A Segunda Guerra Mundial no cine soviético (III)

Roque Sanfiz Arias

En 1962 o novel director soviético Andrei Tarkovski estreou A infancia de Iván (Ivanovo detstvo). Considerada como unha das mellores creacións do cine soviético, destaca o seu tratamento da fotografía que pretende trasladarnos á fronte de guerra. Non é propiamente cine bélico senón que ten un compoñente de cine de terror, mostrando o lado escuro que viviu quen loitou.

Iván é un rapaz de doce anos orfo dende que os alemáns mataron aos seus pais. Non se nos explica como logrou sobrevivir pero conseguiuno, sendo adoptado por uns soldados. A súa labor na fronte é utilizar o seu instinto e as súas habilidades para cruzar as liñas inimigas e conseguir información sobre a situación dos alemáns.

Iván acepta estas misións movido pola sede de vinganza. Os alemáns mataran aos seus pais e familiares, colgaran dous nenos como benvida aos rusos e queimaran libros na praza do seu pobo. A súa infancia foi quebrada polos alemáns pero en soños segue correndo polos campos coa súa irmá. Desta maneira a idea dos alemáns como bestas que víamos no primeiro artigo sigue viva.

Nunha das misións de recoñecemento Iván desaparece e non sabemos que pasa con el. Sucédense planos a modo de documental da batalla de Berlín, incluíndo un plano dos corpos de Goebbels e dos seus fillos; outro exemplo de infancia quebrada pola guerra. Nunha morea de documentos nazis uns soldados soviéticos atopan os arquivos de Iván onde está recollido que foi torturado e axustizado, acompañados dunha foto del desafiante. A tortura non é mostrada por Tarkovsky explicitamente mais introduce planos de paredes e barrotes ao tempo que berros. O espectador non ten que ver nada para imaxinar que pasou e sentir parte da dor que Iván debeu sufrir.

Malia que Iván pode ser visto como heroe de guerra que axuda á vitoria é máis ben tratado como unha vítima da guerra. Impulsado polo desexo de vinganza xoga a ser un adulto aínda que non segue sendo máis que un neno e o seu lugar non era a guerra. A infancia de Iván é unha chamada contra a guerra e a irracionalidade, representada polos alemáns.

O mesmo obxectivo seguiu perseguíndose no cine soviético ate o fin da URSS. En 1985 Brezhnev xa morrera e Gorbachov empezaba a dar os primeiros pasos da súa Perestroika. Nese mesmo ano saíu á luz Ven e mira (Idi i Smotri, 1985) dirixida por Elem Klimov. A última e máis famosa película do director soviético foi preparada para conmemorar o corenta aniversario da fin da guerra.

A pesar de ter pasado dúas décadas, hai un paralelismo nas liñas xerais con A infancia de Iván. O protagonista é tamén un rapaz bielorruso. Baixo a ocupación nazi únese aos partisanos e tras un tempo volve ó seu pobo na busca da súa familia. Ao chegar descobre como todo o pobo foi asasinado cruelmente polos nazis, marcando o punto de inicio do seu tormento.

Klimov é capaz de facernos sufrir na nosa pela a mesma dor que o protagonista ten, especialmente a través do son e a música. A diferencia de Tarkovsky, Klimov si que mostra explicitamente as masacres dos nazis, axudando á sensación de desconcerto e terror.

A escena final mostra a través dun primeiro plano a cara do rapaz que xa non é tal. A súa cara está deteriorada coma a dun ancián. A continuación dispara con rabia a unha fotografía de Hitler. Mentres escoitamos os disparos vemos imaxes de arquivo da vida de Hitler ate chegar á foto dun Hitler que aínda era bebé e estaba no colo da súa nai. Xusto neste momento os disparos acaban, mostrando a humanidade que os nazis non tiveron cos nenos.

Conclúe así esta pequena serie de artigos sobre a representación da Segunda Guerra Mundial no cine soviético na que vimos como a industria cinematográfica adaptouse ás necesidades e aos designios dos seus mandatarios.

Comezamos con películas que necesitaban remarcar os valores que debían loitar ao nazismo que ocupaba territorios soviéticos e enxalzar ás figuras da guerra. Na segunda parte vimos como era necesario representar na grande pantalla os sufrimentos dunha poboación que era testemuña directa da guerra e sentía como propia a rabia ante un evento que lle arrebatara familiares.

Neste último as películas son dunha calidade superior ás que preceden. Son directores de renome que supuxeron o punto máis álxido do cine soviético. Directores desta talla non escaparon de relatar a historia da súa Grande Guerra Patria. Adaptárono ao seu estilo e conseguiron crear dúas obras que a través de recursos cinematográficos intentan transmitir sensacións a un público que maiormente xa non viviu a guerra. Os obxectivos e os valores continuaron pero as formas e o público cambiaron, condicionando a forma de facer cine.

A infancia de Iván pode atoparse completa con lendas en castelán na canle de youtube de Mosfilm seguindo esta ligazón. Ven e mira está dispoñible con lendas en inglés na canle de YouTube de Belarus film nesta ligazón.

Web | Máis artigos

Fene, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de nove meses na Universidade Jagiellonski de Cracovia. Estudei o máster de Historia Contemporánea na Universidade Autónoma de Barcelona. Actualmente curso o doutoramento na USC, investigando sobre a historia social do deporte en Galicia na primeira metade do século XX.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade