosar rótulos e letreiros que percorremos a diario pero que quizais tampouco valoramos de maneira patrimonial. Algo diferente nos ofrece @arquiteturagz, que si recompila edificios completos, ou @sarga_visual, centrada na divulgación do patrimonio cultural, histórico e artístico do entramado empresarial de Sargadelos. Outros perfís propóñennos achegarnos ao espazo desde o pasado (@vigoantiguo), desde o presente (@anacosdecompostela) ou ambas e ademais incluíndo ás persoas que os empregan (@galicianaimaxe). Aos lugares non só nos podemos achegar a través da fotografía, senón tamén a través do vídeo, e iso é o que nos propón o Concello de Santiago en @compostelafilmada. Os espazos poden entenderse tamén como un obxecto de debate ou como un ben público, e iso é o que nos propón o colectivo @galiza_emocional. E por suposto, as galegas e os galegos emigraron e emigran, e para elas e eles existe a comunidade de @morrinentos.
A Historia déixase ver por Instagram. É unha disciplina inmensa, que se pode abordar desde moitos puntos de vista, o cal permite que cada usuaria ou usuario escolla o seu tema preferido. Algunhas contas optan por unha visión global da Historia ou dunha etapa histórica ampla, e outras optan por centrarse nunha parte dun proceso máis amplo. Por esta última óptica apostan en @galiciaantifranquista, impulsada por historiadoras e historiadores interesados en divulgar a represión e a resistencia antifranquista en Galicia. Ademais, unha rede como Instagram, moi centrada na imaxe e no visual, préstase moito a albergar contidos de Arte nas súas múltiples manifestacións, como podemos atopar en @artedopais.
Unha característica das redes é que permiten pendurar un contido que queremos poñer en valor, para que non se perda ou esqueza e, ademais, facer que chegue rapidamente a un gran número de persoas. Esa é a posta do Concello de Pontevedra en @amemoriadasmulleres, un espazo dedicado ás achegas á Historia das mulleres pontevedresas. Trátase dun exercicio de memoria que tamén podemos ver en @musicasdaterrademontes, impulsada polo músico Rubén Troitiño e centrada en arquivar e non deixar morrer as músicas de Forcarei e Cerdedo mais todo o seu patrimonio material asociado.
As frases curtas e concisas triunfan nas redes sociais. Nuns casos son inspiradoras, noutros chamativas, reivindicativas, divertidas, banais… É sinxelo que nos identifiquemos con algunha delas, e con frecuencias as compartimos. É o que nos amosan perfís como @verbasdaxente, onde podemos atopar fotografías de frases escritas en distintas superficies. @gale.gorico tamén aposta pola lingua e as palabras como tema central, pero neste caso as imaxes só conteñen texto. Ademais, en Instagram tamén podemos atopar un escaparate da literatura galega, desde iniciativas indepedentes como @barullo.gal, que é un fanzine microeditorial, ata proxectos como @oarquivodastrasnas, espazo colaborativo para divulgar a literatura galega de onte e hoxe.
As redes sociais empréganas persoas de todas as idades. Aínda que quizais están máis presentes no día a día das e dos adolescentes, o profesorado tamén fai uso delas. Por iso en Instagram podemos atopar proxectos escolares, porque ben aproveitada non deixa de ser unha ferramenta didáctica coma outra calquera. @galegoparaboomers é un dicionario impulsado pola profesora do IES Leiras Pulpeiro (Lugo) Noemí García e o seu alumnado cuxo propósito é definir e introducir no galego os neoloxismos máis empregados pola mocidade e, de paso, dalos a coñecer entre a xeración boomer. Outro proxecto é @irmandinhasdafala, creado polo alumnado de 4° de ESO A (do curso pasado) do mesmo centro, quen puxo en valor as mulleres que participaron nas Irmandades da Fala.
Non podemos rematar este artigo sen incluír o humor, unha das temáticas preferidas polas persoas que empregamos Instagram. Forma parte do día a día e podemos atoparnos con varias destas publicacións cando navegamos polas stories das persoas que seguimos. En Galicia temos bos exemplos como @galizanred, @memesartesans, @galicianmemes ou @galiciansoflatecapitalism, onde podemos atopar memes, noticias e shitpost relacionados coa actualidade política e social galega.
Estes son só algúns perfís que podemos atopar no Instagram galego. Se te fixaches, algunhas contas levan semanas sen facer ningunha publicación, pero este carácter efémero (outro trazo das redes sociais) non fai que perdan interese ou vixencia: as fotografías, vídeos, textos etc. que conteñen non deixan de ser novos vestixios que nun futuro nos axudarán a entender os nosos días, coma se dun arquivo se tratasen. E ti, que perfís temáticos coñeces e cales botas en falta?
Este proxecto forma parte da serie Diálogos Dixitais, en colaboración coa Deputación da Coruña. Nela presentamos, en primeira voz, as experiencias sobre a eclosión, traxectoria, actividades e retos destas novas formas de comunicación que se foron acomodando aos actuais formatos e plataformas.
2 comentarios en “Perfís temáticos nas redes: unha ollada á comunidade galega en Instagram”
Interesantísimas todas! Só unha cousa, a ligazón a @formas.ineditas.galicia está incompleta e non deixa acceder (que non é difícil buscar o perfil, pero como o resto van ligadas faise máis fácil ir espreitar)
Corrixido! Moitas grazas polo aviso