GUÍA DIDÁCTICA

As mulleres na resistencia antifranquista en Galicia

Esta unidade didáctica propón unha aproximación á resistencia antifranquista en Galicia, cun enfoque central na experiencia das mulleres: guerrilleiras do monte e do chan, enlaces, vítimas e protagonistas silenciadas.

A guía inclúe apuntamentos históricos, fontes de época, mapas, actividades e recursos para traballar na aula a memoria democrática desde unha perspectiva actual.

O proxecto foi financiado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, ao abeiro da convocatoria de subvencións para actividades relacionadas coa Memoria Democrática 2024.


“Atreveríame a afirmar que máis do corenta por cento da nosa guerrilla eran mulleres. Enténdase: non como guerrilleiras permanentes no monte, pero si no resto das actividades, como enlaces, como colaboradoras en diferentes tráfegos.” 


Testemuño de Francisco Rey Balbís,  Moncho, en Xosé Neira Vilas: Guerrilleiros. Sada, Ediciós do Castro, 1992, p. 41.

A guía reúne unha selección de fontes de época, mapas, documentos xudiciais, biografías breves e propostas de aula para traballar a memoria democrática en ESO e Bacharelato. Non é unha unidade pechada: funciona como un pequeno laboratorio, onde o alumnado reconstrúe historias fragmentadas e reflexiona sobre a violencia, o xénero e os silencios do pasado.

O proxecto está pensado para o profesorado de ESO e Bacharelato que queira traballar a memoria democrática como un episodio histórico rigoroso e significativo, ofrecéndolle ao alumnado recursos que faciliten a análise, a interpretación e a reflexión crítica. A guía ofrece unha ampla cantidade de recursos para que o profesorado poda configurar as súas sesións.

Ao mesmo tempo, está aberta a calquera persoa interesada en coñecer estas historias e en facer xustiza coas mulleres que sostiveron, desde o silencio ou a clandestinidade, unha parte esencial da resistencia antifranquista en Galicia.

Os avances na II República | A violencia e os primeiros focos de guerrilla | O papel das mulleres no apoio, na vida clandestina e na resistencia | A lectura crítica de fontes documentais: prensa, expedientes, correspondencia, informes…

Departamento de Historia. Facultade de Xeografía e Historia. Universidade de Santiago de Compostela (USC) | Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX (HISTAGRA) | Asociación de Medios en Galego (AMEGA)

Este material forma parte dun proxecto desenvolvido por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil ao abeiro da convocatoria de actividades de Memoria Democrática 2024, financiado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.