Alba Garrido e Carlos Lozano
A historia da loita e resistencia de diversos sectores da sociedade galega fronte ao bando sublevado tralo golpe de Estado de xullo de 1936 atópase nunha situación de amplo descoñecemento social, asolagada por múltiples e grises historias derivadas de dous claros motivos. Por unha beira, a historiografía tradicional, vencellada ao nacionalismo español, aseverou a inexistencia de calquera conflito en Galicia durante a guerra civil, e mesmo defendeu unha toma totalmente pacífica do territorio por parte dos elementos insurxentes. Por outra, a escasa relevancia dada pola maioría da sociedade galega a este tema, desde a fin da ditadura, motivaron esta situación de pausa.
Porén, nos últimos anos e en ligazón coas crecentes demandas de agrupacións culturais e memorialísticas nadas ao abeiro da Lei de Memoria Histórica (2007), desde as institucións públicas de investigación histórica, nas que se abranguen as tres universidades galegas, iniciáronse proxectos destinados á recuperación e posta en valor do papel real que tivo Galicia e os galegos e galegas durante a Guerra Civil española e despois dela. Un dos mellores exemplos foi o desenvolvemento do proxecto interuniversitario Nomes e Voces no ano 2007, que permitiu unha primeira achega á represión e violencia exercidas polas autoridades e elementos sublevados durante o conflito e tralo seu fin. O desenvolvemento, fases e características do exilio galego, así como o papel dos exiliados no mantemento da cultura e política galega e na posterior reinstauración democrática; as experiencias e traxectorias vitais das galegas e galegos que loitaron na Segunda Guerra Mundial, o estudo histórico sobre aqueles que acabaron nos campos de concentración da Alemaña nazi ou os actuais proxectos predoutorais centrados na resistencia armada ao franquismo durante e trala guerra son boas mostras desta corrente que está a medrar no panorama histórico galego.
O proxecto de difusión histórica Galiciaantifranquista, pois, bebe deste desenvolvemento e procura aportar, de maneira rigorosa e científica, as achegas que se están e que se van a desenvolver desde as institucións. O emprego do recurso audiovisual e gráfico da rede social Instagram permítenos difundir e chegar, de xeito conciso e visual, a un público novo, amplo e con escasa información sobre a temática en cuestión. As propias características da ferramenta fan que podamos recuperar imaxes, xornais, documentos sonoros e audiovisuais antes imposíbeis de difundir a unha gran audiencia, así como aproveitar a dixitalización de fontes e recursos a niveis micro que permiten presentar sucesos dados a niveis provinciais e mesmo locais. Outro bo instrumento son os datos xeográficos que nos facilitan, a través de mapas e simboloxía, construír unha imaxe visual de estatísticas cuantitativas, e mesmo cualitativas, que teñamos que tratar. En síntese, procuramos xerar un vínculo de pertenza e proximidade entre o espectador e o recurso difundido.
Do mesmo xeito, un dos nosos obxectivos secundarios é permitir á docencia do ensino medio un novo recurso moito máis didáctico para a explicación dun tema que en moitasocasións presenta numerosas carencias. A falta de actualización historiográfica dos manuais de texto e a exposición dun certo clasismo á hora de tratar algúns dos exemplos de vítimas ou persoeiros destacábeis do tema son claras pegadas para entender a desconexión coa realidade do alumnado, e mesmo o descoñecemento ou terxiversación do tema por parte deste. Da mesma forma, non só queremos centrar o noso público na poboación nova galega. Non debemos esquecer que a expansión das redes sociais é unha realidade entre toda a poboación, polo que se amplía o abano e o medra o número de actores en liña. En definitiva, chegar aos estratos adultos que medraron nun sistema educativo opaco no referente a este tema e, por que non, tamén á xente anciá que viviu baixo o franquismo e que, en numerosos casos, coñeceron, directa ou indirectamente, a violencia exercida polo réxime.
En conclusión, o noso proxecto defende unha necesaria renovación da visión que ten a sociedade galega, en todo o seu conxunto, sobre o papel que tivo Galicia e os seus habitantes entre a sublevación de 1936, a instauración do autoritarismo franquista e a fin da ditadura, así como chegar a debater acerca das actuais políticas de memoria. Procuramos, pois, a defensa e recuperación obxectiva e histórica, afastada de sentimentalismo e partidismos, do papel tido e sufrido por Galicia e os galegos e galegas nunha das etapas máis relevantes e rupturistas da historia contemporánea do país.
Instagram: De Galicia a Mauthausen (@galiciaantifranquista)
Ourense, 1997. Graduada en Historia (2019), no mestrado de Historia Contemporánea (2021) pola Universidade de Santiago de Compostela e no mestrado de Educación (2022) pola UVigo. Actualmente cursa o doutoramento en Historia Contemporánea na USC.
Os seus estudos e temas de interese céntranse no exilio republicano dende o Golpe de Estado de 1936, nas traxectorias e experiencias vitais do deportados galegos a campos de concentración da Alemaña Nazi e na Resistencia ao Golpe en Galiza.