A Segunda Guerra Mundial é un tema tratado dende ben pronto na gran pantalla e con percorrido ate hoxe. Nós estamos familiarizados cunha narrativa debedora da visión occidental do conflito. Menos coñecida é a visión que se proxectou no cinema soviético da Gran Guerra Patriótica, nome polo que coñecen por aquelas latitudes á Segunda Guerra Mundial.
Inauguramos con este unha serie de tres artigos nos que analizaremos seis filmes producidos na Unión Soviética pero realizados baixo distintos gobernos, mostrando as diferenzas nas súas políticas de memoria e na súa influencia sobre o sétimo arte.
A primeira entrega está encadrada baixo o mandato de Stalin, veremos as características do cine desta época a través de Arco Iris (Raduga, 1944) dirixida por Mark Donskoy e A caída de Berlín (Padeniye Berlina, 1949) de Mikheil Chiarueli.
O segundo acto coincidirá co período de desxeo de Khrushchev, un momento no que a industria do cine experimentou cambios e os directores comezaron a ter máis protagonismo. Deste momento eliximos tres obras: Cando voan as cigoñas (Letyat zhuravli, 1957) de Mikhail Kalatozov, A balada do soldado (Ballada o soldate , 1959) de Grigori Chukhrai e A infancia de Iván (Ivanovo derstvo , 1962) de Andrei Tarkovsky.
A última entrega versará sobre unha única película producida nos momentos serodios da Unión Soviética, con Gorbachov xa no poder e coincidindo co corenta aniversario do remate da guerra: Ven e mira (Idi i Smotri, 1985) de Elem Klimov.
O cine tivo unha importancia capital dende os primeiros momentos da Revolución Rusa en 1917. Lenin considerábao unha importante arma política cuxa utilidade radicaba na capacidade de promover a ideoloxía revolucionaria. Previo á Segunda Guerra Mundial realizáranse películas sobre as Revolucións e a Guerra Civil Rusa. Mostra do primeiro cine soviético é O acorazado Potemkin de Sergei Eisenstein (1925).
A mesma concepción, quizais levada máis aló, tivo Stalin. A industria cinematográfica tivo que xuntarse co devir bélico, mostrando o esforzo do pobo soviético durante a contenda. Esta imaxe é a que temos en Arco Iris de Mark Donskoy. Foi estreada en 1944, momento da ofensiva final sobre a Alemaña Nazi. Preséntasenos a historia dunha aldea ocupada e controlada polos nazis de maneira cruel. O gobernador nazi non dubida en deixar claro que el é quen manda. Os habitantes son tratados como inferiores por ser eslavos. Os seus nomes son substituídos por números e a comida que producen é requisada polas autoridades.
A obsesión dos nazis por eliminar partisanos chega ata o punto de matar ao bebé dunha partisana ou disparar a un neno que leva comida ós presos.
A película fala do mala que foi a ocupación nazi e sinala aos que traizoaron á Unión Soviética colaborando cos invasores. Os alemáns son eliminados polo Exército Vermello ao liberar a aldea. Os traidores enfróntanse a tribunais partisanos, mais ou menos improvisados, que xulgan en nome do goberno soviético a todos aqueles que traballaran para os alemáns. Os traidores son xente que estivera delatando aos seus propios veciños diante da autoridade e que na película se caracterizan de “kulak”, “perseguidor” e “Starosta” (unha especie de xefes a pequena escala da tradición eslava). Os traidores reúnen na película tódolos inimigos da Revolución e do Estado soviético.
Pola contra os demais veciños da aldea son caracterizados como unha comunidade moi unida. Perante os nazis quedaban mirando e gardaban silencio, en mostra de complicidade cos partisanos. O compromiso con eles e a capacidade de sacrificio represéntao a nai que non considera un erro ter mandado a seu fillo a dar pan aos prisioneiros, malia que fose asasinado polos alemáns. Finalmente coa liberación da aldea, alemáns e traidores son tratados como se merecen.
Unha vez rematada a guerra e os inimigos da Unión Soviética rendidos estreouse A caída de Berlín (1949). Non necesita mostrar ensinanzas sobre como tratar a traidores nin glorificar ós veciños dunha aldea que se manteñen fortes diante do invasor. O esforzo bélico non necesita contribución pois xa foi superado, é momento de comezar a crear memoria colectiva sobre o conflito.
A caída de Berlín pretende mostrar o percorrido do Exército Vermello dende o momento do cerco a Stalingrado ate a final caída de Berlín. Faino dividido en dúas partes de similar duración.
Comeza introducindo unha historia de amor, engadindo unha parte máis humana á guerra, da que tamén participa o propio Stalin. Os protagonistas son unha parella, unha mestra de escola e un traballador dunha fábrica de aceiro de Stalingrado. El consegue bater récords de produción de aceiro, mérito recompensado con coñecer persoalmente a Stalin. O mandatario implícase persoalmente na súa historia amorosa dándolle consellos.
Seguimos ó protagonista e maila súa escuadra no seu imparable avance cara Berlín. Se hai un valor resaltado é a camaradería. A pequena patrulla está formada por soldados de diferentes razas e orixes cuxo éxito provén da súa a capacidade de unión.
Nos momentos finais aparece novamente Stalin, saíndo dun avión para congratular ás súas tropas, especialmente á parella de protagonistas. A súa imaxe é a do heroe de guerra que non só lidera á Unión Soviética, senón que leva ós aliados á vitoria final.
Os nazis son representados da mesma maneira que en Arco Iris. Hitler é un vello que non pode parar de tremer, cruel incluso cos propios alemáns e que tolea coas derrotas dos seus exércitos, tomando decisións irracionais. Na película Hitler ten unha última esperanza ante a inminente chegada dos soviéticos: que os americanos cheguen a Berlín para loitar contra o Exército Vermello. Malia todo, as bandeiras dos aliados tamén ondean cando Stalin aterra en Berlín e da un discurso apelando á paz.
Analizamos nesta entrega dúas películas que constrúen unha representación do pasado en función dos intereses do seu presente. No primeiro caso o cine debía contribuír ó esforzo colectivo contra o invasor e denunciar ós traidores. Pola contra a segunda cinta foi realizada co conflito rematado e nun punto no que comezaba o distanciamento co resto de aliados que remataría na Guerra Fría.
Son tamén dúas boas mostras do compromiso moral do cine. Resáltanse valores como o compañeirismo e a unión colectiva. Tampouco podemos pasar por alto o cambio que se da na visión de Stalin. Mentres que en Arco Iris non aparece, en A caída de Berlín é un destacado líder en tódalas facetas, imaxe que continuará dende o remate da guerra ate a súa morte. Co final do seu goberno entraremos nunha nova etapa para o cine soviético que veremos na seguinte entrega.
Para facilitar a lectura traducimos o título das películas ao galego pero acompañándoo do título orixinal en ruso. Algunha das películas analizadas están dispoñibles de maneira aberta na canle oficial de Mosfilm en Youtube, con lendas en español ou inglés. Podes atopar A caída de Berlín nesta ligazón.
A imaxe de cabeceira é un fotograma de A caída de Berlín.
Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.