Usos, estado e preitos dos montes galegos na Idade Moderna

A importancia do monte na Idade Moderna na sociedade rural galega fai que sexa foco de estudo aínda na actualidade. Este tiña un compoñente diferente a moitos outros lugares da Península ao estar próximo ás aldeas, sendo fundamental no sistema agrario galego. Os numerosos preitos que se poden atopar relacionados con este tema dan conta da importancia que tiña.

A súa situación neste período ten moito que ver coa actual. Logo de coñecer as condicións neste contexto podemos ter unha visión global que a relacione cos nosos días. A mediados do XVIII a superficie cultivada en Galicia non chega ao 25% do territorio[1]. No interior de Lugo á parte da produción das castañas, tamén era importante o cultivo periódico do monte mediante rozas. Esta práctica evitaba o desenvolvemento de especies arbustivas non proveitosas e favorecía o pasto. Mostra disto era o número de cabezas de gando que tiña cada explotación nesta zona, de 5,4 cabezas de vacún e de 15,5 de ovino/caprino, superando a media galega de 2,7 de bovino e 7,7 de ovellas/cabras. A suma das castañas, da produción de cereais e dos produtos gandeiros xerados no monte acadaba ao redor dun 25-30% do produto agropecuario. Na zona oriental era tamén importante a posibilidade de obter carbón das uces e montes baixos para as abundantes ferrerías e fraguas.

A partir do XVIII, na costa norte[2], hai que ter en conta a demanda dos estaleiros en Ferrol e a intervención do Estado. A superficie arbórea non chega ao 5% e non é suficiente para abastecer os arsenais. Os fornos de tella tamén necesitaban leña, en 1752 había polo menos 39 en funcionamento e cubrían a demanda de construción da Coruña, Betanzos e as zonas próximas ao Arsenal de Ferrol. Para abastecelo había 1854 devesas, 426 viveiros e 113 piñeirais da Coroa.

Na costa occidental, logo da entrada do millo, o cultivo periódico do monte comeza a estar en regresión. A partir de 1752, chega a supoñer un 34,7% na provincia de Santiago e un 14,6% en Tui. Na metade sur predominaban os comunais e na norte os montes de varas. Esta zona estaba moi afectada pola política forestal e destacaban as devesas reais, o control dos comunais e a plantación de piñeiro. O monte comunal en Santiago tiña diferentes funcións: era utilizado como pasto, abonado e combustible, e os arredores das cidades eran reservados para a leña e a súa comercialización, así como para a elaboración de carbón. Dende o reinado de Felipe II a zona de Tui foi sometida a unha repoboación forestal intensa, desprazando o piñeiro ao carballo e transformando o monte baixo en arborado.

En canto á antiga provincia de Ourense, había unha baixa proporción de comunais e unha escasa gandería, ao rondar as 2,6 cabezas por explotación de vacún e as 8,6 de ovino/caprino por explotación en 1753. Por outra banda a madeira de castiñeiro era utilizada para estacar viñas e facer arcos de barrís.

Hai que ter en conta a influencia da Real Academia de Agricultura do Reino de Galicia[3], que se reúne por primeira vez en 1765, e das Sociedades Económicas de Santiago e Lugo. En 1767 a Academia decide facer un repartimento de comunais e comunícallelo ás cidades do Reino, non respondendo moitas delas ou opoñéndose abertamente como é o caso de Betanzos e Coruña. No século XVIII téntase recuperar a masa arbórea do monte, que dende o XVI se ve sometida a unha presión elevada polo aumento demográfico, a construción, a exportación, o pastoreo e a construción naval. Dende a Sociedade Económica de Santiago fomentouse o cultivo de piñeiro, convocando premios en Mondoñedo e en Tui. En 1780 o correxidor de Ourense pretende fomentar no val de Monterrei o cultivo de oliveira. A produción de toxo[4] cobra importancia a finais do XIX: co avance da superficie arbórea as toxeiras eran cada vez máis escasas.

No século XVI, na provincia ourensá[5] son habituais os litixios entre parroquias ou entre xurisdicións que habitualmente rematan en deslindes e recoñecemento de marcos. É o caso do preito de 1588 entre os veciños de Bande e Lobeira, onde deixan marcada a división entre ambos para utilizar pastos e facer rozas. Tamén o é o dos veciños de Soutomaior e os de Barcia de Mera, no que os primeiros litigan cos segundos por acceder aos montes e pastos do Suído, darlles paus e roubarlles o seu gando. En Bande, en 1786 a freguesía de San Pedro de Félix enfróntase ao resto das da xurisdición porque os seus montes só eran comúns para pastos pero non para rozas, o cal implicaba que cada un tiña que facer uso dos da súa freguesía.

En 1816, prodúcense sucesos como o dos veciños de Laxe (Valadouro) e os de Budián nos que se querelan porque os segundos saían armados a custodiar o monte. No norte, dada a predominancia de montes de varas, é habitual que sexan os habitantes dunha aldea os que litiguen entre eles. Un exemplo sería o preito de 1584 entre veciños de Vilacemil (Valadouro). Nel, algúns reclaman á Real Audiencia por mor dun auto que lles impide cavar e talar nos montes dese lugar.

Outros litixios importantes eran os que se producían entre os habitantes do lugar e o alcalde, como no caso de Ribadeo en 1587 por mandar abrir algunhas parcelas. Tamén é destacable o caso de Viveiro en 1551, no cal o reximento determinou que ninguén podía talar nas fragas e montes propios sen licenza sacando os meses de decembro, xaneiro e febreiro.

Son frecuentes os preitos entre mosteiros e os seus vasalos. Un enfrontamento habitual foi o do mosteiro de Lourenzá e a parroquia de Santa María a Maior. En 1602 quereláronse contra o tenente e o meiriño do abade por matarlles leitóns e levar presos á vila de Lourenzá a quen viran nese monte argumentando que era do mosteiro.

Logo das vendas de xurisdicións eclesiásticas feitas por Felipe II sucédense os casos de novos señores que queren cobrar máis polas rozas dun monte ou que directamente secuestran o pan das rozas. É o caso de 1594 entre os veciños de Abeledo e o rexedor Luis de Luaces, que tiña no seu poder varios coutos do mosteiro de Meira. Tamén está o litixio do concello de Bande e os monxes de Celanova que en 1574 preitean  pola usurpación do monte propio e polo cobro de rendas polo uso de montes en man común.

É destacable o motín que se produce en 1798 pola construción da Real Fábrica de Sargadelos: a causa pola que os veciños se opoñían a esta construción era que podía afectar ao uso que facían dos montes. Foron alentados por fidalgos e cregos que vían na creación da fábrica unha ameaza á organización social tradicional.

Na actualidade, o uso dos montes segue sendo fundamental. O réxime de propiedade  hoxe en día cambiou, predominando a individual fronte á colectiva e sendo moito menor a relación de comunais con respeto a ese período. Aínda así o monte comunal supoñía en 2011 un 30% da superficie, un 68% estaba en mans privadas e un 2% era propiedade pública. No caso dos eólicos, nos que os comunais teñen un papel primordial ao establecérense moitos neles; a existencia dunha comunidade que xestionase este uso en cooperativas podería facer deste un recurso autoxestionado polos veciños e non con beneficios para grandes empresas. De aí que sexa importante coñecer a historia dos comunais e do poder que tiñan os habitantes na defensa dos seus recursos.

Fotografía de portada de Lydia Lögga en Unsplash


[1] Pegerto SAAVEDRA: “Los montes abiertos y los concejos rurales en Galicia en los siglos XVI-XVIII aproximación a un problema”, Cuaderno de estudios gallegos, Tomo 33, núm 98, 1982, pp. 179-236.

[2] Ofelia REY CASTELAO: “Montes, bosques y zonas comunales: aprovechamientos agrícola-ganaderos, forestales y cinegéticos”, en Francisco José ARANDA PÉREZ (coord.) El mundo rural en la España moderna, Actas de la VIIª Reunión Científica de la Fundación Española de Historia Moderna, 2004, pp. 907-964.

[3] Ana María SÁNCHEZ RODRÍGUEZ: “La agricultura gallega en la crisis del Antiguo Régimen: tentativas modernizadoras”, Obradoiro de Historia Moderna, núm. 12, 2003, pp. 223-246.

[4] José Manuel PÉREZ GARCÍA: “Las utilidades del inculto y la lucha por sus aprovechamientos en la Galicia meridional (1650-1850), Obradoiro de Historia Moderna, núm. 9, 2000, pp. 79-107.

[5] Pegerto SAAVEDRA: “Los montes abiertos…”, op. cit. pp. 179-236.

Máis artigos

Meaño, 1994. Estudante do Grao de Xeografia e Historia na UVigo. As áreas de coñecemento nas que me centro son a Paleografía e a Historia Medieval, concretamente no referido a documentación monástica.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade