En 1931, o Comité Olímpico Internacional escolleu como sede para os Xogos de 1936 Berlín por diante de Barcelona. Algúns dos aristócratas do COI xulgaban perigoso o recente réxime republicano español e decidiron non correr riscos. Dous anos despois, Hitler chegou ao poder e veu nas Olimpíadas de Berlín unha oportunidade propagandística enorme para a Alemaña Nazi.
Como resposta ao COI e ao fascismo, xentes de toda Europa promoveron a celebración dunha Olimpíada Popular no mesmo verán de 1936. O movemento deportivo popular catalán conseguira fama internacional e por iso foi escollida Barcelona como sede.
A Olimpíada Popular presentábase como expoñente da igualdade dos individuos, da paz e da loita contra o racismo [1]. Defendíase a unidade cultura-deporte a través dun importante programa cultural e folclórico paralelo destinado a fomentar a reflexión sobre a propia actividade deportiva [2].
Foi popular e non obreira para evitar coincidir coas Olimpíadas Obreiras que xa se organizaban dende había anos. Ademais, 1936 era o tempo das frontes populares e tamén no deporte había vontade de integrar xente doutras tendencias [3].
O comezo da Olimpíada Popular estaba previsto para o 19 de xullo de 1936 e Galiza ía ter delegación olímpica. Carles Santacana, un dos grandes expertos nesta cita [4], explicou recentemente como a participación nacional non se limitaba a estados recoñecidos internacionalmente. Palestina ou Alxeria tiñan a súa representación, malia ser territorios non recoñecidos ou colonias. Dentro do estado, o criterio era que terían carácter nacional aqueles territorios que estivesen tramitando un estatuto de autonomía, os outros terían representacións rexionais (como Andalucia, Castela ou Aragón). España, Euskadi e Cataluña eran as tres seleccións nacionais representadas até que, tres semanas antes do comezo, Galiza aprobou o seu estatuto e pasou de ser unha representación rexional a unha nacional [5].
Imaxe 2: Cartaz da Olimpíada Popular de Barcelona. Colección Samaranch. Museu olímpic i de l’esport. Fonte: https://www.museuolimpicbcn.cat/ca/colleccio-permanent/cartell-olimpiada-popular-1936/
Representaban a Galiza 60 persoas. Pero, quen eran e quen os mandaba? Como indica Xosé Enrique Acuña nun Caderno de A Nosa Terra, a comitiva galega fora organizada por membros de Izquierda Republicana e da Asociación Cultural Deportiva Obrera da zona de Vigo. A raíz desa xuntanza constituíuse un Comité pro-Olimpíada que se encargou da organización. Nel participaban integrantes do club de fútbol pontevedrés Eiriña e nomes como José Álvarez Limeses na sección de prensa e Castelao e Ramón de Valenzuela na de folclore. Había cinco comisións deportivas: Atletismo, Natación, Remo, Fútbol e Basket [6]. O comité encargouse de seleccionar os representantes mediante probas deportivas [7]. Tamén celebraron festas, partidos de fútbol e pediron subscricións para sufragar a expedición [8]. Entre os deportistas que representarían Galiza na cita destaca o nome de Carmiña Ruibal, nadadora do Club Marítimo de Pontevedra [9]. E é que o deporte feminino tamén tiña espazo nesta Olimpíada Popular, e en Galiza o deporte feminino tiña traxectoria en varias disciplinas, como explicou Cristina López Villar [10].
O predominio de pontevedreses e vigueses na expedición xerou críticas. O cronista ferrolán A. Polo discrepaba da representatividade desa embaixada deportiva. Denunciaba que non se fixera caso aos deportistas ferroláns, malia ter “núcleos obreros con valiosos elementos para representar dignamente y por si solos, el buen nombre deportivo de Galicia” [11].
Pero esta non era a única crítica, xa daquela se clamaba pola separación entre deporte e política. O xornal ourensán La Región publicou a poucas semanas do comezo da Olimpíada un artigo asinado por Luis G. Soria en Madrid [12]. Fíxose eco do debate existente no momento entre asistir ou non á Olimpíada organizada polo réxime Nazi en Berlín, tomando partido:
“Deseemos patrióticamente que, aunque ya va tardando, no nos falte esa buena voluntad, y concurra España a Berlín, dejando por ahora en proyecto de programa de fiestas aldeanas esa desdichada «Olimpiada popular», con la que tal vez se piense obtener alguna subvención apetitosa, pero cuya celebración, para oponerla a los Juegos Olímpicos internacionales, sería tan ridícula y necia como la actitud de quien, invitado a la Opera, prefiere quedarse en casa a oir un concierto de acordeón.”
Imaxe 3: Imaxe do artigo de Xosé Enrique Acuña no Caderno A Nosa Terra nº 17, xullo 1994. O pé de foto é “En Barcelona parte da expedicion pontevedresa. No centro, o porteiro da equipa de fútbol, Maqueira.” Non se indica procedencia.
Malia todo, a expedición galega saíu camiño de Barcelona o 16 de xullo de 1936. Parte da expedición chegou a Barcelona mais outros aínda estaban en Madrid cando o golpe de estado, como o coro. Na prensa dise que parte deles pasaron ao exército, ao batallón de Milicias Galegas e logo ás unidades de Enrique Líster, na que algúns pereceron [13].
En abril de 1939, o xa intervido El Pueblo Gallego da conta do regreso de integrantes do coro galego que “salieran de aquí para asistir a la Olimpiada popular de Barcelona y fueron sorprendidos por el glorioso Movimiento en Madrid” [14]. Algúns deles mesmo chegaron foron detidos, como foi o caso de Victor e Viriato Lamas Fernández, Rogelio Pérez Hortas e Eugenio Urtaza Norat [15].
Uns poucos galegos e galegas iniciaron unha viaxe cara ao fomento da cultura e o deporte, tendo moi presente que iso era unha elección política consciente. E non só o tiveron claro eles, tamén os que tres anos despois os detiveron nunha Galicia na que xa se impuxera, polas armas, a idea da necesidade de separar deporte e política.
Imaxe 1 de portada: Carteis da Olimpíada Popular e barricadas na Avenida do Paral·lel de Barcelona o 19/07/1936. Fotografía de Pérez de Rozas. Imaxe cedida polo Arxiu Fotogràfic de Barcelona. Referencia bcn004517.
[1] Carles SANTACANA: “Esport, societat i identitat col·lectiva a la Catalunya contemporània”, Catalan Historical Review, 7 (2014), p. 164.
[2] Xavier PUJADAS e Carles SANTACANA: “Les années trente et la crise de l’olympusme. La proposition de l’olyumpiade populaire de Barcelone (1936)” Staps,32 (1993), p, 86.
[3] Carles SANTACANA: “Mobilització política i esport. Notes sobre Galeusca a l’olímpiada popular de Barcelona de 1936”, en Ramón ARNABAT e Carlos MORUNO (eds.): De la primavera de las naciones a la guerra fría (1917-1947). Madrid, Sílex, 2023, pp. 141-150.
[4] Xavier PUJADAS e Carles SANTACANA: L’altra olimpíada. Barcelona’36. Esport, societat i política a Catalunya (1900-1936), Badalona, Llibres de l’Índex, 1990. Tamén ten aportacións relevantes sobre a Olimpiada Popular o investigador francés André Gounot.
[5] Carles SANTACANA: “Mobilització política i esport. Notes sobre Galeusca a l’olímpiada popular…, p. 142.
[6] El Diario de Pontevedra, 5/6/1936.
[7] El Pueblo Gallego, 19/6/1936.
[8] El Diario de Pontevedra, 19/6/1936.
[9] “A la Olimpiada de Barcelona.Salió la representación gallega”, El Pueblo Gallego, 18/7/1936, p. 2.
[10] Cristina LÓPEZ VILLAR: Pioneiras do deporte en Galicia, A Coruña, Deputación, 2017.
[11] El Correo Gallego, 15/7/1936.
[12] La Región, 24/6/1936.
[13] CASTRO, Lola. “Como luchan los olímpicos de Galicia en la guerra”, Nueva Galicia, 30/1/1938.
[14] El Pueblo Gallego, 14/4/1939.
[15] El Pueblo Gallego, 19/4/1939.
Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.
2 comentarios en “Galiza olímpica no 36”
Non sabía disto, grazas por compartir!
Hola
Sabrías decirme algo más sobre Eugenio Urtaza Norat. Es mi bisabuelo y me gustaría poder llegar a recopilar más información. Muchas gracias.