Desde Corrubedo para o mundo: David Chipperfield, Premio Pritzker 2023

O pasado martes 7 de marzo, a Fundación Hyatt outorgou o Premio Pritzker de 2023, o galardón máis importante no mundo da arquitectura, ao arquitecto inglés David Chipperfield. Este tipo de premios como dispositivos de recoñecemento e poder merecen todo tipo de cautelas, especialmente tendo en conta que neste caso provén dunha fundación privada vinculada a grandes capitais inmobiliarios e cun nesgo patriarcal e occidental moi marcado ao longo da súa historia. De feito, após incomprensíbeis omisións como a de Denise Scott-Brown, excluída do Pritzker que foi concedido a seu home e colega profesional Robert Venturi en 1990, non foi até Zaha Hadid en 2004 que se outorgou este premio a unha muller, sendo a primeira de até seis que o recibiron nestes últimos anos. Por outra banda, o número de arquitectos non occidentais está a medrar, coa significativa concesión do Pritzker a Francis Kéré en 2022, se ben estas concesións están sempre vinculadas a uns circuítos e un discursos que, en maior ou menor medida, reproducen unha determinada ideoloxía colonial; unha representación necesaria mais tokenizada.

Así e todo, non se pode desaproveitar a oportunidade que brinda a edición deste ano para pór de relevo a figura dun arquitecto que, para alén de estar lonxe do histrionismo que marca boa parte da arquitectura estelar actual, ten unha vinculación moi próxima e afectiva con Galiza. Entre a súa extensa obra en todo o mundo e en todo tipo de tipoloxías arquitectónicas e urbanas, podemos pór dous exemplos para comprender cal é a poética de Chipperfield. Dunha banda, Chipperfield gañou o concurso para a rehabilitación e reconstrución do Neues Museum de Berlín (1993-2009), unha intervención respectuosa coa estrutura e a tipoloxía do edificio orixinal do XIX e mais coa memoria e as feridas da Segunda Guerra Mundial, unhas feridas que non se pretenden agochar, senón restituírse sen excesos e con elementos limitados ao esencial e estritamente necesario para o museo recuperar a súa vida e funcionalidade (Imaxe 1). Doutra banda, o River and Rowing Museum en Henley-on-Thames (1989-1987) representa o interese de Chipperfield por aprender da tradición vernácula, neste caso dos típicos rochos para embarcacións e os celeiros de madeira da paisaxe tradicional do río Támese.

Imaxe 1. Rehabilitación do Neues Museum de Berlín (1993-2009). Fotografía do autor.

A súa chegada a Galiza, máis concretamente a Corrubedo, foi froito dunha brincadeira de Manuel Gallego, como lembraba este nunha entrevista no El País Semanal: «Bueno…, fue una liada. Lo conocí en Milán. Me contó que pasaba el verano en un lugar maravilloso en la costa del sur de Italia. Le tomé el pelo y le dije que lo maravilloso era el Atlántico, que era como el inglés pero con sol y como si fuera África. En otoño me llamó porque quería venir. Le dije que estaba de broma, que había niebla, que hacía frío. Pero vino. Y empezó a freír pimientos y a hacer tortillas»1. Namorado da costa da ría de Arousa, construíu a súa propia casa (1996-2002) na praia de Corrubedo (Imaxe de cabeceira e imaxe 2), un exercicio de indubidábel contemporaneidade que, ao tempo, dialoga coas construcións adxacentes e participa activamente da paisaxe marítima da vila. Máis aló da súa vivenda, a súa implicación na vida de Corrubedo reafirmouse cando adquiriu e reabriu o vello Bar do Porto en 2020, o máis pequeno e simbólico testemuño da súa convicción nas posibilidades de desenvolvemento urbano e territorial e de dinamización da vida costeira.

Imaxe 2. Entrada á casa en Corrubedo (1996-2002). Fotografía do autor.

Con relación a isto último, David Chipperfield vén traballando desde 2017 na Fundación RIA (Rede de Innovación Arousa) que, con sede en Compostela, se autodefine como unha «axencia independente sen ánimo de lucro, un thinktank que contribúe á análise, a reflexión e a ordenación territorial estratéxica»2. Para alén de todo isto, cabe lembrar a súa participación en concursos internacionais como o da Casa da Historia da Coruña (2003) ou o da reforma do peirao de transatlánticos de Vigo (2006), así como o deseño da colección Rede para Sargadelos, unha proposta en que conflúen a tradicional estética cerámica da fábrica mariñá e mais a integración de novas técnicas como a modelaxe en 3D.

Se as principais condecoracións recibidas por arquitectos galegos son os Premios Nacionais de Arquitectura de Manuel Gallego (1997 e 2018) e César Portela (2000), os Pritzkers non son alleos á nosa contorna creativa. Aínda que o Pritzker ten sido banalizado pola febre publicitaria e propagandística, con moitos intentos frustrados como os de Norman Foster ou Jean Nouvel, outros Pritzker si teñen obra galega: Arata Isozaki, Thom Mayne ou, como referencias con vinculación máis profunda, Aldo Rossi e Álvaro Siza. A esta listaxe cómpre agora engadirmos David Chipperfield, cuxa presenza é, se cadra, aínda máis especial pola natureza da súa vinculación co país: a súa obra galega construída, que fala do papel da casa como tipoloxía totalizadora da creatividade e a intimidade do arquitecto, e mais a implicación e compromiso coa cultura e o desenvolvemento sostíbel da Galiza.

Imaxe de cabeceira: Casa de David Chipperfield en Corrubedo (1996-2002). Fachada á praia. Fotografía do autor.

_____________________

1 Manuel GALLEGO JORRETO: «“Un muelle, que une tierra y mar, es la arquitectura más rotunda”», El País Semanal (15/2/2016). Dispoñíbel en https://bit.ly/3lpcULB (consultado o 16/03/2022).

2 Fundación RIA: «Presentación» (2022). Dispoñíbel en https://www.fundacionria.org/gl/ (consultado o 16/03/2023).

Máis artigos

Vigo, 1994. Graduado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, en 2022 rematou a súa tese de doutoramento, dirixida por Jesús Á. Sánchez García, "O lugar da arquitectura galega contemporánea (1970-2000): autorreflexións e olladas vernáculas. Teoría, historiografía, praxe". Durante a súa traxectoria académica foi beneficiario dun contrato predoutoral no Departamento de Historia da Arte e fai parte do GI-1510 Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU), grupo en que participou do proxecto de investigación nacional «Memoria del patrimonio desaparecido en Galicia. El siglo XX» (MEPAGAL, 2020-2023). Entre as súas liñas de investigación salientan a teoría da arquitectura contemporánea, a historia da arquitectura do século XX, o patrimonio e a súa conservación ou as converxencias entre contemporaneidade e as linguaxes locais e vernáculas, con especial énfase no ámbito galego. Ten escrito varios capítulos de libros e artigos para as revistas Mazarelos, Glaucopis, Sémata, Espacio, tiempo, forma. Serie VII Historia del Arte ou Quintana.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade