Todos de acordo? Nacionalismo galego e loita obreira na transición.

Roque Sanfiz Arias

A “Transición Española” é moitas veces mencionada como modelo a exportar se se quere pasar de xeito pacífico dun réxime autoritario a un democrático a través dun consenso total. Con este achegamento tratamos de mostrar como non se tratou dun proceso monolítico e que Galiza contou cunha forza particular.

A década dos setenta foi o momento de eclosión da conflitividade obreira e social en Galiza. O nacionalismo galego intentou aproveitar o contexto para ampliar a súa influencia social participando en tódolos conflitos posibles e adoptando un papel contestatario do réxime, en defensa dos intereses da poboación.

A comezos dos setenta o nacionalismo tiña un alcance moi reducido e unha inserción obreira aínda menor. A súa área de actuación principal eran as asociacións culturais. Nelas participaban as distintas tendencias do galeguismo que estaban rexurdindo dende os anos 60: a Unión do Pobo Galego (UPG), os continuadores da vía culturalista, membros do Partido Socialista Galego (PSG) e outras personaxes como Camilo Nogueira.

Camilo Nogueira foi un dos fundadores da corrente Galicia Socialista, un grupo político e sindical formado na súa meirande parte por obreiros da fábrica de Citroën de Vigo1. Este grupo tiña presenza nas reivindicacións obreiras, establecendo contactos con outros de nivel estatal como o Felipe ou a USO2. Á súa vez participaban nas asociacións culturais onde estableceron relación coa UPG, que á súa vez comezaba a estar presente na Citroën e no estaleiro de Barreras.

O punto de inflexión foi o ano 1972. Como xa vimos noutros artigos, neste ano estoupou a conflitividade obreira nas dúas principais áreas industriais galegas: Ferrol e Vigo.

O nacionalismo non tivera moita influencia nos sucesos de Ferrol pois aínda non tiña demasiada presenza nos estaleiros da comarca, onde o PCE e as CCOO dirixían a acción. Sen embargo, a UPG consideraba a loita da clase obreira galega contra o franquismo unha oportunidade de aumentar a súa influencia e un ensaio da revolución3.

Durante os conflitos de Vigo a UPG tivo maior influencia malia que seguía sendo minoritaria nunha loita dirixida pola Organización Obrera. A intensa mobilización viguesa desatou tamén a dureza do réxime que respondeu con detencións masivas. Membros de Galicia Socialista e da UPG como Camilo Nogueira, Paco Lores, Manolo Pérez e Manolo Lima foron detidos e torturados. Desta maneira a policía pretendía conseguir información sobre as organizacións obreiras e políticas, ás que empezaron a vixiar máis de preto.

Daquela producíronse os primeiros intentos por crear un sindicato obreiro de ámbito galego. Inicialmente sería a chamada Frente Obreira (FO) que deu os seus primeiros pasos en 1973. Nese mesmo ano naceron as Comisións Labregas (CCLL) e Estudiantes Revolucionarios Galegos (ERGA). Así mesmo, iniciou as súas actividades unha fronte cultural que difundía obras sobre a historia do nacionalismo ou o atraso industrial da Galiza. Estas eran as chamadas organizacións de masas que deberían contribuír a aumentar as bases e as frontes de acción do nacionalismo. A través delas, o nacionalismo pasou a estar presente en gran cantidade de loitas populares que acababan sendo reclamacións políticas contra o réxime. Para o nacionalismo, CCOO non era unha representación fiable pois eran considerados “reformistas” e non propoñían solucións concretas para Galiza.

Nos anos 1974 e 1975 seguiu habendo conflitos nas industrias galegas. O nacionalismo aínda non era quen de dirixilos pero contaba con máis células nas empresas. As reivindicacións difundíanse en boletíns como Terra e Tempo, da UPG, e O Eixo, da FO.

Malia todo, o sindicalismo nacionalista seguía sendo cuantitativamente moi modesto. Segundo Núñez Seixas e Beramendi, a FO debía ter entre 30 e 50 membros activos nese momento4.

No ano 1975 producíronse as últimas eleccións sindicais do franquismo para as que o sindicalismo galeguista chamou ao boicot. Nese mesmo ano fundouse o Sindicato Obreiro Galego(SOG) coa intención de converterse na central sindical que albergase a tódolos traballadores galegos.

O franquismo seguía reprimindo con dureza pero a oposición comezou a organizarse. A nivel estatal formáronse a Junta Democráticae a Plataforma de Convergencia Democrática que querían dirixir a caída do franquismo e a transición a un réxime democrático. Como resposta a estas organizacións foi creada a Asamblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Esta organización estaba formada pola UPG, as súas organizacións de masas (ERGA, SOG, CCLL), o Partido Socialista Galego e o Partido Galego Social Demócrata. O obxectivo era xuntar forzas e marcar uns requisitos mínimos para Galiza ante a caída do réxime.

A AN-PG fomentou e liderou reivindicacións sociais nos anos seguintes á morte do ditador. Os exemplos máis salientables foron a oposición á instalación dunha central nuclear en Xove en 1977, a loita campesiña contra a expropiación de terreos nas Encrobas por parte de FENOSA e a mobilización popular contra a explotación ilegal da praia de Baldaio, en Carballo. A presenza nas mobilizacións populares fixo ampliar as bases do nacionalismo e estendelas tamén a zonas rurais.

No eido sindical creáranse distintas organizacións sectoriais que confluíron na Intersindical Nacional Galega (ING) en 1977. A diferenza dos sindicatos estatais, reclamaba Galiza como nación e reivindicaba ser un sindicato de clase. Ademais, apostaba por unha ruptura clara co franquismo, rexeitando o reformismo de calquera tipo. Rexeitaron os Pactos da Moncloa, interpretados como “conciliacionismo de clase”.

Os Pactos da Moncloa son un dos pilares do santificado consenso característico da transición española. Cada vez son mais numerosos os estudos que cuestionan o mito do proceso perfecto. Algúns xa demostraron que non se tratou dunha transición pacífica, outros cuestionaron o balance de rupturas e continuidades e mediante este artigo queremos cuestionar a idea dun consenso total, mostrando como en Galiza houbo visións propias que rexeitaron os mesmos pilares do novo réxime.

*A imaxe foi extraida da portada do número 12 de 1977 de O Eixo.

Bibliografía

Beramendi, Xusto e Núñez Seixas, X.M. O nacionalismo galego. Vigo: A Nosa Terra, 1995.

De Toro, Suso. Camilo Nogueira e outras voces. Vigo: Xerais, 1991.

Eiré, Alfonso (Dir.). Cuadernos A Nosa Terra de pensamento e cultura. Na defensa da Terra. Xove, As Encrobas, Baldaio, Autopistas… Crónica do nacionalismo na Transición, nº 23, 1997.

Fernán-Vello, M. A. e Pillado Mayor, F. A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 1989.

Gómez Alén, José. As CC.OO. de Galicia e a conflictividade laboral durante o franquismo. Vigo: Xerais, 1995.

Máiz, Ramón. “El nacionalismo gallego: apuntes para la historia de una hegemonía imposible”. En Estructuras sociales y cuestión nacional en España, Coord. Hernández, F. e Mercadé, F., 186-243. Barcelona: Ariel Sociología, 1986.

Terra e Tempo. Unión do Pobo Galego. Dispoñible en http://upg.gal/terra-e-tempo/.

Villares, Ramón (Ed.). O mundo do traballo en Galicia. Santiago: FEUGA, 2003.

Notas ao pé

  1. De Toro, Suso. Camilo Nogueira e outras voces. Vigo: Xerais, 1991, p. 68. []
  2. Relación explicada por Xoan Lopez Facal en Ibid., p. 69. []
  3. Terra e tempo. Editorial. xullo 1972. []
  4. Beramendi, Xusto e Núñez Seixas, X.M. O nacionalismo galego. Vigo: A Nosa Terra, 1995, p. 222. []
Web | Máis artigos

Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade