Como expoñer a memoria? Visitando o Museu do Aljube

Pola prisão do Aljube passaram milhares de presos políticos entre 1928 e 1965.

O museo do Aljube sitúase no predio que funcionou como cárcere antes e durante a ditadura de Salazar, ao pé da Sé de Lisboa. Hoxe é un museo “de resistencia e liberdade” dividido en tres partes: dúas exposicións temporais e unha mostra de longa duración. Unha recente visita inspiroume para ofrecer algúns apuntamentos sobre esta proposta de tratamento dun pasado conflitivo.

A intención da exposición permanente é mostrar como a ditadura salazarista fixo servir este edificio para eliminar intentos de contestación ao réxime. Explícase o seu xurdimento, a forma de toma do poder, contextualízase a vida baixo o salazarismo e as fórmulas de resistencia clandestinas. Nas seguintes estancias céntrase no uso que foi dado ao Aljube polos servizos da PIDE e os métodos de encarceramento e axuizamento. Tamén son mostradas as celas onde encerraban os presos e utilizadas algunhas testemuñas. Por último alúdese aos movementos de loita anticolonial e contestatarios no final do Salazarismo, culminando nun espazo dedicado ao 25 de abril.

Un dos primeiros obxectivos do museo é deixar claro o encadramento do réxime político de Salazar no ámbito dos fascismos europeos, tanto polas súas coincidencias discursivas como polas prácticas de control político e social. Tamén é un intento por deixar clara unha política sistemática de infiltración, encarceramento, tortura e asasinato dos adversarios políticos. Unha visita polo Aljube recórdanos o noso pasado e inevitablemente danos ideas de como mostrar o trauma. Este museo ofrece fórmulas expositivas moi interesantes e efectivas de representación escénica. Utiliza habilmente o espazo e emprega recursos visuais para captar a atención do visitante, mesmo a risco de producir máis dun susto. As celas cos tamaños orixinais e con figuras humanas que deixan claro o pouco espazo, o noutrora constante son do teléfono do celador. Tamén podemos observar a disidencia a través da presenza de prensa clandestina en grandes formatos ou dunha locución da Rádio Portugal Livre. Todo o percorrido pola exposición permanente ensina as condicións de vida nesta prisión, as lóxicas represivas e os métodos utilizados pola ditadura salazarista para acalar de forma violenta os rivais políticos. O único punto negativo é a excesiva duración dos textos, que ao estar en portugués e inglés dan sensación de saturación.

Alén do espazo para visitantes, o museo complétase cun centro de documentación onde se recompilan e se ofrecen a investigadoras e á sociedade testemuñas e documentación de persoas que pasaron polo Aljube, incluíndo unha pequena biblioteca especializada.

O espazo ten tamén un programa didáctico asociado (EducAljube) que ofrece visitas guiadas e actividades diversas para abordar a memoria. Mención especial merece a coidada páxina web na que se pon a disposición moito material que complementa a visita física e información sobre a programación temporal de ciclos de conversas, cinema e outras actividades que alí se desenvolven. Este é un exemplo de bo facer no ámbito da dixitalización dos museos. É posible fuxir de visitas virtuais con gran custo e infrutuosa experiencia. É máis sinxelo: unha páxina web que funciona ben,  estrutura os contidos de maneira efectiva e ofrece información adicional para o visitante ocasional e para as persoas que acoden ás actividades.

No exercicio de revisar o noso pasado e de explicalo é frecuente atopar alusións ao feito noutros países. Por exemplo, alúdese frecuentemente á visita dos institutos alemáns aos campos de concentración. Sen entrar na experiencia que pode chegar a ser visitar hoxe Auchwitz, para o caso galego é máis útil tomar exemplo de experiencias máis modestas, non deseñadas para un turismo masivo e si para transmitir mensaxes de maneira efectiva. Institucións que ademais desenvolven unha programación constante e ben planteada, atendendo a cuestións tanxenciais ao obxecto principal do museo, pero moi necesarias como a loita do feminismo ou a traxectoria colonial portuguesa. O Aljube é un exemplo de pequenos contentores con grande contido.

A imaxe de portada é de https://www.museudoaljube.pt/. As demais son propias do autor.

Publicidade

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade