“Gostariamos experimentar a nivel formal como podemos facer que a historia sexa máis apelable aos sentimentos, a querer coñecer para logo adentrarse un pouco máis”. Entrevista a Coral Piñeiro

Coral Piñeiro é directora de curtas documentais como Dores (2020) e Mariví, na pel da memoria (2022). Xuntámonos entre bandeiras irlandesas e as primeiras mesas ocupadas celebrando San Patricio na Novena Porta de Santiago de Compostela. Con ela conversamos sobre o seu traballo na divulgación de memoria histórica, na súa evolución no sector e na formalización da Asociación Memoria e Cinema que presentará na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) hoxe ás 19.30h no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela.

Con tres anos e unha pandemia polo medio, como valoras o impacto de Dores (2020)?

Ao comezo cando fixemos Dores non sabíamos se ía ter ningún tipo de impacto. Para nós era unha temática descoñecida e pensabamos que tamén así para a maioría da xente. Si que é verdade que cando chegamos á Facultade de Historia comentáronnos que xa se coñecía a existencia de campos de concentración e quedamos chafadas, pero queriamos seguir porque criamos que faltaba esa información. Pero nunca pensamos que ía sorprender tanto. Ao final Dores non é só un traballo sobre os campos de concentración; é un traballo sobre o noso proceso de como foi descubrir o silencio que existe na nosa historia. Por iso a entrevista final é a da familia dun verdugo e dunha vítima e non ten que ver tanto cos campos de concentración. Todo foi un proceso e unha perspectiva que sorprendeu moito.

“Non podemos sabelo todo pero podemos aportar curiosidade para que eles e elas sigan investigando na súa zona”

E a nivel persoal, como foi esa evolución da primeira vez que presentades a peza documental á última?

Ao comezo estabamos orgullosas do noso traballo sen saber se o que estabamos facendo era algo diferente. Era un proxecto de fin de grao e estabamos inseguras: como nós, como comunicadoras, imos falar de historia? Foi na experiencia cando todo se resolveu. Indo a colexios e institutos achegámonos ao alumnado falando dunha forma moi próxima e intentando que eles nos acompañasen no percorrido: como foi coñecer a historia, o silencio que hai e por que é importante coñecela. De falar de contexto, de lugares… Agora mesmo os lugares son unha das cousas que nos abren as portas a coñecer o noso pasado. Para as novas xeracións o tema da guerra queda moi atrás e quedan desvinculadas, pero ao falar nos lugares onde aconteceron eses sucesos e buscar un punto de conexión con elas foi algo que nos deu bastante confianza. Non podemos sabelo todo pero podemos aportar curiosidade para que eles e elas sigan investigando na súa zona. Gostariamos experimentar a nivel formal como podemos facer que a historia sexa máis apelable aos sentimentos, a querer coñecer para logo adentrarse un pouco máis. É un pouco o que intentamos con Mariví. Isto levounos a falar da súa infancia, entón nós tamén intentamos apelar á infancia, ao lugar onde crecemos, como un punto dende o que querer descubrir e coñecer. Entón creo que si que houbo unha evolución de como queremos contar as historias.

Falando de Mariví Villaverde, como foi a experiencia de basearvos na súa vida para a curta documental Mariví, na pel da memoria (2022)?

Foi moi emocionante a verdade. Cando fixemos Dores lemos moitísimo sobre a represión franquista e os espazos de represión, e pensabamos que podiamos coñecer o que sucedía. En concreto o relato de Mariví comeza presentando a súa infancia, cunha realidade completamente diferente á nosa. Ela era de Vilagarcía, Laura e eu —creadoras de Dores— somos de Vilagarcía tamén. Ela comeza describindo unha Vilagarcía diferente, pero bastante similar á que existe hoxe en día e parte dun punto de vista de clase completamente diferente á nosa. Mariví é unha rapaza burguesa e nun momento podes pensar que habería unha dificultade de conectar con ela. Fala das clases de piano, dos salóns, das reunións de política na súa casa… Pero a medida que lemos o libro vimos que para nada. Despois o progreso truncado pola ditadura, atopar que Vilagarcía e todos eses lugares que albergaron tantos sucesos… Foi moi emocionante.

Comentabas o paso por centros de ensino e a conexión que tivéchedes co alumnado…

O paso polos institutos foi un antes e un despois. Chegas a estes centros e hai rapaces e rapazas de 15, 16 ou 17 anos. Cando ves que lles interesa a unha gran parte deles e delas é brutal, interésalles a historia do seu. Intentamos facer fincapé que nós só fixemos un documental e que podemos estar inventando todo, así que se o queren descubrir e lles interesa que o investiguen, que consulten, que teñan esa curiosidade de ler… Teñen que cuestiónalo todo. Darse conta do que pasou na praza pola que camiñan todos os días e non tiñan nin idea. Por iso quixemos facer fincapé no de Mariví co lugar. Ao final dáste conta de que o lugar no que viviches ten toda esta historia e non a coñeces. Descubrir todas as capas de silencio e iso sempre chama a querer coñecer máis. Recoller testemuñas, animar a outras persoas que fagan esta tarefa. Encántame dicir nos institutos que “pareceremos moi novas pero que estamos xa pasadas de moda, este tempo é voso e tedes que entrevistar e rescatar a vosa memoria do voso lugar”. Pois simplemente preguntando isto na casa, proponer actividades… Estamos desexando comezar agora co de Mariví polos centros como con Dores.

O vindeiro martes presentades no MICE a Asociación de Memoria e Cinema. Como nace e que obxectivos perseguides?

Ten que ver moito con Dores e querer levar Dores como material didáctico. Inda estamos no proceso de creala. Con esta asociación temos pensado crear materiais, pedir axudas para poder desenvolver proxectos e moito máis. É unha forma de xestionar ben como nos queremos achegar aos institutos e obter financiamento para reinvestir en proxectos deste tipo.  Crear espazos nos que difundir a historia e espazos nos que crear, esas dúas ramas. Dar a coñecer o traballo xa feito e crear novos espazos de traballo. O rico e o bonito é que máis xente poida unirse a esta temática. Que poidan intervir bastantes disciplinas e xuntarse no audiovisual, que é un conxunto de esforzos de varias disciplinas para poder crear entorno a iso. Outra das ideas é crear encontros de intercambio en directo para ver como achegarnos á historia e sacar a historia das aulas e das charlas a lugares máis accesibles e de creación común.

Podes seguilos en Instagram en https://www.instagram.com/memoriaecinema/.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade