Roque Sanfiz Arias
En marzo de 1975 as equipas de rodaxe de Saló ou os 120 días de Sodoma (Pier Paolo Pasolini, 1975) e Novecento (Bernardo Bertolucci, 1976) enfrontáronse nun campo de fútbol da Cittadella de Parma. O interese de Pasolini polo deporte foi constante durante toda a súa vida. Considerábao poético1 e terapéutico (ao igual que o opio)2. Sempre dixo que pasara as tardes máis belas da súa vida nas bancadas e no campo3. Bertolucci non ten unha coñecida obra polo deporte e algún dos presentes naquel partido dixo, en referencia ás súas habilidades, que non sabía se o balón era cadrado ou redondo4. Sexa como for, dúas películas clave do cinema italiano batéronse vestidas de corto.
No documental Centoventi contro Novecento (Di Nuzzo, 2019) un dos protagonistas comenta acertadamente que xuntar Novecento e Saló é como xuntar as dúas animi máis potentes do século. Dunha parte temos a idea utópica da posibilidade de emancipación do home, dun futuro mellor, e doutra a distopía total, a do horror “racionalizado”.
Di Geraldine Schwarz no seu magnífico Los Amnésicos que o cine italiano presentara nun inicio o seu pobo como inxenuo e manipulado por Mussolini e os nazis5. Esta imaxe permitía eludir responsabilidades e pasar de páxina rapidamente, mais dende logo sen moito interese por aprender do pasado. A imaxe benévola segue presente nalgúns discursos públicos e no cine, véxanse os ineptos soldados da boísima Mediterráneo (Gabriele Salvatores, 1991).
Non obstante, as dúas películas das que nos ocupamos representaron un cambio no cine italiano en canto á maneira de afrontar o pasado. Segundo Schwarz Bertolucci, Fellini e Pasolini superaron a suposta inxenuidade italiana. Souberon falar da vida cotiá do fascismo e como este conseguira arrastrar a masas de xente á súa causa. O Conformista (Bertolucci, 1970), Amarcord (Fellini, 1973) e Saló (Pasolini, 1975) foron as primeiras obras que asumiron esa reflexión. Se engadimos Novecento (Bertolucci, 1976) e Unha xornada particular (Scola, 1977) podemos falar dun ciclo no que se nos explican as motivacións, as características e a popularidade do fascismo italiano.
O omnipresente motorista de Amarcord fálanos de como o fascismo asumira os movementos futuristas e modernistas. Anos antes, as vangardas modernistas italianas xa defendían que a cultura debía influír sobre a renovación da política para rexenerar a nación e que esta fose quen de “conquistar a modernidade”6. Certamente os fascistas souberon apropiarse destas motivacións e involucraron moitos intelectuais á súa causa, malia destacable oposición doutros7.
Novecento retrata, entre outras moitas cousas, a conivencia do squadrismo co patrón no seu interese por “calmar” a sociedade. Os camisas negras fixérono utilizando a coerción e a violencia, que consideraban “tipicamente fascista e moral”8. Tamén a polémica Saló explica os métodos de control total a través da punición violenta e mortal, neste caso utilizando unha metáfora na que uns rapaces son escravizados sexualmente.
Unha xornada particular explica a presenza dos ideais fascistas na xente do común e completa ordenación da súa vida. Fillos e fillas da familia romana protagonista militan nas organizacións que lle corresponden por idade e sexo. Mentres todos asisten aos actos organizados para recibir a Hitler, a nai da familia queda na casa custodiando os valores da feminidade do réxime. A convencida “boa esposa” atopase cun opositor ao réxime que lle fai repensar as verdades absolutas que dicía o duce. Finalmente, é testemuña da represión contra os homosexuais, tamén confinados polo réxime.
Rebuscar nas decisións cotiás que levaron ao réxime fascista ao poder e a controlar a vida das persoas axuda a evitar a cómoda e conformista idea da ignorancia e o descoñecemento. Como di Geraldine Schwarz citando a Norbert Frei: “non saber como nos teríamos comportado ‘non significa que non saibamos como deberíamos ternos comportado’. E como teríamos que comportarnos no futuro”9.
Aquel 16 de marzo no parque da cittadella o equipo de Pasolini gañaba até que Bertolucci meteu no campo a dous rapaces do filial do Parma AC que previamente contratara como axudantes.
*A imaxe de portada é un fotograma do documental Centoventi contro Novecento (2019) de Alesssandro Di Nuzzo.
Notas ao pé
- Pier Paolo PASOLINI: “El fútbol «es» un lenguaje con sus poetas y sus prosistas”, Il Giorno. 3 de xaneiro de 1971. Recollido en Pier Paolo PASOLINI: Sobre el deporte (Javier BASSAS trad.). Barcelona, Contra, 2015, p. 54. [↩]
- Pier Paolo PASOLINI: Sobre el deporte (Javier BASSAS trad.). Barcelona, Contra, 2015, p. 118. [↩]
- Pier Paolo PASOLINI: Sobre el deporte (Javier BASSAS trad.). Barcelona, Contra, 2015, p. 45. [↩]
- Centoventi contro Novecento. Pasolini, Bertoluci e il calcio. Alessandro Di Nuzzo (2019). [↩]
- Geraldine SCHWARZ: Los amnésicos. Historia de una familia europea. Barcelona, Tusquets editores, 2019, p. 335. [↩]
- Emilio GENTILE: Fascismo: Historia e interpretación. Madrid, Alianza, 2004, p. 299. [↩]
- Véxanse o “Manifesto degli intellettuali del fascismo” e o “Contromanifesto crociano”. Por exemplo en Emilio PAPA: Fascismo e cultura. Venecia, Marsilio, 1974, pp. 186-217. [↩]
- Gabriele TURI: Lo Stato educadore. Politica e intellettuali nell’Italia fascista. Bari, Laterza, 2002, p. 53. [↩]
- Geraldine SCHWARZ: Los amnésicos. Historia de una familia europea. Barcelona, Tusquets editores, 2019, p. 231. [↩]
Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.