“Construir memoria é construir democracia e construir futuro”. Entrevista a Antón Gómez Reino (Galicia en Común)

Podes escoitar esta entrevista na nosa canle de Youtube

Boa tarde a todas e todos. Hoxe temos connosco a Antón Gómez-Reino, nado na Coruña no 1980, técnico de laboratorio en bacterioloxía e técnico superior en saúde ambiental. É deputado no Congreso dende o 2016 e Secretario Xeral de Podemos Galicia dende o 2018. Actualmente, é candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común-Anova-Mareas. Antón Gómez-Reino, como estás?

Ola, moi boa tarde. Ben, ben; eu estou ben e espero que vós despois destes meses tan estraños para todos, especialmente para a comunidade universitaria, pois esteades ben.

Como sabes, a cita electoral do 12 de xullo está bastante preto e dende a Revista Mazarelos gustaríanos que se falase un pouco máis dalgúns temas que non adoitan ter protagonismo nas campañas electorais pero que nós, como revista de historia e cultura que somos, consideramos importantes. Se che parece comezamos xa coa primeira das preguntas.

1) Memoria Histórica. En xuño de 2019, a Cámara do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a aplicación da Lei de Memoria Histórica do 2006. Non obstante, en Galicia segue habendo exemplos como o do Pazo de Meirás ou as figuras de Isaac e Abraham que mostran unha ineficacia latente. Ten o seu partido algunha política prioritaria sobre a Memoria Histórica?

En primeiro lugar, creo que o fundamental (e diso somos conscientes todos e todas) é que non vale simplemente con que haxa unha acción ou un marco normativo ou lexislativo. En todos os ámbitos, pero tamén especialmente nun ámbito tan sensible como a memoria democrática. Non vale simplemente con normas, senón que é imprescindible que os gobernos se tomen en serio esas normas. É algo parecido ao que pasa en moitos ámbitos nos que temos normas que se aproban, pero que se finalmente non contan con orzamentos valen para pouco. Polo tanto, creo que é fundamental que haxa marcos normativos pero, ademais diso, ten que haber unha vontade política explícita, por cambiar o sentido da recuperación da memoria democrática. Dígoo con total claridade: si se aprobaron normas no Parlamento Galego que falan de memoria histórica, pero creo que é evidente que máis alá deses aparentes, ou teóricos, consensos, o que falta é realmente unha acción decidida por parte da Xunta de Galicia pola recuperación da memoria. 

Nese sentido, nós levamos diferentes iniciativas no programa; unha que me parece relevante é a creación dun Arquivo da memoria e divulgación da verdade. Cremos que é fundamental que haxa unha xenealoxía do que foron as loitas pola democracia e polos dereitos civís, políticos e culturais no noso país. Non simplemente acabar coa simboloxía fascista, senón poñer en valor a todos aqueles suxeitos, individuais ou colectivos, que loitaron pola democracia no noso país, e cremos que é importante que haxa un mecanismo coma este. 

Vinculado a iso, tamén nos parece que ten que haber unha recuperación da memoria histórica do feminismo galego, que foi e é moi fecundo, e tamén do movemento polos dereitos LGTBIQ. É unha parte moi importante do que ten que ver coa loita democrática no noso país e que ten que ter un capítulo especial. 

Ademais, falamos de algo que non é que digamos nós senón que recollemos da sociedade civil: un censo de vítimas do franquismo. Pero que non simplemente sirva coma un listado, senón que avance medidas concretas para a reparación democrática de todas estas persoas; non simplemente recollelos senón poñelos como exemplos positivos de xente que loitou pola democracia. Particularmente, eu máis a actual ministra de traballo -Yolanda Díaz-, e máis compañeiros do noso espazo político no Congreso, levamos moitos anos xa traballando nisto. Tamén nos concellos, onde creo que os concellos da Coruña, Ferrol e Compostela, cando gobernou o noso espazo político, humildemente, deu un paso moi importante na recuperación da memoria. Cremos que nese ámbito hai que recuperar inmediatamente todas aquelas propiedades que están en mans da familia Franco como pode ser a Casa Cornide na Coruña ou o Pazo de Meirás. Ademais diso, parécenos que ten que haber un mecanismo para sinalar todos aqueles lugares emblemáticos de memoria democrática do noso país. Porque construír memoria é construír democracia e construír futuro.

2) Patrimonio. O segundo polo que che queremos preguntar é polo patrimonio. O patrimonio artístico e cultural galego é sumamente singular e único, pero, pese as existentes lexislacións de protección e rehabilitación, é relativamente frecuente escoitar ou ler noticias relacionadas  con neglixentes destrucións físicas do mesmo. Que propón o teu partido para garantir a plena  preservación do patrimonio? 

Eu creo que, como dicía antes, está o normativo e o que ten que facer un executivo galego que se crea esta cuestión. Pero tamén creo que é fundamental que o traballo que se fai desde sociedade civil, desde o ámbito universitario, desde o ámbito académico para recuperar e para facer un labor pedagóxico absolutamente fundamental en todos estes ámbitos. Especialmente nun momento no que hai unha serie de forzas políticas e unha serie de intereses, sobre todo políticos, que tamén están traballando en contra da cultura, en contra do patrimonio, etc. 

Máis alá diso, medidas concretas: por unha parte, cremos que hai que dignificar aos traballadores e traballadoras do sector cultural, e é importante crear un mecanismo de rescate dentro do cultural, que garanta, e amplíe, os dereitos dos traballadores do ámbito da cultura, do audiovisual galego, que é un elemento fundamental; unha nova Lei do Audiovisual, un apoio ao sector escénico e unha lei, tamén, de artes escénicas no noso país. 

E despois cremos que é fundamental que na propia estruturación do próximo goberno galego, haxa unha recuperación da Consellería de Cultura. É unha demanda non só de Galicia en Común, senón do conxunto das forzas progresistas. Non pode ser que haxa unha Consellería que desdebuxe o ámbito cultural e patrimonial con cuestións como pode ser o turismo. Polo tanto, unha recuperación da Consellería de Cultura, e tamén propoñemos unha Lei Galega de Mecenado e de Fondo Social que axude a unha iniciativa historicamente pendente no noso país.

3) Cultura. Sigamos falando de cultura. Moitas persoas viron aliviada a corentena grazas ao sector cultural, que de maneira desinteresada axudou a amenizar o tempo de confinamento. Isto demostrou a enorme importancia que ten a cultura para o conxunto da sociedade, aínda que non sempre se valore como se debería. Agora que estamos xa volvendo á normalidade, que medidas cres que precisa o sector cultural galego para potenciarse e para medrar? 

Falaba xa na pregunta previa dalgunhas delas. Como marco xeral, xa que estou falando de marcos xerais inicialmente, afortunadamente temos un ecosistema cultural a pesar da ausencia de políticas culturais da Xunta de Galicia, ou das políticas culturais que durante anos foron directamente vinculadas a exterminar aos creadores e a todo o ámbito cultural do noso país. A pesar diso, continuamos a ter un ecosistema vivo, e un ecosistema que hai que potenciar, que irrigar con recursos que se repartan democraticamente. 

Nese sentido, cremos que ten que haber un apoio fundamental, ademais se falamos dunha revista como a vosa, á produción cultural vinculado á mocidade galega. Creo que a mocidade é o futuro da nosa cultura e que nese sentido, recoñecendo o impacto difícil que tivo o COVID ademais, na situación laboral dos menores de 35 anos, pensamos poñer unha serie de convocatorias enriba da mesa, bolsas de formación e investigación e tamén implantación de métodos de xestión de espazos públicos, de todos aqueles espazos que permiten que a xente, que a parte máis activa, máis dinámica da sociedade pense, produza cultura e propoña cultura ao conxunto do ámbito cultural.

4) Investigación. Finalmente, non nos gustaría pasar por alto a investigación en materia de Ciencias Sociais. As recentes polémicas sobre a conciliación laboral e familiar no mundo da investigación posdoutoral poñen de manifesto as trabas existentes para a consolidación dunha carreira investigadora estable. A este futuro incerto cómpre engadirlle o desleixo que adoita existir cara ás Ciencias Sociais, imposibilitando ou dificultando a continuidade no traballo de investigadores e investigadoras en formación. Que medidas propón o teu partido para impulsar a investigación no ámbito das Ciencias Sociais?

Creo que o ámbito das Ciencias Sociais nunca se entendeu dende o ámbito institucional, político, académico, cultural, etc., o absolutamente relevante que é ter un abanico de científicos sociais. Nese sentido, eu creo que (ademais nós participamos nun Goberno no Estado) hai que poñer enriba da mesa que ten que haber un Goberno galego que decididamente, ademais de implementar medidas no ámbito económico, orzamentario e político desde a Xunta de Galicia, favoreza que o ámbito investigador nas tres universidades galegas dialogue, negocie e se plante tamén ante o Goberno do Estado para que todos os recursos en materia investigadora que agora mesmo hai, que Galicia non está pelexando por eles, e por situar ás universidades galegas no lugar que lle corresponde aos nosos investigadores e investigadoras, se poñan a disposición. Tamén que pelexemos no ámbito estatal para ter recursos e para que os investigadores e investigadoras galegas poidan estar e ter os recursos necesarios para poder desenvolver a súa carreira exactamente igual que se fai noutras universidades no conxunto do Estado e noutras institucións do conxunto do Estado. 

Polo tanto, creo que o fundamental é crerse que a investigación é futuro. Vímolo no ámbito máis científico vinculado á sanidade, vinculado a outro tipo de cuestións destas últimas semanas. Creo e cremos que se hai que pensar nunha Galicia do futuro, pois ter politólogos, sociólogos, profesionais do ámbito das Ciencias Sociais, que poidan pensar a Galicia do futuro é absolutamente fundamental para o país que temos que construír. 

Pois Antón Gómez-Reino, moitas grazas por responder á chamada de Mazarelos, por acompañarnos neste pequeno anaco e moita sorte para a campaña.

Moitas grazas a vós e moita sorte a todos para que lle deamos un xiro a este país e que toda a xente que estades no ámbito universitario e académico poidades ter un futuro aquí e poidamos construír un país mellor.

Moitas grazas.

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade