Antes do s. XX, as mulleres apenas eran mencionadas na Historia, e eran representadas, a meirande parte das ocasións, a través das raíñas e das santas. Na primeira metade do s. XX, algunhas académicas coma Eileen Power, Alice Clark, Ivy Pinchbecl, Julia Spruill ou Mary Beard comezaron a ocuparse, en baixa proporción, do estudo das mulleres1. Porén, segundo o movemento feminista foi cobrando relevancia, coñecer o pasado das mulleres foise convertendo nunha necesidade, desenvolvéndose nun primeiro momento a “Historia das mulleres” para, posteriormente, pasar a estudar a construción da feminidade, a masculinidade e a orixe do mesmísimo xénero a través do que Joan Scott denominou “Historia do xénero”. Na actualidade, estas dúas correntes continúan a existir e incluso converxen, polo que resulta de interese unha aproximación a ambas para recoñecer diferenzas e similitudes e así poder decidir conscientemente a Historia que facemos e, tamén, a que consumimos.
Foi na década de 1960 cando algunhas historiadoras, coma Michelle Perrot, comezaron a reivindicar unha Historia propia das mulleres fronte á Escola dos Annales e á historiografía marxista, que se ben defendían un enfoque metodolóxico de historia total desde a perspectiva das clases oprimidas, non se ocuparan da historia das mulleres na medida na que consideraban que as clases sociais eran a forza motriz da historia e que, polo tanto, as mulleres integradas en cada unha delas, non conformaban un grupo social diferenciable2. Fronte a isto, o termo “Historia das mulleres”, xurdido do propio movemento feminista, revelaba a súa posición política ao afirmar as mulleres como suxeitos históricos.
Porén, esta primeira Historia das mulleres foi tildada de descritiva debido a súa notable filiación coa historiografía tradicional froito da súa énfase en sinalar a presenza das mulleres en determinados períodos. Foi na I e II Conferencia de Berkshire (1973 e 1974) que as historiadoras das mulleres impulsaron unha nova orientación á investigación histórica feminina sobre a base da inserción das mulleres na dinámica das transformacións sociais, económicas, políticas e culturais3. Nesta liña, continuáronse escribindo traballos importantes de Historia das mulleres, porén, de xeito crecente, comezaron a oírse voces críticas. Algunhas destas afirmaban que había certa tendencia a asumir unha experiencia universal do ser muller, ignorando as diferenzas existentes no seo do xénero feminino. Ademais, cada vez máis, as investigadoras feministas cobraron conciencia de que todo o traballo destinado a recuperar as vidas das mulleres no pasado para incorporar as súas existencias ao relato histórico, con independencia da posición teórica desde a que se abordara esta tarefa, estaba producindo unha historia das mulleres á marxe da historia dos homes4. Como continuación destas críticas, na introdución á segunda edición de Becoming visible: Women in European History5, publicado en 1987, Renare Bridenthal, Claudia Koonz e Susan Stuard sostiveron que non pretendían unicamente facer visíbeis ás mulleres, senón tamén examinar os sistemas de xénero, socialmente construídos e historicamente cambiantes, no que sería un adianto da Historia de xénero.
Non obstante, como mencionabamos nun inicio, a chegada definitiva da Historia de xénero viría da man de Joan Scott, que se ben destacaba como a Historia das mulleres se traducira nun movemento transnacional que lograra cuestionar o saber histórico, observaba, cara 1986, un problema. Este problema consistía na significación da categoría xénero usada na Historia das mulleres até ese entón, debido a que se ben por un lado era asumida a distinción sexo/xénero e se recoñecían diferenzas culturais e nacionais, presentábanse coma variacións dun tema universal no que “xénero” sempre significaba unha relación asimétrica, incluso antagonista, entre homes e mulleres6. Para contrarrestar o esencialismo e a invariabilidade, a proposta concreta de Scott era entender o xénero como unha forma de coñecemento que organizaba a percepción do mundo, a natureza e o sexo. Ela defendía que as oposicións binarias, do tipo masculino-feminino, tendían a parecer atemporais porque as políticas implicadas no seu establecemento permanecían a miúdo escuras e, precisamente as historiadoras, debían facelas emerxer do relato histórico7. A Historia de xénero, polo tanto, rexeitou as dicotomías sexo-xénero e natureza-cultura, ou, en palabras de Judith Butler, establecía que “tal vez este constructo chamado “sexo” resulta tan culturalmente construído coma o xénero.8”.
Deste modo, fronte ao carácter descritivo da Historia das mulleres, que en ocasións obviou en exceso o cuestionamento das categorías utilizadas outorgándolle un carácter ahistórico, a Historia do xénero tentou amosar a propia existencia dos conceptos “home” e “muller” como consecuencia do devir histórico, fuxindo da naturalización do xénero. Porén, ambas correntes lograron impoñer unha mudanza cualitativa na Historia, incluíndo no suxeito histórico as mulleres e, polo tanto, permitíndolle a estas gozar de referentes no pasado.
Imaxe de cabeceira: Service for the fatherland por K.u.k. Kriegspressequartier, Lichtbildstelle – Wien – Austrian National Library, Austria – Public Domain. Dispoñible en: https://www.europeana.eu/item/9200291/bildarchivaustria_at_Preview_4811461 (consultado o 20/06/2023).
Bibliografía
Inmaculada BLASCO HERRANZ, “A vueltas con el género: Críticas y debates actuales en la historiografía feminista”, Historia contemporánea, 62 (2020), pp. 297-322. Dispoñible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=7248123 (consultado o 06/02/2023).
Judith BUTLER, El género en disputa: El feminismo y la subversión de la identidad. Barcelona, Paidós, 2007.
Paula FAUSTINO, “Por umha história descolonial das mulheres indígenas” en Natividad GUTIÉRREZ CHONG e Losandro Antonio TEDESCHI (eds.): Fronteras de género, subjetividades e interculturalidad, México, UNAM, 2020, pp. 15-33.
Serrana RIAL GARCÍA: “Una mirada a la evolución historiográfica de la historia de las mujeres”, SÉMATA: Ciencias sociais e humanidades, 20 (2008), pp. 155-188. Dispoñible en: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/4525 (consultado o 06/02/2023).
Sonya ROSE: ¿Qué es historia de genero?. Madrid, Alianza, 2012.
_____________________
1 Cfr. Sonya ROSE: ¿Qué es historia de genero?. Madrid, Alianza, 2012, pp. 19-20.
2 Cfr. Paula FAUSTINO, “Por umha história descolonial das mulheres indígenas” en Natividad GUTIÉRREZ CHONG e Losandro Antonio TEDESCHI (eds.): Fronteras de género, subjetividades e interculturalidad, México, UNAM, 2020, pp. 18-19.
3 Cfr. Serrana RIAL GARCÍA: “Una mirada a la evolución historiográfica de la historia de las mujeres”, SÉMATA: Ciencias sociais e humanidades, 20 (2008), pp. 158. https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/4525 (consultado o 06/02/2023)
4 Cfr. Sonya ROSE: ¿Qué es historia de genero?. Madrid, Alianza, 2012, pp. 34-35.
5 Íbid, pp. 34-35.
6 Cfr. Inmaculada BLASCO HERRANZ, “A vueltas con el género: Críticas y debates actuales en la historiografía feminista”, Historia contemporánea, 62 (2020), p. 300. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=7248123 (consultado o 06/02/2023)
7 Íbid, p. 301.
8 Judith BUTLER, El género en disputa: El feminismo y la subversión de la identidad. Barcelona, Paidós, 2007, p. 55.
Caldas de Reis, 2001. Na actualidade curso o Grao en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Estou interesada no estudo histórico de cuestións ligadas a problemáticas actuais, como a lingua, o xénero, a colonialidade ou a etnia.