Catro recomendacións editoriais para o Día do Libro

Aproveitando a celebración do Día do Libro, en Mazarelos abrimos un novo apartado de recensións co que queremos dar continuidade ao labor de divulgación e análise crítica que vimos desenvolvendo tamén desde a edición en papel. Comezamos recuperando catro recomendacións editoriais que publicamos en números anteriores da revista, escollidas por poñer en diálogo o presente coa memoria e por ampliar os marcos desde os que pensamos a historia, a cultura e o territorio.

A lectura crítica é unha ferramenta de transformación. Cada libro é tamén unha proposta para mirar doutro xeito, para interrogar o que parece evidente, para poñerlle palabras ao que custa nomear. Neste novo espazo, queremos compartir voces e obras que nos acompañan no camiño de facer unha historia viva e en constante actualización.

Uma història pequena da Galiza rural (1939-1982) , por Alba Díaz Geada

Que pasou cos sindicatos agrarios? Por que migraban os galegos unha vez pasada a posguerra? Como se explica o medre da Coruña e Vigo? De onde viñan os traballadores da Bazán e Astano nos 70? Cando deixaron as vacas de ter nome? A Galiza do presente explícase en boa medida neste libro. A autora tece as palabras de persoas entrevistadas coa súa ampla bagaxe no estudo da historia rural para explicar o proceso polo que os campesiños pasaron a empresarios. Esta grande transformación, que chamaba Polanyi, estivo chea de actores e institucións que tentaron influír e dirixir o rural galego en distintas direccións: o novo estado franquista da autarquía e a destrución da sociedade civil, o achegamento aos Estados Unidos nos 60, a mecanización e o abandono de explotacións.

Alba Díaz Geada demostra neste pequeno libro a súa gran calidade e humanidade como investigadora. O resultado é un notable traballo de síntese para coñecedores e alleos do rural galego do século XX.

Roque Sanfiz Arias

Historia de la última dictadura militar. Argentina: 1976-1983, por Gabriela Aguilar

Corenta anos despois da reconstrucción democrática, Gabriela Águila ofrece unha visión integral do Proceso de Reorganización Nacional arxentino. O estudo pon no foco as dinámicas rexionais e endóxenas do réxime, destacando a “transnacionalización da represión” e as tensións das Forzas Armadas. A historiadora explora a represión e o terror social como estratexias de control, as liñas de acción dos seus principais axentes, e o intento de aperturismo político cara ao final da ditadura. A súa análise conecta o contexto nacional cos procesos internacionais e examina o relato lexitimador do réxime, ben exemplificado en cuestións como o Mundial do 78 ou o conflito dos Beagle con Chile.

Con esta publicación, Águila aporta unha relevante contribución ao panorama historiográfico nacional; un capítulo incómodo da historia arxentina “cuxas pegadas e marcas sociais e políticas continúan sendo visibles case medio século despois”.

David Miguel Rodríguez Martínez

Fechas que hicieron historia. Diez formas de crear un acontecimiento, por Patrick Boucheron

Un piar no coñecemento da historia son as datas. A datación dun acontecemento histórico di moito do mesmo, tanto de como ou a causa de que se chegou a el, e tamén di moito de como o percibimos no presente. As trinta datas que aparecen nesta monografía do profesor Boucheron teñen moi diversas significacións. A perspectiva coa que se teñen abordado, tamén. Todas teñen en común a súa diversidade, sendo analizadas de forma detallada cunha percepción multifocal que xa visible en obras como a súa “Historia mundial de Francia” (2017).

O libro pretende ser unha obra de referencia sobre historiografía como ferramenta de construción, e en construción. Boucheron leva adiante este traballo de disección de episodios históricos, e de como se construíu a historia con eles, dunha maneira exhaustiva pero amena, aberta tanto a investigadores especializados como a lectores cun interese xeral na materia.

Arturo Real López

Cómo ocultar un imperio. Historia de las colonias de Estados Unidos, por Daniel Immerwahr

Nas últimas eleccións estadounidenses houbo unamplo grupo de cidadáns que non puideron votar por Kamala Harris ou Donald Trump; os máis de tres millóns de residentes da illa de Porto Rico, que carecen dese dereito salvo que residan nalgún dos 50 Estados ou na capital. Esta situación, que é a mesma para os habitantes doutros “territorios non incorporados” coma Guam ou as Illas Virxes, é unha herdanza dunha historia colonial inconclusa, que aínda ten importantes efectos nas vidas de comunidades políticas e étnicas.

Immerwahr fai un repaso desta historia, pero cunha perspectiva ampla. Trátase máis dun percorrido pola relación dos EE. UU. cos seus territorios, comezando coa expansión cara ao oeste a costa da marxinación dos pobos orixinarios; continuando co imperialismo decimonónico e de inicios do século XX, destacando aquí as relacións de corte colonial con Filipinas, Cuba e Porto Rico trala guerra hispano-estadounidense; e despois profúndase no sistema de dominio global apoiado en bases militares, tecnoloxías estratéxicas e conexións asimétricas desenvolvidas despois de 1945. Todo isto cun estilo que casa perfectamente o rigor da investigación co estímulo da boa divulgación.

Adrián Feijoo Sánchez

Máis artigos

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade