A disputa entre Xelmírez e Gonzalo polo control da ría de Ferrol

Roque Sanfiz Arias

A organización territorial e da poboación na Idade Media estivo claramente marcada polas estruturas creadas pola Igrexa. As disputas de poder entre distintas sedes episcopais marcaron o mapa até o día de hoxe. A comezos do século XII produciuse unha loita de poder entre o bispo Xelmírez de Santiago e Gonzalo de Mondoñedo polo control da zona da ría de Ferrol. Xelmirez reclamaba a propiedade duns arciprestados que estaban sendo administrados pola diocese de Mondoñedo: Bezoucos, Trasancos, Labacengos, Arros e Seaya.

Situación aproximada dos arciprestados de Bezoucos, Trasancos, Labacengos e Arros. Elaboración propia.

A Historia Compostelana é a crónica dos sucesos ocorridos no bispado e arcebispado de Santiago durante os anos que foi rexido por Diego Xelmírez, dende 1100 a 1139. É unha fonte indispensable para o coñecemento deste preito pois fai un relato dos sucesos e unha recompilación de documentos, malia tratarse da versión compostelá[1]. O conflito comezou coa reclamación de Xelmírez ao bispo Gonzalo de Mondoñedo para restituír o poder compostelán sobre estes espazos en 1102 e a negativa do bispo mindoniense. O seguinte paso do rexedor compostelán foi dirixirse ao arcebispo Bernardo de Toledo, legado papal para o territorio da península ibérica, que aprazou o tratamento da disputa ao Concilio de Carrión, celebrado en 1103. O bispo Gonzalo de Mondoñedo non se presentou achacando unha doenza. Tería xa unha avanzada idade, levaba ocupando o cargo dende 1070 e morreu entre 1111 e 1112. A HC presenta unha carta emitida por Bernardo na que se lle ordena a restitución do poder compostelán nos ditos arciprestados mais Gonzalo fixo caso omiso. Xelmírez enviou dous legados a Roma para poñer este asunto en coñecemento do papa Pascual II. Este último enviou a Gonzalo unha carta na que lle indica que, no caso de querer presentar os seus argumentos debía facelo perante o bispo de Toledo. Porén, Gonzalo enviou directamente os seus clérigos a Roma.

Pascual II enviou unha bula a Xelmírez na que aludiu a que estes arciprestados levaban 40 anos sendo controlados por Mondoñedo, “desde que aquella tierra fue arrancada de manos de los sarracenos”[2]. López Ferreiro[3] fala de que estes arciprestados foran entregados a Mondoñedo cara o ano 866 por Alfonso III, sen embargo sinala que o entregado por Alfonso a Mondoñedo foran as igrexas ofercionais e non as diocesais. Co paso do tempo, Mondoñedo pasaría a administrar os dous tipos de igrexas, sinalando neste feito a orixe do conflito. A autenticidade de este documento é tamén obxecto de controversia, habendo distintas hipóteses sobre a súa veracidade total, parcial ou nula.

Pascual II ofreceu como solución que ambas sedes se presentasen en Astorga ante o bispo de Burgos, Don García, para un xuízo ordinario no que a sede mindoniense debía presentar cinco persoas que xurasen ante o bispo de Burgos que esas terras levaban sendo administradas durante corenta anos por Mondoñedo. Así mesmo, Compostela podía presentar probas de que non fora así. Gonzalo acudiu a Castrojeiriz, na actual provincia de Burgos, onde se atopaba o Bispo de Burgos coa corte de Alfonso VI, e negouse a cumprir a sentencia do papa, non presentando testemuña algunha.

Ante esta situación, Pascual II enviou unha bula a Gonzalo en 1105 na que determina que os arciprestados pertencían á igrexa de Santiago e que solo foran entregados temporalmente a Mondoñedo polo cal debía devolverllos á igrexa compostelá. Gonzalo non acatou tampouco esta orde e Xelmírez volveu presentar a disputa no concilio de León de 1107 acusándoo de desobediencia. Ante esta problemática, creouse unha comisión formada por varios bispos para contemplar os argumentos de ambos contendentes. A comisión decidiu poñer baixo control do bispo de Ourense os arciprestados en disputa mentres eran enviadas as cartas do concilio a Roma. O papa encomendou ao arcebispo de Toledo tomar unha decisión de acordo á lei, cousa que non fixo[4].

O conflito quedou en suspenso cando presentaron obediencia en Compostela clero e pobo residentes nos arciprestados en disputa encabezados por Nuño, abade do mosteiro de San Martiño de Xubia, base monástica da familia Froilaz-Traba, da cal era membro o bispo Gonzalo de Mondoñedo[5]. Segundo se pode ler na HC “clero y pueblo de la misma diócesis […] espontáneamente vinieron ante la superioridad del referido obispo y confesaron de viva voz que se habían equivocado”[6]. Máis adiante, na carta de obediencia podemos ler “Nosotros, vecinos de las parroquias de Bezoucos, Trasancos, Labacengos y Arros, tanto abades, arciprestes, monjes y rectores de todas aquéllas como condes, caballeros, señoras y todo el pueblo”[7]. O primeiro que vemos aquí é unha separación entre clero e pobo identificando a este segundo como laico en contraposición. Dentro do grupo de laicos falase de condes e cabaleiros por un lado e pobo polo outro, a parte das señoras, nomeadas coma se doutro grupo se tratase. Nesta carta confirman a súa obediencia en primeiro lugar os integrantes da familia Froilaz: o conde Pedro Froilaz, a súa muller Dona Mayor e dúas irmás, Munina Froilaz e Visclavara Froilaz así como Nuño, abade do mosteiro de San Martin de Xubia. Pedro Froilaz era dono da maior parte dos territorios dos arciprestados de Bezoucos, Trasancos, Labacengos e Arros como se pode observar en múltiples documentos de doazóns a igrexas parroquiais de terreos, o que ademais mostra como sería ademais patrón de moitas igrexas parroquiais e mosteiros. Pedro Froilaz estaría ademais ligado coa diocese de Mondoñedo, proba disto é a súa ligazón sanguínea co bispo Gonzalo quen se verá respaldado nas súas disputas con Xelmírez por Pedro e pola súa familia como propietarios da meirande parte dos arciprestados.

Queda clara a asociación do pobo en xeral cos presbíteros de igrexas parroquiais falando indirectamente dunha comunidade de fieis adscrita a un templo formando o que serían as parroquias tal e como o entendemos hoxe. O xurdimento da parroquia clásica e as relacións das igrexas parroquiais na zona dos arciprestados de Bezoucos, Trasancos, Labacengos e Arros foi estudado por María Luz Rios Rodríguez[8] a partires da documentación gardada nos mosteiros de Xubia, Caaveiro e Monfero respecto das igrexas que pertencían a estas comunidades. Segundo esta autora, o mapa de parroquias clásicas, e por tanto da rede de poboamento, desta zona era xa a finais do século XIII moi similar ao actual, un feito que non é común noutros territorios como a zona cantábrica, remodelados nos séculos XV e XVI. Neste documento vese claramente a pervivencia pois a maioría das igrexas mencionadas manteñen o mesmo nome hoxe en día sendo igrexas parroquiais como San Salvador de Maniños, Santiago de Barallobre ou Santiago de Franza, por exemplo. Así mesmo, hai casos que cambian como por exemplo Sillobre, pois na HC aparecen mencionados dúas igrexas, Santa Marina e San Salvador de Sillobre ambas sen embargo a segunda hoxe en día é San Salvador de Fene, mostrando así como unha igrexa rural que estaba orixinalmente inscrita nunha parroquia clásica determinada pasou a ser cabeceira de unha segunda parroquia.

Ante estas confirmacións, Pascual II enviou unha bula enumerando tódolos bens da Igrexa de Santiago, a chamada Bula Iniusta de 1110[9], entre os que aparecen os arciprestados de Trasancos, Labacengos, Arros, Bezoucos e Seaya.

Segundo apunta Fletcher[10], pode que o enfrontamento non rematase coa saída de Gonzalo do bispado senón que introduce entre o bispado de Gonzalo e o de Nuño Afonso un bispo ponte que sería Pedro de Mondoñedo, que ostentaría o cargo por un moi breve período de tempo.

A disputa volveu avivarse anos despois, sendo bispo de Mondoñedo Nuño Afonso. Este fora coengo e dende 1109 tesoureiro de Santiago dende o 1109. Foi elixido bispo de Mondoñedo en 1112[11] nun movemento adicional de Xelmírez por darlle maior prestixio á sede de Santiago colocando bispos da súa confianza noutras sedes aínda que neste caso disputa ámbolos dous van rematar enfrontados. Finalmente, chegaron a un acordo reflectido no libro II, capítulo LVI. Xelmirez e Nuño de Mondoñedo acordan repartirse os territorios en disputa resultando outorgados a Santiago os arciprestados de Seaya e Bezoucos e quedando baixo control da sede mindoniense Trasancos, Labacengos e Arros sendo esta a distribución que permaneceu no tempo ate hoxe en día no que a beira sur da Ría de Ferrol pertence á diocese de Santiago mentres que a norte responde ante a diocese de Mondoñedo.

 

Notas ao pé

[1] Utilizamos neste caso a edición de Emma Falque publicada en 1994. A documentación do litixio comeza no capitulo XXXIV do libro primeiro da HC, continúa ate o XXXVI e sería definitivamente pechado no libro segundo, capítulo LVI.

[2] Historia compostelana.(Emma FALQUE, Ed.), p. 135.

[3] Antonio LÓPEZ FERREIRO: Historia de la Santa A.M. iglesia de Santiago…, Tomo III, p. 259.

[4] Carta recollida no capitulo XXXV do segundo libro da HC. Historia compostelana. (Falque, E., Ed., 1994). P. 138.

[5] José Luis LÓPEZ SANGIL: A nobreza altomedieval galega…, p. 274

[6] Historia compostelana.(Emma FALQUE, Ed.), p. 138.

[7] Ibid., p. 139.

[8] Véxase María Luz RÍOS RODRÍGUEZ: “Las “ecclesiae” dependientes de los monasterios de Jubia, Caaveiro y Monfero (S. XI a XIII)”, Adaxe, 5 (1989), pp. 105–123.

[9] Historia compostelana.(Emma FALQUE, Ed.), p. 143.

[10] Richard FLETCHER: “Obispos olvidados del siglo XIIFletcher, R. (1973), p. 321.

[11] Ibid., p. 319.

 

Bibliografía

Carlos BALIÑAS PÉREZ: Do mito á realidade: A definición social e territorial de Galicia na alta idade media (séculos VIII e IX) (1a ed.). Santiago de Compostela, Fundación Universitaria de Cultura, 1992.

Carlos BALIÑAS PÉREZ: “”Capitanei territorio galleciense”: la nobleza gallega en el siglo X”, en J. M. ANDRADE CERNADAS, M. CASTIÑEIRAS y F. SINGUL (Eds.): Rudesindus. San Rosendo, su tiempo y su legado, congreso internacional, Santiago de Compostela, S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, 2009, pp. 69-72.

Enrique CAL PARDO: “Breve historia de la diócesis de Mondoñedo”, Rudesindus, 1 (2008), pp. 105-123.

Historia Compostelana o sea Hechos de D. Diego Gelmírez : Primer Arzobispo de Santiago. (J. CAMPELO e M. SUÁREZ Eds.), Santiago de Compostela, Porto.

Historia compostelana. (Emma FALQUE, Ed.). Torrejón de Ardoz, Akal.

Fidel FITA: Concilios nacionales de Carrión en 1103 y de León en 1107. Edición dixital a partir do Boletín de la Real Academia de la Historia, tomo 24 (1894), pp. 299-342. Recuperado de http://www.cervantesvirtual.com/nd/ark:/59851/bmc2v2w2

Richard FLETCHER: “Obispos olvidados del siglo XII, de las diócesis de Mondoñedo y Lugo”, Cuaderno de Estudios Gallegos, 28(86) (1973), pp. 318–325.

José GARCÍA ORO (Coord.): Historia de las diócesis españolas. Madrid, Biblioteca de Autores Cristianos, 2002.

Fernando LÓPEZ ALSINA: “Parroquias y diócesis: el obispado de Santiago de Compostela”, en J. A. GARCÍA DE CORTAZAR e RUÍZ DE AGUIRRE (Eds.): Del Cantábrico al Duero. Trece estudios sobre organización social del espacio en los siglos VIII a XIII, Santander: Universidad de Cantabria; Parlamento de Cantabria, 1999, pp. 263– 312.

Fernando LÓPEZ ALSINA: “El Parroquiale Suevum y su presencia en las cartas pontificias del siglo XII”, en K. HERBERS, F. LÓPEZ ALSINA e F. ENGEL (Eds.): Das begrenzte Papsttum, Berlin: De Gruyter, 2013, pp. 105-132.

Fernando LÓPEZ ALSINA: La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media (2a. ed.). Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2015.

Antonio LÓPEZ FERREIRO: Historia de la Santa A.M. iglesia de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela, Imp. y Enc. del seminario Conciliar Central, 1898-1911.

José Luis LÓPEZ SANGIL: A nobreza altomedieval galega: A familia Froilaz-Traba (1. ed.). Noia, Toxosoutos, 2005.

María Luz RÍOS RODRÍGUEZ: “Las “ecclesiae” dependientes de los monasterios de Jubia, Caaveiro y Monfero (S. XI a XIII)”, Adaxe, 5 (1989), pp. 105–123.

 

A imaxe de portada é unha fotografía do báculo do bispo Gonzalo de Mondoñedo realizada polo Consello da Cultura Galega. Fonte: http://galicia100.consellodacultura.gal/obxecto/view/22

Web | Máis artigos

Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade