Miguel Rodríguez Martínez
O presente é unha cuestión cultural que demanda a construción dunha forma específica de abordalo[1]. Lonxe da perspectiva tradicional da disciplina histórica, afeita á necesidade de tomar certa distancia do episodio a estudar, existe unha historia do tempo presente capaz de interpretar un proceso da actualidade. Este novo formato é recoñecido como unha historia “en quente, na que o suxeito interfire co coñecemento, o actor coa acción histórica e a memoria coa interpretación[2]”.
O amplo desenvolvemento dos medios de comunicación e das novas tecnoloxías permiten ás profesionais do estudo da Historia abordar a inmediatez dun proceso actual grazas á accesibilidade de fontes documentais. Esta actitude tivo gran importancia no relativismo subxectivo historiográfico, aceptando que toda interacción humana entre o suxeito e o obxecto é subxectiva e interpretable[3].
O mesmo día de hoxe hai dez anos Mariano Ferreyra foi asasinado en Bos Aires. Un crime que pode ser explicado por sucesos do pasado, que nos axuda a comprender a imaxe actual do goberno arxentino e nos indica os posibles camiños que o legado de Mariano Ferreyra tomará no futuro. A fin de contas, unha perspectiva de análise que involucre á historia como proceso dentro dun trinomio do pasado, do presente e do futuro.
O 20 de outubro de 2010 celebrouse unha manifestación a prol de reclamar a reincorporación de cen traballadores despedidos da liña de Ferrocarril Roca. Entre os movementos organizadores estaba o Partido Obrero, do que Mariano Ferreyra era militante dende os 13 anos. Nun momento da protesta foi, xunto cun grupo de manifestantes, cortar as vías preto da estación de Avellaneda. Un conxunto de traballadores baixo ordes de José Pedraza, secretario xeral da Unión Ferroviaria, foron atentar contra os actos destes manifestantes. Mariano Ferreyra recibiu un disparo no tórax e foi trasladado sen éxito ao hospital, finando escasas horas despois do ataque.
Vaiamos coa tríada sinalada anteriormente. Se inscribimos este suceso dende unha lóxica inmersa no pasado e derivada nese fatídico momento, aterramos na asunción de loita de clases inmerso na loita ideolóxica desa manifestación[4]. A explotación capitalista busca un abaratamento de custos que se perpetúa no despido masivo de empregados. Nese sistema de posicións, establécense dous bandos adscritos á realidade nacional arxentina. Por un lado, a loita pola xusticia social protagonizada pola esquerda, representando a mirada popular dos feitos. No outro bando a represión acometida polos sindicalistas, que defenderon os intereses económicos mediante violencia e atentaron contra a vida non só de Mariano, senón de varios manifestantes que saíron feridos de gravidade do suceso[5].
Neste contexto, os barrabravas e os patotas representan a burocracia sindical arxentina chea de corrupción, violencia e represión que non é sancionada polo goberno[6]. Aquí xa se despraza a loita política entre dous actores sociais: o Goberno, que non logra evitar estes sucesos; e a Oposición, a cal reforza o seu esgotamento pola inoperancia institucional e tamén é influida pola proximidade das eleccións presidenciais arxentinas.
Manifestación o día despois tralo asesinato de Mariano Ferreyra. Fonte: Wikimedia CC-BY-3.0
Independentemente do proceso xudicial a José Pedraza a imaxe do goberno arxentino viuse perxudicada, polo que nace na oposición –o imaxinario popular arxentino- un rexeitamento cara ese progresismo que Cristina Fernández poñía por bandeira. Agora un mozo inocente fora asasinado, e a imaxe de Mariano Ferreyra permaneceu como bandeira política en contra da burocracia sindical arxentina. As declaracións da presidenta da nación prenderon a mecha ao sinalar que: “hay algunos que hace mucho buscan un muerto en la Argentina, como no lo pueden lograr desde los sectores políticos comandado por la democracia, por eso aparecen bandas”.
Deste xeito chegamos ao presente. Ao poñer no mesmo papel os disturbios creados polos manifestantes co asasinato por orde do xefe da patronal e categorizalos tanto a uns como a outros de bandas a posición institucional do goberno arxentino quedaba posicionada a favor da violencia cometida a ollos da sociedade arxentina. Unha cicatriz profunda que se personificou no asasinato de Mariano, resultado da tercerización da represión por parte do goberno.
E desta construción do pasado chegamos ao legado da morte de Mariano Ferreyra como significación mítica do presente e do futuro. A contratación de barrabravas nunha zona liberada pola policía saldouse na morte de Mariano, pero a súa imaxe convertiuse nun símbolo de esperanza e expectativas. As rúas da capital rioplatense inúndanse de murales que recordan a loita que Mariano representa. E non se trata desa loita particular contra a Unión Ferroviaria, senón que agora representa un signo ideolóxico en defensa das demandas populares e en contra da represión institucional.
Mural de Mariano Ferreyra, Bos Aires. Fonte: Cosecharoja.org
A imaxe de Mariano Ferreyra representa agora o progreso social, económico e político do país, e un nome anónimo para todas e todos até ese momento encabeza agora manifestacións, cancións e actos públicos da realidade arxentina. As contradiccións do sistema capitalista post-neoliberal do Kirchnerismo poderán ver o impás que supuxo a morte deste xove no pasado, e como este suceso non permanece a un episodio illado, senón que forma parte do presente e do futuro do contexto político arxentino.
Porque a disciplina histórica debe fomentar unha imaxe de interese pola actualidade, unha necesidade social que nos debe permitir entender as forzas profundas que están definindo o noso presente. Iniciado na inmediatez, inscrito nunha coxuntura. De Mariano Ferreyra, á non represión da violencia dende as institucións arxentinas.
A ver que a Mariano Ferreyra lo mataron…
Los burócratas empresarios que explotan a terciarizados
Los nenes del comisario con el crimen organizadoZona liberada para barra bravas
(Muchas veces contratada por el mismo Estado)
Y el gobierno que hace migas con la mafia mas podrida
menos mal que está Cristina que me anula la retina!
[1] Julio ARÓSTEGUI SÁNCHEZ: “La Historia del Presente: una cuestión de método?”, en Carlos NAVAJAS ZULBEIDA. (coord.): Actas del IV Simposio de Historia Actual, España, Instituto de Estudios Riojanos, pp: 41-76.
[2] Josefina CUESTA BUSTILLO: Historia del presente, Madrid, Eudema, 1993, p. 228.
[3] Ibid
[4] Louis ALTHUSSER, L: Ideología y aparatos ideológicos del Estado, Nueva Visión, Buenos Aires, 1970.
[5] Diego ROJAS: Quien mató a Mariano Ferreyra?, Buenos Aires, Norma, 2011.
[6] Gabriela ÁGUILA: “Violencia política, represión y actitudes sociales en la historia argentina reciente”, en Pilar PEREIRA (coord.): Pensar con la Historia desde el siglo XXI. XII Congreso de la Asociación de Historia Contemporánea, Universidad Autónoma de Madrid, 2015.
Bibliografía
Gabriela ÁGUILA: “Violencia política, represión y actitudes sociales en la historia argentina reciente”, en Pilar PEREIRA (coord.): Pensar con la Historia desde el siglo XXI. XII Congreso de la Asociación de Historia Contemporánea, Universidad Autónoma de Madrid, 2015.
Louis ALTHUSSER, L: Ideología y aparatos ideológicos del Estado, Nueva Visión, Buenos Aires, 1970.
Julio ARÓSTEGUI SÁNCHEZ: “La Historia del Presente: una cuestión de método?”, en Carlos NAVAJAS ZULBEIDA. (coord.): Actas del IV Simposio de Historia Actual, España, Instituto de Estudios Riojanos.
Josefina CUESTA BUSTILLO: Historia del presente, Madrid, Eudema, 1993
Diego ROJAS: Quien mató a Mariano Ferreyra?, Buenos Aires, Norma, 2011.
Teo, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de doce meses na Benemérita Universidad Autónoma de Aguascalientes. Estudei o mestrado de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (2019) e o mestrado en Formación de Profesorado (2019). Os meus intereses están vencellados ás implicacións da migración galega tanto nos lugares de destino como nos de partida e aos estudos de xénero na Galicia contemporánea.