Santiago Rodríguez Caramés
O Día das Artes Galegas foi instaurado en 2015 pola Real Academia Galega de Belas Artes. A data escollida para a súa celebración non é casualidade, xa que foi no primeiro de abril de 1188 cando se colocaron os linteis das portadas do Pórtico da Gloria, como reza a propia inscrición da porta central. O Mestre Mateo recoñécese como o director destas obras a fundamentis, é dicir, dende os alicerces. Desta maneira, o Mestre Mateo, ese gran mito da arte galega e cumio da catedral románica, que recolleu as linguaxes que discorrían polos camiños de peregrinación fundíndoas nunha personalidade artística inconfundíbel, foi o primeiro artista homenaxeado.
Unha iniciativa deste xénero, fondamente necesaria, busca a imprescindíbel visibilización, recoñecemento e posta en valor do noso legado histórico-artístico. Mais esta necesidade de difusión debe estar sempre mediada polo debate, a reflexión e o espírito crítico, inferíndose disto unha retrospectiva plural e ampla das nosas manifestacións artísticas. Ao longo destes primeiros anos, as persoas homenaxeadas foron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016), Maruxa Mallo (2017), Alejandro de la Sota (2018) e Luís Seoane (2019). Con estas figuras únense arquitectura, escultura, pintura, gravado ou cerámica, mais sobre todo achegas dun xeito ou doutro relevantes para o devir da arte e a cultura contemporáneas galegas.
A arte de Castelao non só era unha mirada atenta á faísca cultural e artística do resto de Europa, senón tamén a denuncia e visibilización das galegas e galegos máis vulnerábeis, as obrigadas a emigraren ou as represaliadas polo fascismo. O caso de Maruxa Mallo é o dunha das principais voces da vangarda galega, de intensa vida cultural arredor da Xeración do 27 e no posterior exilio, desenvolvendo unha arte con lembranzas nas tradicións e mitos da súa Galiza natal e vernizada das sensibilidades artísticas do momento. Alejandro de la Sota foi unha das personalidades fundamentais na recuperación do Movemento Moderno no Estado español após os anos da autarquía franquista e no maxisterio das xeracións galegas que protagonizaron esa recuperación no País, unha arquitectura valente e moderna que escoita a «voz do lugar». Por último, Luís Seoane é outro dos protagonistas da vangarda galega, do labor cultural no exilio e, xunto con Díaz Pardo, dunha das experiencias creativas máis relevantes da Galiza contemporánea: a cerámica de Sargadelos, que supón a reivindicación dos labores artesanais tradicionais como forma de dinamizar o País e de o sumar á modernidade.
Logo da gran personaxe da arte medieval galega e de catro persoeiros do século XX, é a quenda do arquitecto barroco Domingo de Andrade (Cee, 1639 – Santiago de Compostela, 1712), homenaxeado deste 2020. O barroco galego é un deses paradigmas e épocas totémicas da nosa arte, cunhas linguaxes propias irradiadas dende unha Compostela en continua mudanza. Recollendo as recomendacións do cóengo José Vega y Verdugo, as grandes empresas artísticas emprendidas polo cabido catedralicio, as principais ordes monásticas e os poderes civís tentaban cambiar a percepción dunha cidade ancorada no medievo e dun centro da cristiandade que non se axustaba ás esixencias comunicativas e ideolóxicas do espírito contrarreformista. Compostela tinguiuse de novas fachadas e novos espazos urbanos, de riquísimos adobíos de froitas e motivos xacobeos, de efectos de perspectiva e das xeometrías do barroco de placas. Domingo de Andrade representa algúns destes elementos coa súa elegancia formal, o seu intelixente uso dos volumes arquitectónicos e o enxeño e dificultade construtiva de obras como a tripla escaleira do convento de San Domingos de Bonaval, que hoxe fai parte do Museo do Pobo Galego.
Da catedral foi nomeado mestre maior das obras en 1676 e participou de maneira definitiva na gran transformación da basílica compostelá deste século, no tabernáculo do altar maior ou, nomeadamente, no remate da Torre do Reloxo (1680), a Berenguela, á que engade dous corpos de diferente planta adaptados ás perspectivas urbanas e que enriquecen a nova estética do edificio. Na praza da Quintana, un deses espazos renovados, achega solucións de tipoloxía urbana como a Casa da Conga (1709) e a carismática Casa da Parra (1683). Fóra de Santiago podémolo atopar na capela do Cristo da catedral de Ourense e na sala capitular e sancristía da sé luguesa. Outra das súas facetas, que recoñece o seu nivel de erudición e o interese de moitos arquitectos da Idade Moderna por elaboraren teoría arquitectónica, é a obra Excelencias, antigüedad y nobleza de la arquitectura (1695). En definitiva, Domingo de Andrade, xunto con figuras como Fernando Casas e Novoa, Clemente Fernández Sarela ou Simón Rodríguez, mudou para sempre a imaxe de Compostela e representou unha das épocas de maior creatividade artística do País.
Entre as seis persoas homenaxeadas no Día das Artes Galegas rexístranse compromiso político co país, a vocación e o papel transformadores da arte, a vindicación e a adaptación dos labores e expresividades tradicionais, a aposta decisiva pola modernidade e algúns momentos que marcaron de xeito transcendental o porvir da arte galega, aos que sempre se volve na nosa procura e redescuberta como pobo. Son de xustiza e cómpre celebrármolas, mais sabemos que, ás veces, a xustiza historiográfica é unha cuestión profundamente relativa. Debemos aproveitar estas retrospectivas para atender a todas as eivas que se poidan detectar nos nosos discursos historiográficos, á expresión das identidades non normativas, ao labor das nosas imprescindíbeis mulleres creadoras, ás tipoloxías artísticas e creatividades historicamente minorizadas, á posición da nosa arte no mundo, á nosa memoria histórica. Mantermos, en fin, unha atención crítica á nosa historia da arte como forma de autocoñecemento e autorrecoñecemento alén só dunha lista de personalidades. Coñezamos así o noso pasado e gocemos del como cimento do noso futuro.
Vigo, 1994. Graduado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, en 2022 rematou a súa tese de doutoramento, dirixida por Jesús Á. Sánchez García, "O lugar da arquitectura galega contemporánea (1970-2000): autorreflexións e olladas vernáculas. Teoría, historiografía, praxe". Durante a súa traxectoria académica foi beneficiario dun contrato predoutoral no Departamento de Historia da Arte e fai parte do GI-1510 Historia da Arte, da Arquitectura e do Urbanismo (HAAYDU), grupo en que participou do proxecto de investigación nacional «Memoria del patrimonio desaparecido en Galicia. El siglo XX» (MEPAGAL, 2020-2023). Entre as súas liñas de investigación salientan a teoría da arquitectura contemporánea, a historia da arquitectura do século XX, o patrimonio e a súa conservación ou as converxencias entre contemporaneidade e as linguaxes locais e vernáculas, con especial énfase no ámbito galego. Ten escrito varios capítulos de libros e artigos para as revistas Mazarelos, Glaucopis, Sémata, Espacio, tiempo, forma. Serie VII Historia del Arte ou Quintana.