Roque Sanfiz Arias
Trala morte de Stalin en 1953, Khrushchev chegou ao poder e comezou un proceso de desestalinización. A industria cinematográfica fora un dos ámbitos onde se enxalzara a personalidade de Stalin.
A viraxe de timón de Khrushchev reduciu o control sobre o cine e o número de producións dentro da Unión Soviética medrou. O chamado período do ‘desxeo’ permitiu aos directores tomarse maiores liberdades no seu traballo, reflexándose tamén nas películas sobre a Segunda Guerra Mundial. Cando voan as cegoñas (Letyat zhuravli, 1957) de Mikhail Kalatozov e A balada do soldado (Ballada o soldate , 1959) de Grigori Chukhrai son as películas que trataremos hoxe.
Presentan dúas pequenas historias que teñen lugar durante a Segunda Guerra Mundial e serven para explicar a crueldade da guerra para os que loitaron e para a sociedade que esperaba o seu regreso.
Cando voan as cegoñas está protagonizada por unha parella separada por culpa da guerra. O xove Boris vai á fronte mentres Veronika permanece en Moscú. Nun dos bombardeos sobre a cidade Veronika perde aos seus pais e familiares e pasa a vivir coa familia de Boris. O irmán de Boris, un pianista que conseguira evitar a fronte, namorase dela e consegue facer que case con el.
Nun intento por axudar a un camarada tralas liñas inimigas, os alemáns matan a Boris. Todo un exemplo de solidariedade e sacrificio polos seus compañeiros. Veronika descobre que o irmán de Boris comprara un permiso especial para non ir ao exército e rompe a súa relación. Dáse conta de que abandonara a un heroe disposto a morrer pola patria por un traidor que nun exercicio de egoísmo mercara a dispensa do seu deber.
Nos momentos finais Veronika quere emendar o seu erro e agarda esperanzada pola volta de Boris da fronte. Os soldados regresados pronuncian alí mesmo un discurso apelando á paz e a evitar que ninguén teña que agardar esperanzado por quen non vai chegar.
A balada do soldado presenta un soldado novo que, tras desactivar dous tanques nazis na fronte, rexeita a medalla que ían outorgarlle a cambio dunha semana de permiso para visitar á súa nai e repararlle o tellado da súa casa.
Durante o traxecto ao seu pobo ofrece unha morea de exemplos da súa falta de egoísmo e do seu compromiso cos demais e coa súa patria. Axuda a veteranos, a outros soldados e a unha rapaza que viaxa ilegalmente e da que namorará. Finalmente logra chegar a tempo para abrazar á súa nai e volver á fronte. A nai é a mesma muller que ao comezo de todo, antes de comezar a trama en forma de flashback, agardaba ao carón da carreteira.
Ambas películas usan a imaxe do soldado novo que vai á guerra e deixa a alguén pendente do seu retorno, con esperanza de que se vai producir, malia que nos sabemos que non. Desta maneira refléxase o drama de millóns de mulleres rusas que perderon aos seus maridos ou fillos na guerra.
Son dous recordos a tódolos que se sacrificaron polo seu país, ben fose na fronte ou na retagarda. Ao mesmo tempo sinálase a aqueles que decidiron fuxir e antepuxeron o seu interese ao da patria.
A diferenza das películas tratadas no primeiro capítulo, estas dúas non precisan salientar a brutalidade alemá, non precisan recordar as causas da guerra e os motivos polos que era necesario loitar. Nos anos 50 o conflito está rematado e gañado e convén recordar grazas a quen foi posible a vitoria. O cine soviético convértese entón para reforzar o relato da guerra e para render homenaxe a quen se sacrificou pola causa. É un recordo ás persoas que deron a súa vida, ás que o perderon todo, ás que non puideron abrazar unha vez máis.
A imaxe de cabeceira é un fotograma de A balada do soldado.
Cando voan as cigoñas e A balada do soldado están dispoñibles en aberto no canal oficial de Mosfilm. en aberto en youtube.
Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.