Castelao en Europa, Europa en Castelao

No centenario da revista Nós, Galaxia publicou a colección Biblioteca Nós con textos dos principais autores desta xeración. Entre elas atópase o Diario 1921, unha reportaxe persoal de Castelao durante o seu pensionado por Francia, Países Baixos e Alemaña no ano 192111. Unha crónica dos seus dias no estranxeiro onde Castelao contou todas as súas visitas a museos, os artistas que coñeceu, aquelas obras que só vira en malas reproducións e que puido observar ao vivo, as pensións ás que se veu obrigado a ir polo pouco diñeiro do que dispoñía e todos os choques culturais que foi atopando.

Os seus descubrimentos artísticos estiveron marcados por atoparse na Europa de auxe das vangardas. Declárase antifuturista tras analizar o manifesto de Marinetti, mais recoñece que son peor os que rin deles que os futuristas. Non gosta demasiado de Picasso, criticando profundamente as representacións plásticas do cubismo, mais admirando a súa teoría e toda esa filosofía das artes que vía axeitada aos tempos. Nas súas propias palabras, Castelao sinte desexos de revolución na arte e diante da arte nova ten “sentimentos contrarios, de simpatía moitas veces e de antipatía as máis”.

Debuxo do Museo Cluny por Castelao (p. 117)

Outro dos choques culturais tiña que ver coa arte máis alá das pezas de museo, aquela que impregnaba obxectos cotiás. Ao chegar a Berlín, fíxase nos carteis, letreiros e anuncios que revelan gusto nas letras, na cor e na simplicidade. Contra o debuxo artístico, “o cartel cómpre co seu fin de anunciar”. Xorde o interese polo deseño gráfico e a súa valoración como parte da arte: “Aquí, ó mellor, aparece enriba dunha letra roxa e inmensa un paxaro azul e neste pequeno detalle hai arte. Cada letra é un monumento” (p. 334). Nese momento, en palabras de Pepe Barro, “A letra deixa de ser transparente e valórase a súa expresión” e todas as imprentas galegas pasaron a ter caixas para poñer titulares en Futura Black2.

Cartaz de Castelao para Céltiga de 1922. Actualmente no Museo de Pontevedra.

Mais alá de museos e cartaces, foi testemuña directa de mudanzas sociais e políticas que estaban comezando en Europa. A revolución rusa parira arte e políticas que Castelao cría  futuristas “de verdade” e á súa chegada a Berlín deixou caer que alá inventaran o militarismo pola falta de aristocracia. Escribiu apuntamentos da súa vida nestas cidades, de todo canto vía e lle causaba fascinación ou rexeitamento. A súa primeira parada foi París, cidade que chegou a odiar, expresando o seu noxo polos Boulevards. O modo de vida parisino producíalle demasiados choques culturais, bastante relacionados coa súa relixiosidade. Para el, se o progreso supoñía tanta inmoralidade prefería que non chegase nunca. Inmoralidade que relacionaba con formas de sociabilidade que emerxían na Europa da época, que aumentaba as horas de lecer da poboación en xeral, buscaba novos divertimentos e na que a muller participaba na vida pública e adoptaba formas de vestir que Castelao dicía non comprender. En Gante observou como chegara París “pero xa moi debiliño” e “dan pena estas flamenguiñas cando se queren botar de pillabanas imitando os andares de París ¡As pobriñas!”(p. 275). Malia todas as reservas sobre todo o que inspiraba a capital francesa, Castelao valoraba o cosmopolitismo entendido como mesturanza e convivencia de xentes de pobos diferentes e diagnosticaba que “os directores son ó mesmo tempo os corruptores”.

As sociedades belga, neerlandesa ou alemá foron máis do seu agrado. Unha das primeiras cousas que lle chamou a atención ao chegar a Bruxelas era que alí todas as mulleres andaban cun can, costume asociada á vida urbana que levaba anos introducíndose nas cidades, tamén nas galegas. Nos seus primeiros días en Gante, observou como “as mulleres de Bruxelas todas levan un can, as de aquí unha bicicleta.”. A bicicleta fora, non sen resistencias, dende mediados do século XIX unha das expresións da modernidade na sociedade industrial e a estas alturas, xa era tamén un elemento liberador para a muller3 .

Bandeira do Club Karepas por Castelao. Vida Gallega, 5/11/1921, p. 17.

Se algo estivo presente durante toda a viaxe de Castelao por Europa foi a comparación con Galicia ou pensar como levar todo canto vía á súa terra “que cada día que foxe paréceme máis grande en posibilidades”. Nesta liña, unha das cousas nas que reparou foron as bandas de música que acompañaban todo en Bruxelas. Bandas formadas por socios de sociedades de pescadores ou “benefactores do Congo” que ao saíren levaban os instrumentos e unha bandeira. Pode que fose alí onde Castelao comezara a pensar a bandeira do Club Karepas, club de “remo e bocadillos” pontevedrés4. Do que non cabe dúbida é de que Castelao foi a Europa e Europa entrou en Castelao.

A imaxe de portada é un retrato de Castelao publicado na edición de 2020 do Diario 1921, p. 327.

Notas ao pé

1 Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Diario 1921. Galaxia, Vigo, 2020.

  1. Alfonso Daniel RODRÍGUEZ CASTELAO: Diario 1921. Galaxia, Vigo, 2020. []
  2. Pepe BARRO: Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza. Xerais, Vigo, 2018, p. 279. []
  3. Cristina LÓPEZ VILLAR: Pioneiras do deporte en Galicia. Deputación da Coruña, A Coruña, 2017, pp. 75-80. []
  4. ‘El Club Karepas’ de Pontevedra”, Vida Gallega, 5/11/1921. Neste club tamén participaron outros mozos de “espirit europeen” como Antonio Iglesias Vilarelle ou Antonio Losada. []
Web | Máis artigos

Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade