Un cemiterio baleiro e un trailer de Netflix: folclore, cyberpunk e César Portela

Santiago Rodríguez Caramés

agora queda

esta desolación de corpos
contra o muro

a vexetación do silencio
abríndose paso entre os paxaros

non está
non
non está

a árbore que miras

non está

Estevo Crus, o lugar que non hai (2017)

Neftlix tense convertido non só nunha das principais plataformas de contidos audiovisuais a nivel mundial, senón tamén nunha produtora cunha política de publicidade moi especializada dos seus produtos. A nivel do Estado español, Neftlix realiza trailers que adaptan os contidos das series a elementos culturais próximos. En 2018, co gallo das fallas de València, Neftlix España publicitou a súa famosa serie Narcos cun vídeo en que as súas personaxes principais son dobradas ironicamente cun estereotipado acento valenciano para se referir a dita celebración. A plataforma dixital seguiu tirando deste recurso e editou un novo vídeo no que Chimo Bayo facía unha versión de «Tuyo», a canción principal da banda sonora da serie -orixinalmente interpretada por Rodrigo Amarante-, na electrónica propia do bakalao valenciano dos anos oitenta e noventa.

O exemplo que nos atinxe é un trailer realizado para a serie Altered Carbon en Fisterra, no que se utiliza o Cemiterio de Fisterra proxectado por César Portela. Ao longo desta promoción, Neftlix emprega unha serie de referencias estereotipadas e rexionalizadas, que no conxunto do estado son recoñecíbeis e comprensíbeis. Ademais,  como xa indicamos, a produtora fai un esforzo engadido ao realizar un novo produto audiovisual a maiores -a serie non se desenvolve en Fisterra nin ten as protagonistas do vídeo-, afondando nesa especialización publicitaria.

http://https://www.youtube.com/watch?v=RZMqJH343K8

Vídeo promocional de Neftlix España para a serie Altered Carbon, ambientado en Fisterra.

O cemiterio baleiro

O cemiterio de Fisterra foi un proxecto celebrado pola crítica, que o vía como unha das grandes demostracións da evolución estilística de Portela, moi influenciada polo mestre Aldo Rossi e con influencias do popular. Neste caso, a abstracción formal, o emprego do granito e as implicacións paisaxísticas foron algunhas das chaves salientadas. Todo isto vénse confirmar coa aparición do cemiterio en numerosas publicacións estatais e internacionais, que certifican o arquitecto pontevedrés como o de maior proxección fóra das nosas fronteiras nas últimas décadas1.

Porén, o cemiterio ficou baleiro e nunca exento de polémica, se ben semella que a tendencia comeza a cambiar2 . Entre as causas desta fortuna podemos intuír e salientar as seguintes: 1) funcionalidade, xa que se atopa nun antigo camiño descendente de percebeiros a medio camiño na estrada entre a vila e o cabo, con posíbeis dificultades de acceso a persoas de mobilidade reducida; 2) cuestións antropolóxicas, que atinxen á propia situación do cemiterio; 3) consideracións estéticas, xa que a súa aparencia dista moito da de moitos camposantos tradicionais, nos que ademais é típico a realización dun panteón familiar propio, contrario á uniformidade dos columbarios de Portela; 4) pola existencia doutro cemiterio pertencente á Igrexa, cos compoñentes simbólicos e de poder que iso leva consigo —cómpre lembrar que este é un cemiterio público e laico—.

A polémica do cemiterio non foi a única á que se tivo que enfrontar César Portela, xa que logo, anos despois, tamén recibiu críticas polos labores de restauración da igrexa de Santa María das Areas, a que acudiu para explicar as intervencións aos veciños e usuarios. Un dos principais problemas foi a recuperación do revoco tradicional -fronte ao típico branco, Portela decidiu empregar un azul claro pola vinculación mariñeira do templo- dos arcos diafragma que asentan a cuberta, posto que a súa perda provocaba unha sensación de estrañeza duns fregueses que sempre coñeceron a igrexa sen esta solución.

Folclore e distopía en Fisterra

Unha consideración interesante que cómpre facer é que, na narración do trailer -non esquezamos que conta unha «historia» que, se ben segue a temática da serie, non vai alén deste vídeo promocional-, o cemiterio de Portela é identificado como tal e inaugura o fío cunha referencia á súa situación na realidade: «El cementerio de Portela situado en Fisterra lleva 20 años vacío». Fisterra preséntase como berce dunha avanzada civilización que desenvolve unha tecnoloxía que permite descargar a consciencia humana nunha pila, podendo cambiar continuamente de fundas -corpos- e non morrer nunca. Desta maneira, o vello tanatorio é unha discoteca, o enterrador convértese en youtuber, o cura fica sen traballo -a súa escena desenvólvese precisamente no interior de Santa María das Areas- e os fisterráns mudan continuamente de corpo. A morte xa non ten sentido e, por extensión, o cemiterio de Portela é espremido para este uso comunicativo e simbólico da temática de Altered Carbon.

Como se viña dicindo, a imaxe que reflicte o trailer dos protagonistas é unha imaxe baseada en estereotipos, neste caso o acento. A efectos da estética vanse amosando diferentes espazos da vila mesturados con elementos do cyberpunk, corrente literaria que pasou ao cinema da man de filmes como Blade Runner e que Mark Fisher ten atendido a través da revisión dos termos «raro» e «sinistro». Así, o neon é o elemento principal que inza as rúas da Fisterra distópica, así como o propio cemiterio; esta proposta aplicada á obra de Portela fora xa empregada pola artista Luísa Álvarez, que dispuxo unha serie de instalacións de neon diante dos nichos como símbolo do baleiro3.

En definitiva, a linguaxe eminentemente contemporánea da proposta de Portela, xunto coa súa polémica historia, contribúen á realización estética do trailer. Dende o punto de vista comunicativo e simbólico, o compoñente da Costa da Morte e mesmo a capacidade evocadora da paisaxe do finis terrae son aplicados con tingue distópico á temática dunha serie. O vídeo péchase novamente co cemiterio, que «seguirá vacío».

Vista da paisaxe do cemiterio. Fotografía do autor. 

*Foto de portada. Fotografía do autor

Bibliografía

Yago BONET CORREA: «Construcción e natureza ou a arquitectura como a transformación positiva do lugar», Obradoiro, 28 (2000), pp. 52–53.

David COHN: «Eyes to the sea. Burial Niches on a hillside create a poetic landscape above the coast of Galicia. Fisterra Cemetery by César Portela», Architectural Record, xullo de 2002, pp. 108-111

Mónica FERREIRÓS: «Así es el cementerio de Finisterre: 20 años después no tiene ni un muerto», El Español, 17 de abril de 2017. https://bit.ly/35KbkJJ [Consultado: 19 de novembro de 2020].

Emmanuela DE LEO: Il cimitero come paessagio. Roma, Mancosu, 2006, pp. 110-116.

Carlos MARTÍ ARÍS (ed.): Cementerio Municipal en Fisterra, 1997-1999. César Portela, colección Archivos de Arquitectura España Siglo XX. Almería, Colegio de Arquitectos de Almería, 2010.

NEFTLIX ESPAÑA, «El pueblo en el que nadie muere», Youtube. https://bit.ly/36OpJUC [Consultado: 19 de novembro de 2020].

NEFTLIX ESPAÑA, «La Fallera Mayor», Youtube. https://bit.ly/32ZlyUH [Consultado: 19 de novembro de 2020].

NEFTLIX ESPAÑA, «Chimo Bayo – Tuyo (Narcos)», Youtube. https://bit.ly/2KootQv [Consultado: 19 de novembro de 2020].

Antón PATIÑO: «Cemiterio da fin da terra», Microfisuras, 16 (2001), pp. 68-71.

Alfonso PEXEGUEIRO: «El cementerio de la memoria», Microfisuras, 16 (2001), pp. 80-81.

César PORTELA: «Un proyecto para el cabo», en Finisterrae: un proyecto para el confín del mundo. Fisterra, Finisterre seguros, 1997, pp. 109-137.

César PORTELA: Cementerio de Fisterra. Vigo, Construcciones Ponciano Nieto, 2000.

César PORTELA: «Cemiterio de Fisterra», Obradoiro, 28 (2000), pp. 46–51.

César PORTELA: «Cementerio civil, Fisterra (A Coruña)», A&V Monografías, 81-82 (2000), p. 120.

César PORTELA: «Cementerio de Finisterre», Microfisuras, 16 (2001), pp. 72-79.

César PORTELA: «Cementerio de Fisterra», Arquitectos: información del Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España, 160 (2001), pp. 70–71.

César PORTELA: «Stratégie de silence. Cimetière, Cap Fisterra», Technique et architecture, 452 (2001), pp. 78–81.

César PORTELA. «Friedhof Finisterre», Architektur+Wettbewerbe, 192 (2002), pp. 22–25.

César PORTELA: «Finisterre Cementery», A+U, 383 (2002), pp. 42–47.

César PORTELA: «Il cimitero di Finisterre in Galizia», en Marco FELICORI (ed.): Gli spazi della memoria. Architettura dei cimiteri monumentali europei. Roma, Luca Sosella, 2005, pp. 157-160.

César PORTELA: «Cementerio de Finisterre», en Vicenzo PAVAN (ed.): La natural seducción de la piedra: arquitectura contemporánea de España. Verona, Faenza Industrie Grafiche, 2007, pp. 46-63.

César PORTELA: «Cementerio-Cemetery (Fisterra, A Coruña)», DPArquitectura, 25 (2019), pp. 82–93.

Redacción QUE PASA NA COSTA: «O Cemiterio de Fisterra cobra vida coa instalación efímera de Luísa Álvarez», Que pasa na costa, 6 de agosto de 2018. https://bit.ly/35KgWnt [Consultado: 19 de novembro de 2020].

Redacción LA VOZ DE GALICIA: «Cruces de neón en cementerio de César Portela», La Voz de Galicia, edición de Carballo, 7 de agosto de 2018. https://bit.ly/3fbN72d [Consultado: 19 de novembro de 2020].

Notas ao pé

  1. Neste senso, remitimos á bibliografía deste artigo, en que indicamos algunhas das publicacións en que apareceu este proxecto. Entre elas, aparecen revistas de pensamento a nivel galego, como Microfisuras, de ampla difusión estatal, como A&V Monografías, ou de prestixio internacional, como a xaponesa A+U. []
  2. Mónica FERREIRÓS: “Así es el cementerio de Finisterre: 20 años después no tiene ni un muerto”, El Español, 17 de abril de 2017. https://bit.ly/35KbkJJ [Consultado: 19 de novembro de 2020] []
  3. Redacción QUE PASA NA COSTA: “O Cemiterio de Fisterra cobra vida coa instalación efímera de Luísa Álvarez”, Que pasa na costa, 6 de agosto de 2018. https://bit.ly/35KgWnt [Consultado: 19 de novembro de 2020]; e Redacción LA VOZ DE GALICIA: “Cruces de neón en cementerio de César Portela”, La Voz de Galicia, edición de Carballo, 7 de agosto de 2018. https://bit.ly/3fbN72d [Consultado: 19 de novembro de 2020] []
Máis artigos

Vigo, 1994. Graduado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, en 2022 rematou a súa tese de doutoramento, dirixida por Jesús Á. Sánchez García, "O lugar da arquitectura galega contemporánea (1970-2000): autorreflexións e olladas vernáculas. Teoría, historiografía, praxe". Durante a súa traxectoria académica foi beneficiario dun contrato predoutoral no Departamento de Historia da Arte e fai parte do GI-1510 Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU), grupo en que participou do proxecto de investigación nacional «Memoria del patrimonio desaparecido en Galicia. El siglo XX» (MEPAGAL, 2020-2023). Entre as súas liñas de investigación salientan a teoría da arquitectura contemporánea, a historia da arquitectura do século XX, o patrimonio e a súa conservación ou as converxencias entre contemporaneidade e as linguaxes locais e vernáculas, con especial énfase no ámbito galego. Ten escrito varios capítulos de libros e artigos para as revistas Mazarelos, Glaucopis, Sémata, Espacio, tiempo, forma. Serie VII Historia del Arte ou Quintana.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade