Máis que un partido de fútbol? Malvinas, ditadura e usos do deporte

Trala vitoria da Arxentina fronte Suiza e confirmado o cruce en semifinais do Mundial, o seleccionador Lionel Scaloni pronunciaba en rolda de prensa “Es un partido de fútbol, eh? El mensaje es que es un partido de fútbol, nada más”. Porén, ter que verbalizar esta afirmación xa nos anticipa que existe algo máis. Como se apropiou a política do fútbol e da causa das Malvinas? A resposta obríganos a regresar a unha Arxentina rexida polos militares e ao modo no que unha ditadura desacreditada tentou presentarse como intérprete da vontade nacional.

Unha ditadura en crise

A comezos de 1982, a República Arxentina estaba na recta final dunha ditadura responsable dun sistema clandestino de secuestros, torturas, asasinatos e desaparicións. O denominado Proceso de Reorganización Nacional, cunha fórmula cívico-militar tralo golpe de Estado de 1976, levou a cabo unha represión total que buscou eliminar calquera oposición social, política ou sindical ao seu mando baixo o pretexto da necesidade dunha transformación socioeconómica do país. Nun modelo xa esgotado, a estrutura ditatorial deixara unha forte débeda externa e unha debilidade nas formas de control e de ocultar as denuncias sobre os crimes cometidos polo Estado. Foi o 30 de marzo de 1982 cando a Confederación General del Trabajo convocou unha mobilización baixo a consigna «Paz, pan y trabajo». A protesta foi fortemente reprimida e numerosos participantes foron detidos, o que anticipaba a inestabilidade da cúpula cívico-militar.

Tres días despois, o 2 de abril, as Forzas Armadas desembarcaron nas illas Malvinas.[2]. A proximidade entre ambos feitos converteuse nun dos argumentos fundamentais para interpretar a operación militar como unha fuxida cara adiante. A ocupación transformou temporalmente a situación, e a mesma Praza de Maio que fora escenario da represión encheuse de persoas que celebraban a recuperación das illas e a actuación do seu corpo militar. Galtieri apareceu no balcón da Casa Rosada diante da multitude e pronunciou un discurso patriótico. A ditadura presentábase agora como defensora da soberanía nacional.

Inventou Galtieri a causa das Malvinas?

A cuestión das Malvinas vén de antes da ditadura; hai que retroceder aos procesos de descolonización. Arxentina reclamou a soberanía deste arquipélago dende a segunda década do século XIX. Xa inmersos no século XX, no ano 1965, a Resolución da Asamblea das Nacións Unidas recoñeceu a existencia dunha disputa de soberanía xustificada, e a día de hoxe aínda forma parte do Comité de Descolonización como territorio desputado.

Polo tanto, a ditadura non inventou esta causa para establecer unha cortina de fume ante o seu estado feble. O que fixo foi apropiarse dela. Transformou esta reclamación histórica nunha operación militar dirixida por un goberno sen lexitimidade que permitiu reunir arredor dun elemento patrio ao pobo arxentino. En lugar de presentar a ocupación como unha iniciativa particular das Forzas Armadas, o poder militar conseguiu situala como unha empresa colectiva da nación. A recuperación das illas permitiu relegar durante unhas semanas as protestas, reconstruír unha aparencia de unidade. Porén, estudos recentes de Luis Schenoni, Sean Braniff e Jorge Battaglino cuestionan que a necesidade de distraer a opinión pública explique por si soa a decisión[4]. Segundo estes autores, os mandos militares non ignoraban completamente a posibilidade dunha resposta británica, pero confiaron en que a ocupación obrigaría Londres a negociar e en que Estados Unidos mantería unha posición favorable ou neutral. A guerra foi unha operación politicamente útil para Galtieri, pero non necesariamente concibida só como unha campaña publicitaria.

Outra simplificación frecuente consiste en considerar que o resultado estaba decidido desde o principio. Reino Unido posuía unhas Forzas Armadas profesionais, maior capacidade tecnolóxica e unha ampla experiencia de coordinación militar. Ademais, despois dunha mediación inicial, o Goberno estadounidense acabou apoiando politicamente e materialmente o seu aliado británico.[5] Arxentina, pola contra, enviou ás illas numerosos soldados de servizo militar obrigatorio. Moitos eran mozos con pouca formación, insuficiente equipamento e graves problemas de abastecemento. O Informe Rattenbach, elaborado tras a derrota para avaliar as responsabilidades da campaña, describiu unha planificación deficiente e ausencia dunha estratexia conxunta coherente.[6]. A derrota deixou 649 militares arxentinos mortos e revelou a distancia existente entre a propaganda e a realidade da fronte. Mentres os medios controlados polo réxime difundían mensaxes triunfalistas, numerosos soldados padecían frío, fame, falta de material e mesmo abusos dos seus propios superiores.

A fabricación mediática da unidade

Pero a guerra non se librou só nas illas. Tamén se construíu desde os xornais, a radio e a televisión. Titulares como «Estamos ganando» transmitían a sensación de que a vitoria era próxima, mesmo cando a situación militar empeoraba.

Un dos exemplos máis significativos foi o programa televisivo Las 24 horas de las Malvinas, emitido pola canle nacional os días 8 e 9 de maio de 1982. A maratón reuniu artistas, deportistas e figuras públicas para recadar diñeiro e obxectos destinados ao Fondo Patriótico. O espectáculo combinaba entretemento, emotividade e patriotismo, fabricando a imaxe dunha sociedade unida arredor das Forzas Armadas[8]. A ocupación espertou un apoio inicial real porque activaba unha causa profundamente incorporada á identidade arxentina e a manipulación convertía ese sentimento patrio nunha adhesión ao goberno, mesturando apoio á soberanía con apoio á ditadura.

O mecanismo non era novo. Catro anos antes, o Mundial de 1978 fora celebrado en Arxentina en pleno terrorismo de Estado. A Xunta utilizara a competición para mostrar ao exterior unha imaxe de orde e normalidade, mentres funcionaban centros clandestinos de detención a poucos quilómetros dos estadios. O triunfo da selección non foi creado polos militares, pero o réxime tentou apropiarse da celebración popular e presentala como unha confirmación do seu proxecto [9].

A derrota nas Malvinas acelerou a descomposición do réxime e o retorno da democracia en 1983. Catro anos despois da guerra, Arxentina enfrontouse a Inglaterra nos cuartos de final do Mundial de México. Diego Armando Maradona marcou o primeiro gol coa man despois de dicir, segundo palabras do seu compañeiro Brown: ““Cuando terminamos de escuchar el himno, todos callaron… y oímos a Diego gritar: ‘¡Vamos eh, vamos que estos hijos de puta nos mataron a nuestros pibes, a nuestros amigos y vecinos!’”. Arxentina gañou o partido e acabaría proclamándose campioa. Maradona expresou posteriormente esa lectura. Na súa memoria, o partido estaba ligado aos mozos enviados ás illas e á sensación de que a vitoria devolvía, aínda que só simbolicamente, algo do perdido. O fútbol proporcionaba un relato máis soportable: nun campo neutral, o país derrotado podía converterse en vencedor grazas á habilidade do seu maior ídolo. A prensa tamén contribuíu a construír esa interpretación. Carlos Sebastián Ciccone analizou como determinados medios nacionalistas recuperaron durante México 1986 a cuestión das Malvinas, incluíron testemuños de excombatentes e presentaron o encontro como continuación simbólica dun conflito non resolto[10]. O fútbol funcionou como espazo para reelaborar unha derrota que a sociedade arxentina aínda non conseguira integrar plenamente.

Máis ca un partido?

Coa confirmación do cruce en semifinais despois de 20 anos entre ambas seleccións, a memoria das Malvinas volveu unha vez máis ao presente. Un partido non resolve a disputa, non devolve os mortos nin afonda na causa colonial, pero crea un momento colectivo no que unha sociedade volve falar da súa historia. A cuestión non é, polo tanto, impedir que Malvinas entre no estadio, senón preguntarse que memoria entra con ela. O perigo aparece cando esa memoria queda reducida a unha revancha: Inglaterra convertida nun inimigo eterno, unha derrota militar compensada con goles e a causa das Malvinas separada das responsabilidades da ditadura que se apropiou dela. O resultado da semifinal non modificará a historia. A maneira de contalo, en cambio, mostrará se Arxentina utiliza o fútbol para comprendela ou, unha vez máis, para simplificala.

“Sabemos que queremos recuperar las Malvinas, pero sabemos mucho menos cómo queremos que sea el país que las recupere. Esa también es una discusión que deberíamos dar”
Federico Lorenz, historiador

Notas

[2] Sobre a mobilización sindical do 30 de marzo de 1982 e a represión exercida pola ditadura, véxase Carla Sangrilli, «La combativa CGT frente a la cuestión Malvinas (1982)», Revista Escuela de Historia, vol. 11, núm. 1, 2012.

[3] Asemblea Xeral das Nacións Unidas, Resolución 2065 (XX), «Question of the Falkland Islands (Malvinas)», 16 de decembro de 1965.

[4] Luis Schenoni, Sean Braniff e Jorge Battaglino, «¿Fue la crisis de las Malvinas una guerra de distracción? Una reinterpretación del declive argentino a través de la teoría prospectiva», América Latina Hoy, núm. 89, 2021, pp. 37-57.

[5] Sobre a mediación e o posterior apoio estadounidense a Reino Unido, véxase Office of the Historian, U.S. Department of State, «The Reagan Administration and the Anglo-Argentine War of 1982».

[6] Comisión de Análisis y Evaluación de las Responsabilidades en el Conflicto del Atlántico Sur, Informe Rattenbach, 1982-1983. O informe permaneceu durante décadas cun acceso público moi limitado e foi desclasificado oficialmente en 2012.

[7] Imperial War Museums, «A Short History of the Falklands Conflict». A institución destaca tanto a superioridade estratéxica británica como os riscos loxísticos e as importantes perdas provocadas polos ataques arxentinos.

[8] Agustín José Poletti e Malena Tanevitch, «Las 24 horas de Malvinas», Nimio. Revista de la Cátedra Teoría de la Historia, núm. 9, 2022.

[9] Sobre as relacións entre o Mundial de 1978, nación e autoritarismo, véxase Diego Roldán, «La espontaneidad regulada. Fútbol, autoritarismo y nación en Argentina 1978», Prohistoria, núm. 11, 2007.

[10] Carlos Sebastián Ciccone, «Malvinas en México 86. Una lectura en clave política de la prensa nacionalista», Universidad Nacional de La Plata, 2016.

Web |  Máis artigos

Teo, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de doce meses na Benemérita Universidad Autónoma de Aguascalientes. Estudei o mestrado de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (2019) e o mestrado en Formación de Profesorado (2019). Os meus intereses están vencellados ás implicacións da migración galega tanto nos lugares de destino como nos de partida e aos estudos de xénero na Galicia contemporánea.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade

Relacionados