Como a pel da serpe: unha aproximación ás continuidades e rupturas na Deputación Provincial de Ourense (1979-1983)

O 3 de abril de 1979 desenvolvéronse os primeiros comicios municipais tras a restauración democrática após o franquismo, o cal permitiu rematar cos derradeiros redutos da ditadura na Administración local do Estado español. Nos 92 concellos de Ourense, as constitucións dos novos plenos desenvolvéronse nas vindeiras semanas e, coas mesmas, o 26 de abril chegaría a quenda da Deputación Provincial de Ourense. Por partido xudicial e baixo elección indirecta, segundo a porcentaxe asignada a cada formación política tras os resultados electorais obtidos 23 días atrás, o Pazo provincial amosou unha nova estrutura afastada de compromisarios e de deputados adscritos aos terzos franquistas. A renovación formal dos órganos políticos chegaba, pois, ao seu fin; namentres, os plenos amosaron moitas facianas que, como aconteceu nos concellos e na deputación da provincia galega, eran habituais das corporacións da ditadura.

Novas formas, mesmas caras (ou case…)

A maioría absoluta de UCD na provincia de Ourense tras as municipais reflectiuse no pleno provincial con 18 das 24 actas totais. Lonxe quedou CD con 4 deputados, e aínda máis residual foi a representación unipersoal do PSdeG-PSOE e do BN-PG. O predominio das forzas reformistas e conservadoras do tardofranquismo colocou nunha posición de privilexio a aquelas vellas elites que ou ben se iniciaran a comezos da década anterior, ou ben xa posuían traxectorias de máis longo percorrido. Sexa coma for, a primeira lexislatura democrática deixou, por mor de diversas renuncias e substitucións dentro da coalición popular en 1982, un total de 27 deputados, dos cales 11 tiñan experiencia na Administración local franquista: case o 41% do pleno do Pazo provincial.

Fonte: Acta do pleno do 26/04/1979, Fondo Goberno, Arquivo da Deputación Provincial de Ourense.

Se afondamos por formacións, o conglomerado centro-reformista de Adolfo Suárez, acaudillado na provincia por Pío Cabanillas e o empresario de COREN, Eulogio Gómez Franqueira, acolleu á meirande parte deses elementos. Con 10 exemplos, máis da metade das súas actas quedaron en mans de próceres con experiencia nos seus respectivos concellos ou na propia deputación durante a ditadura. As relacións persoais e económicas co devandito persoeiro semellan explicar a permanencia de alcaldes, tenentes ou concelleiros, maioritariamente na década de 1970, nos primeiros albores da democracia, mais tamén a introdución dos restantes elementos non vencellados ao franquismo. En troques, subsistiron varios próceres que camiñaran nas estruturas locais xa desde os intres de consolidación do réxime de Franco.

O caso máis destacábel foi o de Hermógenes González Blanco, edil (1949-1952) e alcalde de Xunqueira de Espadanedo (1952-1983), así como deputado provincial por Allariz (1974-1979); mestre e membro da directiva de UTECO-COREN nas décadas finais do franquismo, venceu por maioría absoluta en abril de 19791. A súa renuncia a renovar candidatura en xuño de 1983 deixou un percorrido vital continuado na política local ourensá de 34 anos2. Tampouco quedou atrás o alcalde de San Cristovo de Cea, José Hipólito Rodríguez Presas, quen se mantivo desde 1960 até 1991 como primeiro concelleiro do municipio da comarca do Carballiño tras ser edil na década de 1950 e, en democracia, formar parte dos proxectos centro-galeguistas de CO-CG e CNG3.

Pola súa parte, CD ofreceu o restante exemplo de continuidade entre os seus definitivos 7 representantes, aínda que varios deles intentaran sen éxito formar parte das estruturas locais baixo condominio franquista. A edil (1974-1975) e alcaldesa de Verín (1975-1981), María del Carmen Lovelle Alén, mantívose na cadeira de mando até a súa elección nos primeiros comicios ao Parlamento da Galiza en 1981, sendo unha das 3 mulleres que o constituíron4.

Da clandestinidade ao poder local

As restantes formacións, pois, non presentaron elementos cun pretérito franquista, sendo as súas características de forzas opositoras durante o réxime as que explican esta estatística. Cunha acta acadada por Bande, no caso socialista, e por Ourense, no caso nacionalista, deixaron traxectorias ben diferentes. O socialista Rafael Pérez Martínez formou parte dos organismos veciñais do Movemento Nacional en Muíños no fin da ditadura e, en 1978, pasou a ser secretario local do PSdeG-PSOE; en 1979 acadou a acta municipal e, catro anos após, asumiría a alcaldía até 19955. Pola súa parte, Alfredo Suárez Canal, docente e membro da UPG e da AN-PG na clandestinidade, acadou a acta municipal en Allariz en 1979 con só 27 anos6. Activo do BNG a partir de 1982, sería a súa cabeza de lista ao parlamento galego por Ourense nas décadas seguintes até o punto de ser conselleiro do Medio Rural no goberno do bipartito7.

Na imaxe de portada vese a Adolfo Suárez en Ourense, acompañado por Pío Cabanillas, Eulogio Gómez Franqueira e José Quiroga, durante a campaña electoral nos comicios xerais de 1979. Fotografía do Ministerio da Presidencia do Goberno de España. Dispoñible en Wikimedia Commons.

Notas ao pé:

1 Actas dos plenos do 06/02/1949, 02/02/1970 e 24/03/1979, Fondo Goberno, Arquivo Municipal de Xunqueira de Espadanedo.

2 La Voz de Galicia, 08/05/1983, p. 32.

3 Actas dos plenos do 29/11/1970 e 19/04/1979, Fondo Goberno, Arquivo Municipal de San Cristovo de Cea.

4 Actas dos plenos do 03/02/1974 e 05/12/1975, Fondo Goberno, Arquivo Municipal de Verín.

5 Acta do pleno do 19/04/1979, Fondo Goberno, Arquivo Municipal de Muíños.

6 Manuel RIVAS e Xosé TAIBO: Os partidos políticos da Galiza. A Coruña, Ediciós do Rueiro, 1977, p. 295; e acta do pleno do 20/04/1979, Fondo Goberno, Arquivo Municipal de Allariz.

7 Diario Oficial da Galiza, 24/04/2005, 98, p. 8826.

Máis artigos

Palencia, 1996. Graduado en Xeografía e Historia (2018) e Máster Universitario en Profesorado en Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato (2019) pola UVigo, así como Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea (2021) pola USC. Fun investigador contratado no grupo de Historia Contemporánea (HC1) da Uvigo (2018) e, actualmente, son investigador predoutoral en Protección do Patrimonio Cultural, dentro do devandito grupo de investigación. As miñas liñas de investigacións e publicacións baséanse no estudo das elites e do poder local desde a construción do Estado liberal, así como das institucións provinciais e municipais.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade