A presencia do exilio na industria cinematográfica mexicana (IV). Demetrio Bilbatúa

“A morte do meu pai e dos meus tíos está presente en cada espazo da nosa vida cotiá [1].”

Demetrio Bilbatúa

O exilio afectou a todos os estratos da sociedade, incluidos os máis novos. Tal e como sinala o protagonista deste último artigo da serie: “o meu papel na Guerra Civil foi ser neno”[2].

Demetrio Bilbatúa naceu en Vigo no ano 1935 no seo dunha familia militante socialista. O seu pai, Demetrio Bilbatúa Zubeldia, era mestre e presidente do Partido Socialista de Vigo. Ademais, o seu tío Antonio era deputado socialista en Pontevedra e vicepresidente da Agrupación Socialista Local. Tan só un mes despois do inicio do conflito, Demetrio e Antonio foron capturados polo bando sublevado e xulgados por delito de traizón. A súa execución foi perpretada no cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936. A familia quedara sinalada como una ameaza, e tan só quince días despois do fusilamento o outro irmán, Luis, foi executado por un grupo de falanxistas no Cabral o 15 de setembro[3].

“Neste lugar ás dúas beiras da estrada ao mencer do 15 de setembro de 1936 apareceron asasinados polos fascistas os corpos de Marcial Araújo Conde Eugenio Arbones Castellanzuelo Luís Bilbatúa Zubeldia Segundo Echegaray García Adolfo Morgade Pazos Abraham Muñoz Arconada Inocencio Taboada Montoto. O pobo non esquece”. 15 de setembro de 2007. Fonte: Wikimedia

A nai dun Demetrio de tan só un ano de idade tivo que buscar un lugar para o pequeno. Enviouno xunto coa súa curmá á Coruña, cidade na que pasou os seus primeiros anos que recorda difíciles por “ser diferente” e por “nunca poder ser como os demais”[4].

Foi á idade de 9 anos, no ano 1945, cando Demetrio chegou a México da man da súa tía Margarita, que fuxira abordo do Statendam no 1939 dende as costas francesas. Xa estamos a falar dunha segunda xeración, que viviu a transterración de forma diferente aos homes máis avanzados en idade sendo máis ben fillos adoptivos do exilio. Alí asistiu a centros como o Colexio Madrid ou o Colexio Luís Vives, integrándose nun contexto de fillos de republicanos españois. É dicir, un artista que non levou os coñecementos adquiridos polo estudo e experiencia da industria cinematográfica do territorio peninsular, senón que adquiriu os resultados da hibridación do exilio español e do cine mexicano xa neste territorio.

Na súa producción cinematográfica destacou primeiro polo seu labor de cámara oficial do presidente Adolfo López Mateos entre os anos 58 e 64. Luis Buñuel recrimiñáballe que desempeñase este posto ao sinalar que “estaba vendendo o seu talento ao servizo do poder”. Tal era a súa proximidade, que López Mateos nunha viaxe a Guatemala obrigouno a nacionalizarse mexicano -xunto con toda a súa familia- para evitar problemas de pasaporte cada vez que o presidente tiña un encontro internacional[5].

Por outra banda está a súa etapa como documentarista. Destacou polo seu tratamento da paisaxe mexicana en filmes como Valle sagrado (1973), Descubra México (1970) e máis dun milleiro de producións nas que participou tanto de cámara, director de fotografía ou director da produción. Cómpre salientar a súa memoria por Galicia pese ás experiencias traumáticas que sufriu nesta terra, sinalando nunha entrevista hai non moitos anos que unha das tarefas pendentes que lle quedou por realizar é un documental sobre a súa propia experiencia dos anos da guerra civil en Vigo e na Coruña[6].

Conclusións

Buñuel adoita eclipsar a imaxe do papel do exilio republicano na industria cinematográfica pola súa notoriedade. Neste caso, trouxemos catro casos galegos que serven para explicar outros procesos e experiencias deste episodio.

Nun momento no que México precisaba consolidarse como unha potencia recoñecible no contexto internacional, o milagre republicano trouxo consigo un elenco artístico e cinematográfico que aportou importantes innovacións. Pese unha primeira exclusión pola súa condición de refuxiado e reticencias dos sindicatos locais, co paso do tempo e a asimilación do transterrado que non é un mero visitante xurdiu un proceso de hibridación. Unha adaptación de novos contidos, unha nova forma de facer cine. A fuga intelectual que propiciou os anos máis escuros do contexto español significou a época de ouro do cine mexicano. E detrás de todas estas experiencias, mortes e episodios traumáticos do exilio, vemos unha memoria que se logrou manter grazas a todos eles a máis de 9.000 kilómetros de distancia.  E porque como Carlos Velo, os irmáns Mayo ou Demetrio Bilbatúa, quedan moitos casos por lembrar dun exilio que na maior parte das veces nunca puido volver á súa terra.


Notas ao pé

[1] Entrevista a Demetrio Bilbatúa por Jorge Chaumel 26-5-15

[2] A entrevista forma parte da serie documental “Historias de vida”, dirixidas por Xan Leira. A mesma está dispoñible en: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=9171 [Data de consulta: 6 de maio de 2019].

[3] Os tres fusilamentos están recollidos en Nomes e Voces, proxecto de Investigación que estuda a represión en Galicia durante a guerra civil e o franquismo, recompilar información e ofrecer datos relativos ás vítimas. Véxase o caso de D. Bilbatúa Zulbeida en: http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/8080/

[4] Demetrio BILBATÚA (2006): Galicia-México. Imaxe máxica, Galicia, Galaxia, pp: 12-25.

[5] William CASAS SIDWELL (2011): “Demetrio Bilbatúa. Visual and Social memory of México”. Protocolo, México.

[6] Demetrio Bilbatúa: “Sueño con culminar mi vida con un documental de Galicia” (02-08-15). Entrevista dispoñible en: https://www.farodevigo.es/sociedad/2015/08/02/demetrio-bilbatua-sueno-culminar-vida-16852037.html

Web | Máis artigos

Teo, 1996. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela cunha estancia de doce meses na Benemérita Universidad Autónoma de Aguascalientes. Estudei o mestrado de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (2019) e o mestrado en Formación de Profesorado (2019). Os meus intereses están vencellados ás implicacións da migración galega tanto nos lugares de destino como nos de partida e aos estudos de xénero na Galicia contemporánea.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade