A deputación provincial de Ourense de 1822: unha ollada biográfica aos seus deputados

O 25 de agosto de 1823, cinco días despois da toma da cidade de Ourense polas tropas francesas e realistas, reconstituíuse o goberno absolutista previo á experiencia liberal dos tres anos anteriores[1]. A primeira Deputación Provincial de Ourense, constituída o 26 de maio de 1822, aboliuse e os seus procuradores -ben exiliados, ben purgados polo Antigo Réxime- caeron no esquecemento trala destrución sistemática da documentación da institución, asentada no antigo convento de Santo Domingo da capital. Dous séculos despois, a aparición de novas fontes primarias e a revalorización doutras secundarias da época, permítenos reconstruír a parte da vida política dos primeiros deputados provinciais de Ourense.

A corporación provincial

Se as fontes sobre o labor da entidade provincial preséntanse escasas e debedoras dos fondos documentais da corporación municipal de Ourense, o descoñecemento sobre os seus membros aínda foi maior. Ademais, a historiografía tampouco aportou moita máis luz. Porén, o Repositorio general de 1822 e a prensa histórica coetánea, principalmente o Boletín Oficial da Provincia de Ourense e a Gaceta de Madrid, aportáronos nova información.

DistritoNome
Xefe Político – PresidentePedro Boado Sánchez
Vicepresidente – IntendenteVicente Gil Taboada
OurensePedro Ventura de Puga
Viana do BoloVicente Álvarez Robleda
RibadaviaJosé Fermoso
CelanovaJosé Martínez
O CarballiñoRoque Aliste
VerínJosé Reigada
MacedaBenito María Millán
Composición da Deputación Provincial de Ourense (1822). Fonte: VV.AA.: Repositorio general de noticias políticas, civiles, económicas y estadísticas de Europa, y más particularmente de España para el año 1822. Madrid, Imprenta de D. Miguel de Burgos, 1822, pp. 179 e 182.

O presidente, Pedro Boado Sánchez, avogado e activo político liberal desde a guerra contra o francés, foi delegado subalterno dos distritos de Ourense e Tui (1820) e Xefe Político de Zamora (1820-1822). Gobernou a provincia ourensá entre marzo de 1822 e xullo de 1823, intre no que se vencella ás tropas liberais e fuxe a Portugal[2]. Embarcado nun navío con destino incerto segundo a historiografía, morreu durante a travesía polo afundimento do mesmo.

O vicepresidente e Intendente da provincia, Vicente Gil Taboada, moi probablemente fora o IX Conde de Taboada. Intendente gobernador en Trujillo (1791-1820), retornou á península trala declaración de independencia do Perú en 1821. Descoñecemos o seu papel político posterior á caída do réxime. Morreu en Santiago de Compostela en 1832[3].

O deputado por Ourense, Pedro Ventura de Puga, foi un letrado e fidalgo de ampla experiencia política. De corte moderado, foi o derradeiro señor de Fontefiz (A Peroxa) e participou activamente na Xunta Superior de Defensa do Reino de Galicia, chegando a viaxar a Londres. Asemade, foi rexedor perpetuo do concello de Ourense e deputado en Cortes (1834), á vez que escribiu diversos artigos de corte fisiocrático e ilustrado. Morreu en 1866 aos 91 anos.

O deputado por Viana, Vicente Álvarez Robleda, era propietario agrario natural de Vilaza (Monterrei) e veciño adoptivo da capital do Bolo. Membro da Deputación provincial en 1822 e na súa restauración de 1835, chegou a ser deputado electo para as Cortes de 1836 e senador en 1843, mais sen tomar nunca posesión dos cargos[4]. Asemade, en 1842 foi nomeado responsábel das antigüidades do distrito vianés pola Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense. Destaca que formara parte da comisión absolutista formada para reprimir aos liberais sublevados na Mezquita en 1830. Morreu ao redor da década de 1870.

Sobre o deputado de Ribadavia, José Fermoso, só sabemos que era propietario en Beade xa en 1811 e que, á altura de 1836, formaba parte dos electores do distrito do Avia. Por outra banda, o deputado por Celanova, José Martínez, foi avogado na vila de Curros. Xuíz do partido de Maceda (1823), deputado provincial de novo en 1835 e membro da Xunta provisional de goberno no inicio da rexencia de Espartero (1840), foi un dos maiores contribuíntes de Celanova ata a súa morte na década de 1850.

O deputado polo Carballiño, Roque Aliste, foi párroco en San Xoán de Piñeiro (Maside). Vencellado á parroquia xa desde a guerra de independencia ata a súa morte en 1836, mantivo o cargo de procurador provincial ata a súa disolución.

O deputado por Verín, José Reigada, foi avogado, corrixidor de Verín e Monterrei e presidente da Xunta de Defensa de Verín durante a guerra, así como como auditor de guerra honorario tralo seu fin. Membro da Deputación provincial tamén en 1835, foi promotor fiscal do xulgado de Verín (1841-1849) e do de Señorín-O Carballiño (1849). Á altura de setembro de 1860, xa falecera.

O deputado de Maceda, Benito María Millán de Silva, era párroco en San Salvador de Figueiroá (Sober) en 1822. Destaca o seu papel como comisionado pola Xunta de Defensa de Ourense en 1811, aínda que tamén foi secretario do concello ourensán (1814) e membro da Xunta Diocesana da diocese (1821).

Finalmente, tamén sabemos que o secretario da institución foi o ilustrado Lucas Labrada, quen asumiu o cargo en decembro de 1822 ata a caída do réxime[5]. Previamente, actuou como interino José Moure, sendo posíbel que fora a mesma persoa que o liberal e oficial militar exaltado e progresista de mesmo nome[6]. Destacou durante a guerra de 1808 e no primeiro conflito carlista, así como durante o conflito realista (1822-1823). Deputado por Galicia (1823), retornou do exilio en 1833 e ocupou diversos cargos políticos durante os períodos de goberno progresista, sendo o seu cumio o cargo de Gobernador civil de Ourense no verán de 1854.


[1] AHPOu, Concello de Ourense, Libros de Acordos, C. 24163/04, f. 37: 25-VIII-1823.

[2] AHPOu, Concello de Ourense, Libros de Acordos, C. 24163/04, f. 2: 13-VII-1823.

[3] Carlos DE LA PEÑA VIDAL: “Condado de Taboada, un título nobiliario litigado en sonado preito”, Nalgures, 12 (2016), pp. 225-226.

[4] ADPOU, Goberno, libro de Actas dos plenos: 22-X-1835.

[5] Fausto DOPICO: “Lucas José de los Dolores Labrada Romero”, Diccionario Biográfico electrónico. Real Academia de la Historia. Dispoñíbel en: https://dbe.rah.es/biografias/22751/lucas-jose-de-los-dolores-labrada-romero (consultado o 24/02/2022).

[6] AHPOu, Concello de Ourense, Correspondencia, C. 24383/15: 15-VII-1822.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade