Nós éramos guerrilleiras. Síntome orgullosa desta palabra. A guerrilla, ti sabes, foi o único movemento que combateu o franquismo, despois de acabada a guerra1.
No noso imaxinario, a Resistencia ao Golpe de xullo de 1936 ou a configuración da posterior guerrilla debúxanse como espazos monopolizados pola figura masculina en detrimento da presenza feminina. O enfoque axeitado, dende un punto de vista histórico, que deberían recibir os traballos enmarcados baixo a liña de xénero, non pasa por caer no simplismo de tentar equiparar en termos cuantitativos a súa presenza neste escenario, senón que vai máis aló. É fundamental preguntarnos o papel que xogaban elas neste contexto, a visión que sobre a súa figura se tiña no bando oposto ou as razóns de seren relegadas a un plano secundario, entre outros interrogantes. Isto será o que nos permita avanzar de xeito favorable no coñecemento e na investigación histórica.
A historiadora Ana Cabana destaca a relevancia e o papel fundamental que tiveron as mulleres dende os comezos da guerrilla á hora de configurar as imprescindibles redes de apoio. A súa importancia queda materializada se nos detemos a analizar a terrible violencia que se desata contra a súa figura por parte do bando sublevado. Na entrevista realizada por Aurora Marco en xullo de 2006 á guerrilleira Consuelo Rodríguez López “Chelo”, vemos exemplificado o papel que xogaban as mulleres e a violencia á que estaban sometidas a través da súa figura e da de moitas outras compañeiras:
As enlaces tíñamos un papel fundamental para que os nosos compañeiros puidesen sobrevivir. Eu fun unha enlace moi forte. Axudaba en traballos de intendencia e asistenciais, como proporcionar roupa, alimentos, medicamentos; entregar cartas, avisar por onde andaba a Garda Civil, abrir novas casas de apoio, enlazar con outras compañeiras… Unha das mulleres coa que enlazaba, por exemplo, era Carmen Jérez Rodríguez, da Fervenza. Era leiteira, baixaba ao Barco a vender o produto e víamonos en Viloria. O que fixeron despois con ela foi unha salvaxada, violárona, quedou encinta e despois matárona. (…) Por esta axuda tan necesaria que prestábamos aos nosos compañeiros de ideais e de loita, estábamos moi perseguidas. Eu estiven tres veces no cárcere do Barco e tamén nos de Ponferrada e León. Nestas prisións coincidín con colaboradoras da guerrilla: Encarnación Valle Carrera, sogra do Bailarín, Enriqueta Delgado e Carmen Fernández, mulleres de Arturín e Santos López; estiven coas mozas de Guillermo Morán, de Hilario Álvarez, de Robustiano Arias; con María Palmeiro, a muller do meu irmán Alfonso, con Paquina Nieto… Isto xa en Ponferrada. Había moitas encarceradas2.
Aproveitando a mención de Consuelo a Encarnación Valle Carrera, destacamos a terrible agresión da que foi vítima esta última. No outono de 1939, estando presa no cuartel da Garda Civil de Casaio, botáronlle auga fervendo na boca e na vaxina para logo ser violada co cano dun fusil e ser posteriormente botada ao río dende unha ponte. A súa morte é rexistrada no Río Casaio-Carballeda de Valdeorras a causa de asfixia por inmersión3.
Ademais do papel de enlaces, as mulleres tamén pasaron á clandestinidade no monte, sendo un número máis da guerrilla. Consuelo Rodríguez sinala na mesma entrevista a súa experiencia e o seu papel dentro do grupo:
Eu aprendín a tirar nuns prados, ensinoume Arcadio, nunca me separaba da miña pistola e participei nalgúns combates onde non houbo baixas, tanto nas Morteiras como na Bruña. (…) Aínda que vivín bastante nos chozos, movíamonos moito e íamos por todas partes4.
Esta realidade pretende ser desfigurada a través da negativa de outorgarlles o cualificativo de resistentes ou combatentes, denigrando a súa actividade a seren “putas dos vermellos”. Eliseo Fernández e Dionisio Pereira destacan o caso de María Teresa Domínguez Prada malchamada “Bruja de Espiño” que, contra 1937 marcha ao monte coas súas tres fillas para formar parte dun grupo composto por veciños de Corzos-Xares. Un ano despois, estas mulleres foron sometidas a xuízo sendo consideradas simplemente as “queridas” dos guerrilleiros5.
Obxectivo fundamental polo tanto, á hora de levar a cabo un traballo sobre minorías no relato histórico, é tratar de esclarecer os motivos e os camiños que levan a que a súa imaxe sexa proxectada como secundaria neste contexto, onde neste caso, a posibilidade de considerar á muller como inimigo perigoso se tornaba aterradora para moitos dos que construíron un discurso aínda presente. A investigación neste sentido é, polo tanto, completamente fundamental e precisa.
Imaxe de portada: portada do documental dirixido por Pablo Ces sobre as mulleres na guerrilla antifranquista na Galiza
Bibliografía:
Aurora MARCO: “Consuelo Rodríguez López. Memoria da guerrilla galega antifranquista”. Revista Galega de Historia Murguía, 39, (2019). Dispoñible en: http://www.revistamurguia.com/?p=2652 (consultado o 07/03/2023).
Ana CABANA IGLESIA: “A heroicidade do día a día. Os enlaces na guerrilla antifranquista en Galicia”, Nós Diario (30/12/2021).
Eliseo FERNÁNDEZ e Dionisio PEREIRA: A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940). Santiago de Compostela, Em Selecta Companha, 2022.
Francisco Xavier REDONDO ABAL: Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro, 2006.
s.a. Nomes e Voces (07/03/2023). “Vermellas”. Dispoñible en: http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion-panel/vermellas/guerrilleiras/ (consultado o 07/03/2023).
Pablo CES (director): As silenciadas. España, 2010.
_____________________
1 Aurora MARCO: “Consuelo Rodríguez López. Memoria da guerrilla galega antifranquista”. Revista Galega de Historia Murguía, 39, (2019). Dispoñible en: http://www.revistamurguia.com/?p=2652 (consultado o 07/03/2023).
2 Aurora MARCO: “Consuelo Rodríguez López. Memoria da guerrilla galega…
3 s.a. Nomes e Voces (07/03/2023). “María Teresa Domínguez Prada”. Dispoñible en: http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/10814/ (consultado o 07/03/2023).
4 Aurora MARCO: “Consuelo Rodríguez López. Memoria da guerrilla galega…
5 Eliseo FERNÁNDEZ e Dionisio PEREIRA: A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza (1936-1940). Santiago de Compostela, Em Selecta Companha, 2022, p.29.s.a. Nomes e Voces (07/03/2023). “María Teresa Domínguez Prada”. Dispoñible en: http://vitimas.nomesevoces.net/gl/ficha/10814/ (consultado o 07/03/2023).
Ourense, 1997. Graduada en Historia (2019), no mestrado de Historia Contemporánea (2021) pola Universidade de Santiago de Compostela e no mestrado de Educación (2022) pola UVigo. Actualmente cursa o doutoramento en Historia Contemporánea na USC.
Os seus estudos e temas de interese céntranse no exilio republicano dende o Golpe de Estado de 1936, nas traxectorias e experiencias vitais do deportados galegos a campos de concentración da Alemaña Nazi e na Resistencia ao Golpe en Galiza.
1 comentario en “A desfiguración da muller na guerrilla en Galiza”
Muy interesante.