Isabel Mellén, filósofa e historiadora da arte conversa connosco sobre o suxestivo mundo da iconografía románica. É autora dos libros Tierra de Damas. Las mujeres que construyeron el románico en el País Vasco e El Sexo en tiempos del románico. Neles aborda temáticas diferentes mais estreitamente vencelladas, especialmente no relativo aos discursos que se proxectaron a través das imaxes. No primeiro recompila as figuras e estirpes nobres femininas que contribuíron ao desenvolvemento do románico vasco, concretamente do alavés; mentres que no segundo, centra a atención na iconografía de carácter sexual que se estende por case toda a península.
O seu interese e traballo académico xira arredor da carga simbólica das imaxes, da intencionalidade detrás da súa exhibición en capiteis, ménsulas ou frisos e, sobre todo, en como estas cuestións se articulan co xénero, diverso e cambiante na Idade Media. As mulleres nobres, comitentes nestes séculos de moitas das representacións, argallaron diferentes estratexias de promoción. Como coñeceremos a continuación, o seu corpo era portador e transmisor de poder político e a arte foi un recurso para demostralo.
Pode que o concepto ou fenómeno que conecte os teus dous libros sexa o de matronazgo. Como o definirías e que relación ten con cada unha destas obras?
Para min o matronazgo é un rol de xénero e de clase social. É algo que facían as mulleres de clase social alta polo valor da honra feminina; é dicir, a honra entendida como a defensa do bo nome da familia, da liñaxe e da memoria. As mulleres perpetuaban estes relatos xa non só a través da linguaxe, senón das imaxes, sobre todo nas igrexas que promocionaban.
Este aspecto tamén ten que ver moito cos rituais de defuntos, especialmente no País Vasco, un caso para min particular. As mulleres asumían este tipo de rituais que pasan de nais a fillas. Estas cerimonias substituían ás misas ata o século XVI. A relixión era un asunto practicamente feminino xa que o uso das igrexas estaba moi vencellado aos panteóns familiares que elas conmemoraban.
“Os roles de xénero están para incumprir. Unha cousa é o discurso canónico que se vendían a si mesmas e outra a realidade, que era moitísimo máis ampla”
Todos estes conceptos están relacionados. Era o que facían as mulleres de certa época por permanecer nunha clase social ou, máis ben, o que lles correspondía facer. Outra cousa é que o fixeran. Como sempre digo, os roles de xénero están para incumprir. Unha cousa é o discurso canónico que se vendían a si mesmas e outra a realidade, que era moitísimo máis ampla.
Centrándonos máis no teu segundo libro, El Sexo en tiempos del románico, porque estas nobres ordenaron ornamentar os seus tempos con escenas cunha carga sexual tan explícitas como espidos, coitos ou partos?
O que nos amosan as mulleres nestas igrexas privadas locais é basicamente propaganda. Elas van desenvolver todo un discurso que lles daba prestixio e poder e que as diferenciaba do resto da sociedade.
Un dos factores diferenciais que atopei nas imaxes é precisamente o da sexualidade. Para estas mulleres o máis importante era a perpetuación da liñaxe para a defensa familiar. Os homes van á guerra e as mulleres son as que morren para traer descendencia ao mundo. Os homes inmólanse na batalla e as mulleres, no parto. Todo isto polo ben colectivo que era a xenealoxía, o individual non primaba tanto.
A través dos corpos das mulleres nobres pasaba o poder político. No caso das raíñas, este aspecto é moi evidente. As nobres foron grandes imitadoras das raíñas e fixeron o mesmo. Son conscientes de que esa grande estrutura que era o avoengo era posible grazas aos seus partos e van estar moi orgullosas deles. Eran unha obriga moral da súa sangue e polo tanto, van ter que practicar moito sexo para evidenciar esa fertilidade. A sexualidade non vai ser unha cuestión tabú, todo o contrario.
As representacións iconográficas de carácter sexual están todas enfocadas á reprodución e á fertilidade. Nada é gratuíto, incluso o deleite era importante xa que se pensaba que axudaba ás mulleres a concibir. Había que desmostrar que se estaba a facer todo o posible por quedar embarazadas, tanto eles coma elas.
Como acabas de dicir, todo isto formaba parte desa guerra das mulleres ou probitas feminina, na que as nobres manifestaron o sacrificio e a dor en escenas como as dos partos na arte. Porque esa xestualidade era tan importante?
As nobres eran moi teatreiras. Todo se tiña que expor corporalmente. A performance era moi importante naquela época. As nobres eran verdadeiras drama queens. Exemplifican o sufrimento aínda que en ocasións confundíase con algo grotesco ou negativo. Malia todo, evidencian algo tan normal e real como é a dor durante o parto. Este non deixaba de ser un risco e elas podían chegar a agonizar durante horas.
Na Igrexa de Artáiz en Navarra hai un exemplo que me gusta moito. Unha iconografía representa unha crianza asomando pola vaxina da nai cun coitelo. É unha imaxe moi potente visualmente pero moi representativa do que supón a dor dun parto. Durante moito tempo foi interpretada erroneamente, maioritariamente por homes, como un castigo polo pecado da luxuria pero non é máis que a realidade do que atravesa unha muller cando da a luz.
O coitelo era un elemento que estaba presente en todos os partos, para o bo e para o malo. Se había que facer unha embriotomía ou unha cesárea, significaba que a nai ou o neno morrera. Nesta imaxe, a nai ten un xesto de dor que se pode comparar con outros xestos universalmente coñecidos como é o do Laocoonte.
O románico é moi esquemático para unhas cousas, pero moi verídico e certeiro para outras. Sabe representar as escenas con moita exactitude. Neste caso, traslada unha experiencia cotiá como o parto ás imaxes. Tamén acontece cos xenitais femininos, que son representados con perfecto detalle anatómico.

Tamén falas da identidade de clase, desa carga simbólica asumida pola nobreza a por medio da sexualidade. Que significaba?
As diferencias de clase tiñan que ver cos relatos e neste caso, co relato da sexualidade. A reprodución era un valor positivo e un ben necesario para manter a liñaxe en homes e mulleres, e no visual móstrase esa intención. Había moitos elementos que diferenciaban á nobreza doutras clases sociais, como a vestimenta, os rituais que practicaban etc. Cada clase social ten os seus propios discursos. É curioso como a clase nobre critica a sexualidade das clases máis baixas como bruta ou animal e logo eles mesmos representábanse en orxías. É moi paragóxico.
A Igrexa curiosamente, fai todo o contrario. Sabía que a sexualidade era un dos trazos distintivos fundamentais para que a nobreza sostivera o seu poder e, sobre todo, a idea de matrimonio laico que tiñan, é dicir, un acordo entre familias. A Igrexa creou un modelo antagónico arredor do voto de castidade, co que facer afundir este poder laico para situarse por enriba.
Todos estes relatos estaban en pugna entre si. No románico aparecen perfectamente representados estes discursos. Por unha banda, aparece o discurso represivo sobre a sexualidade, sobre todo en catedrais da orde cluniacense (que asume a reforma do clero); e por outra, nas igrexas privadas rurais nobres mostran a lexitimación mediante o sexo. A historia que contamos é un relato máis.
Que nos ensina o románico sobre a concepción do xénero na Idade Media e que parece transcender ao binarismo e a cisnorma?
Para min a clave está na vestimenta e como estaba asociada ás diferentes formas de entender a sexualidade e o xénero. Por exemplo, os clérigos queixábanse moito da tonsura. Isto é quitar parte do cabelo, o que naquel tempo supuña unha perda de masculinidade e potencia sexual. Ademais, os seus hábitos asemellábanse aos das mulleres, ao ser tamén longos fronte aos máis acurtados dos homes laicos. O clero non encaixa coa masculinidade hexemónica e recibiu escarnio e burla por iso.
Tamén está o caso das mulleres virago. Segundo o discurso eclesiástico, as mulleres eran de natureza pecaminosa e cando renunciaban á luxuria para facerse monxas, supostamente melloraban.
É dicir, cada imaxe tiña asociada unha narración e unha cosmovisión do mundo. Na Idade Media, había unha ausencia de categorías entorno ao xénero e a orientación sexual moi interesante. A sociedade non se puña de acordo. Por exemplo, nos tratados médicos só había un xénero, o masculino. Nestes, as mulleres eran homes cos órganos reproduciuvos por dentro. Para os nobres, aos que só lles interesaba a reprodución, había dous xéneros binarios. Mentres que no clero a cousa era máis ambigua como se pode comprobar nas haxiografías.
A pesar deste amplo repertorio de escenas foron condenadas por personalidades como Pedro Damián. Pódesnos contar un pouco sobre este relixioso e a súa obra escrita.
Pedro Damián foi un dos principais ideólogos da reforma do clero. Estableceu novas categorías e pecados. Non é moi coñecido pero modificou as conductas sexuais de medio mundo nos últimos mil anos. Catalogou as relacións homosexuais ou como chamaba el, sodomíticas como un pecado contranatural. Foi o primeiro en diferencialas das prácticas heterosexuais e isto pasou logo á lexislación. Ata o século XII o homoerotismo era algo normal mais a súa reforma provocou que supuxera un delito.
Tamén induciu a unha mirada misóxina sobre as mulleres como pecadoras e tentadoras.
Como contribuíu a Historiografía de Xénero a reverter as interpretacións erróneas da iconografía do románico e cara onde avanzan os traballos?
Os estudos de xénero son clave. Partíamos dun descoñecemento absoluto que viña da historiografía decimonónica e comezar a entender o que pasaba grazas a eles é revelador. Son un armazón teórico para comprender as dinámicas. Hai moito traballo por facer. Eu fíxeno no románico pero queda moito por avanzar noutros ámbitos malia a oposición. É moi cómoda a historiografía tradicional na que todo xa está feito. Crear novas teorías e hipóteses é un esforzo extra. Abrir camiños ten o seu risco pero non pasa nada por cometer erros e rectificar. Ademais, a recepción e moi boa porque á xente interésalle saber aquilo que nunca se lle contou. A xente quere xerar identidade.
“Abrir camiños ten o seu risco pero non pasa nada por cometer erros e rectificar”.
Salvaterra de Miño, 1999. Estudante do Dobre Grao en Historia e Xornalismo na Universidade Rei Juan Carlos. Curso o meu cuarto ano nestes estudos coa vontade de especializarme en profundidade na Historia. As miñas liñas de interese son a Historia Medieval, a Historiografía de Xénero e a Antropoloxía coa fin de que estas disciplinas poidan axudar á lectura do noso presente.
- Laura Rodríguez Rodríguezhttps://www.mazarelos.gal/author/laurarodriguez/
- Laura Rodríguez Rodríguezhttps://www.mazarelos.gal/author/laurarodriguez/