Miguel Rodríguez Martínez
No maxín popular, as especies dominantes dos nosos montes aparecen conformadas polo carballo e o castiñeiro, características do agro que nos rodea. Neste artigo trataremos de salientar o pinus pinaster ou piñeiro marítimo, elemento principal dos proxectos de repoboación forestal do pasado século.
Na actualidade, o piñeiro é a conífera comercial máis abundante do noroeste peninsular, albergando unha extensión próxima ás 650.000 ha, mais non sempre imperou a superficie arbórea. Coma sinalan Rico (1999) Fernández Prieto (1992) ou o mesmo Bouhier (1979) -que xa aparecera no anterior artigo adicado ao toxo– o monte galego caracterizábanse por unha acusada escaseza de arborado, debido a unha tanxente actividade antrópica dende unha óptica forestal. Tres eran as principais especies maderables do país: os mencionados castiñeiro, o carballo e o piñeiro. A administración da terra substituiu a explotación comunal máis vencellada á agricultura e a gandería fronte un avance imperativo da industria de madeiras e derivados. Para finais do século XX, Galicia convertiuse nun dos baluartes madeireiros da península, acadando valores próximos a unha cuarta parte da madeira consumida Estado.
Quen sería o gran protagonista deste auxe madeireiro? O carballo ocupara no pasado grandes extensións, mais a substitución polo ferro na construción naval supuxo un revés importante, quedando máis vencellado á industria do ferrocarril e á fabricación de vigas. O castiñeiro foi o máis valioso grazas ao seu valor alimentario e a súa resistencia, pero ao igual que no caso do carballo as enfermidades fúnxicas que lles afectan poñen en grave perigo a especulativa produción que o proxecto vaticinaba. Emporiso a elexida sería específicamente o piñeiro na súa variedade atlántica, gran protagonista da reforestación e asemade do cambio no monte galego.
Trátase dunha resinosa cun crecemento moi veloz tanto en diámetro como en altura, significando unha clara vantaxe dende un punto de vista produtivo e económico fronte aos longos periodos que as anteriores especies demandan. O piñeiro adáptase a condicións moi dispares: dende os fríos cordais a máis de mil cincocentos metros de altitude até ao nivel do mar. A súa sinxela adaptación permitiría convertirse na especie dominante nas políticas de repoboación e colonización forestal xa salientadas no ano 1926 no plan de reforestación de Rafael Areses Vidal. Coma sinala este enxeñeiro de montes galego:
Nin pola súa madeira, de calidade inferior, nin polo seu froito, utilizado como combustible, nin polas demais limitadas aplicacións pode compararse esta especie cas anteriores [castiñeiro e carballo]; pero na confeción de tablado para pisos e especialmente, de tabliña para envases, son moitos as miles de toneladas que consumen as numerosas e importantísimas fábricas establecidas.
Dende o último tercio do século XIX destacara o aumento de superficie ocupada, salientado xa no século XX polos enxeñeiros de montes coa fin de obter puntais de minas ou para a industria ferroviaria. Cando Rafael Areses fala sobre o piñeiro nesta metade da década dos anos 20′ do pasado século, xa está a referir que “pola facilidade e baratura coa que se pode obter a súa semente en cantidade suficiente e polo moi familiarizados que están os nosos paisanos co seu cultivo e aproveitamento, non vacilamos en propór que se fixe como dominante nos montes que imos crear”. Cabe a pena referenciar as súas verbas nesta proposta sobre a familiarización, comprendendo a rápida expansión e adaptación pola latitude galega.
Ademais, destaca o seu rápido crecemento, a súa adaptación a todo tipo de solos e pendentes, a sinxeleza de obtención de semente e un mercado asegurado ante unha inxente demanda. Formalízanse a partir do 1926 consorcios entre o Estado e os Concellos para levar a cabo os plans de repoboación forestal elaborados polos enxeñeiros de montes adscritos ao Distrito Forestal de cada administración territorial, sendo as galegas as primeiras en seren aprobadas.
Cos plans de reforestación en marcha, a industria do serrío impulsaría a súa labor, primeiro mediante os chamados serradores mediante unha extración manual e seguidas por unha mecanización progresiva. Estes piñeiros eran extraídos pola industria do serrío dos montes particulares e veciñais, sendo primeiro estes pequenos propietarios os que souberon aproveitar a oportunidade dunha especie moito máis dinámica polo seu turno máis curto e a súa compatibilidade co clima e con outras producións.
Unha das ferramentas máis salientables foi a serra de auga, situada á beira do río adicadas á produción de táboa para envases empregando a madeira do piñeiro. A tecnoloxía avanzou, logrando alternativas para salvar a irregularidade desta especie e a tecnificación da produción en xeral. Deste xeito, a roda hidráulica dos serríos polas turbinas a reacción así como outras innovacións tecnolóxicas permitiron gañar competividade no mercado. Destacou a produción da tabliña para envases, entre outras.
Cando o individualismo e o reparto dos montes foi traducido nunha introdución de innovacións técnicas e industrias en expansión como a do serrío chegou a Guerra Civil Española. Este momento autárquico provocu continuación pola aposta do piñeiro e a súa compatibilidade con outras producións nunhas localizacións máis condicionadas por factores climáticos, xeolóxicos ou mesmo topográficos. Derivou no abandono das vellas especies de frondosas e as súas devanditas enfermidades criptogámicas para dar paso a unha industria cunha intervención do factor humano señeira e selectiva.
E así o pinus pinaster convertiuse nun dos principais elementos da economía agraria galega e ocupou un importante lugar no imaxinario colectivo galego sobre a súa terra.
*As fotografías forman parte do Arquivo Fotográfico da miña familia. O lugar fotografiado foi o Serrío da Escoleira no Concello de Entrimo, Ourense.
Bibliografía
Balboa López, X. O monte en Galicia (Vigo: Xerais, 1990).
Bougier, A. La Galice. Essai geographique d’analyse et d’interprètation d’un vieux compexe agrarie (Francia: Le Roche-sur-Yon, 1979).
Fernández Prieto, L. Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (Vigo: Xerais, 1992).
Fernández Prieto, L. (ed.) Terra e progreso. Historia agraria da Galicia Contemporánea (Vigo: Xerais, 2000).
Rico Boquete, E. A riqueza forestal de Galicia no século XX. Produción e explotación (Santiago de Compostela: Universidad de Santaigo de Compostela, 1994).
– “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1939” Historia Agraria, 62 (2014): 83-116.
Teo, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de doce meses na Benemérita Universidad Autónoma de Aguascalientes. Estudei o mestrado de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (2019) e o mestrado en Formación de Profesorado (2019). Os meus intereses están vencellados ás implicacións da migración galega tanto nos lugares de destino como nos de partida e aos estudos de xénero na Galicia contemporánea.
2 comentarios en “O pinus pinaster. Unha ollada á Galicia forestal na primeira metade do século XX.”
A antiga fábrica da “Escoleira “baixo o encoro de Lindoso…. Río Limia na marxen do Monte de Galez . Coñecín os seus propietarios….Existía outra de similares características na mesma marxen denominada “A fabrica do Maestro”Houbo mesa zona Km atrás un “fábrica dos Malleiras”,a cuál se chegou a través de unha cascada se fabricaba enerxía…
Xusto! Eran os meus avos. Nada quedou despois do encoro, unha mágoa.
Se tes documentación ou algo sobre esas outras fábricas da zona, estaría encantado de poder compartila!
Saúdos.