Sayyida Al-Hurra: a nobre Dama do Norte

Sayyida al- Hurra é unha das personaxes máis descoñecidas e ao mesmo tempo relevantes na historia do norte do continente africano. O seu goberno estivo influenciado polos fluxos comerciais que comunicaban o mar Mediterráneo e o océano Atlántico a finais do século XV. A súa carreira política mestúrase con toques de misticismo que a enarboran como unha xefa pirata. Iso fixo que os poucos historiadores e autores que a estudaron e recolleron o seu legado, coma a escritora marroquí Fátima Merssini na súa obra As Sultanas olivadas, a calificasen como “líder indiscutible dos piratas no Mediterráneo Occidental”[1]. A piratería era unha práctica estendida nesta época no contexto de transición da Idade Media á Idade Moderna, en especial no ámbito económico.

Sayyida al-Hurra ou Sayyida al-Hurra bint Mawlāy ‘Alí ibn Rašīd, tamén coñecida como a Nobre Dama ou a Dama Libre de Tetuán foi a herdeira dos gobernos dos granadinos exiliados pola guerra contra os Reis Católicos no Reino Nazarí de Granada. Erixiron no norte de África diferentes bastións defensivos contra o avance castelán e portugués (quen querían establecer protectorados sobre os seus dominios en Ceuta, Tánxer ou Arcila) nos que a poboación atuaba como muyahidín[2]. Así foi fundada Tetuán, a cidade que dirixiu, polo andalusí Al-Mandri. Este personaxe foi un bo coñecido de al-Hurra pois foi o seu primeiro marido. Al-Mandri fora un aliado de Boadbil e membro da influínte familia Bedmar ao cal foille concedido o territorio dos Montes Orientais onde se disputaron contendas contra os casteláns coma a Batalla de Lucenas en 1483. A derrota granadina obrigou a Al-Mandri a exiliarse á zona do Magreb. Tetúan sería un dos baluartes de resistencia do avance católico, sendo imprescindible a comunicación coas rexións colindantes. O señor de Tetuán poríanse en contacto co mandatario de lugares como Chefchaouen ou Chauen, Mawlāy `Ali Ibn Rašīd. Este converteríase no seu sogro. Era o pai de Sayyida al-Hurra[3].

Mawlāy Ali ibn Rachid casaría coa mudéxar gaditana Lal la Zuhra, coincidindo a data do nacemento da súa filla coa fundación paradoxicamente de Tetuán, arredor de 1485. Este dato é significativo xa que evidenciaría a diferenza de idade no seu matrimonio, concertado para o ano 1500 con Al-Mandri, sendo este xa anciá obrigándoo a delegar as funcións de xefatura na súa dona[4]. Porén, a aparición e ocupación das tarefas de administración da urbe serían copadas por al-Hurra de maneira paulatina, absorbendo practicamente todas as competencias do seu marido á altura de 1512. O maior obxectivo que se pretendía acadar era garantir a independencia de Tetuán das ameazas externas. Por iso, as dúas fillas que nacerían desta unión foron á súa vez casadas con importantes personalidades do momento no Islam: Hassan Hāsim de Baza e o granadino Bu´Alī. Así mesmo e seguindo esta pretensión Sayyida contaría co apoio do seu irmán Mawlay Ibrahim, valido do sultán de Fez para a altura de 1527. Para 1540 Sayyida al-Hurra quedou viúva e sería nese momento cando se comeza a perfilar a actividade pola que sería recordada nos vindeiros séculos: a piratería. Se ben, o seu marido conseguira erixir a hexemonía da cidade por medio das alternativas belicosas, ela faríao por medio do corso ou a piratería ás embarcacións cristiás casteláns e portuguesas nun momento de transición dos fluxos comercias propios da Baixa Idade Media cara os propios da Idade Moderna que converxían nesa zona. A execución desta actividade -que comezaba a ser permitida nesta época- fíxose posible grazas ao coñecemento dos caladoiros fluviais que permitían o abastecemento dos materiais. Mais a piratería non só foi practicada na costa tetuaní, senón que se estendeu por todo o Mediterráneo Occidental. De feito, pénsase que Sayyida puido ter contacto co corsario turco Barbarrosa para a reparación da súa frota[5].

A mandataria volvería casar co sultán Ahmad al Warrasī, que interviría en Tetuán cando os portugueses pecharon o porto comercial. Pero a figura de Sayyida al-Hurra comezaría a esvaecerse para 1542 cando o seu xenro, o mencionado Hassan Hāsim, tomou a cidade obrigándoa a fuxir a súa cidade natal. Pouco se coñece dos seus últimos días mais algunhas fontes sinalan que os seus restos poderían estar na seputura de zāwiyya raisūniyya de Chauen. A memoria desta muller quedaría diluída así como as tarefas que emprendeu no poder. A súa obra non só contemplou as mencionadas dinámicas de enriquecemento económico por medio ca captación de bens materiais senón que tamén destacaría polo impulso dun programa urbanístico en Tetuán, en especial no seu amurallado de cara ao mar como demostran os estudos da arqueoloxía da edificación[6].


O estudo de referentes políticos femininos no mundo do Islam é unha rama da historiografía que nas últimos anos foi recollendo máis relevancia, especialmente na década dos noventa. Moitas fontes antigas corroboran que esta materia era incluso de interese nos séculos pasado tal e como apuntan autoras como Paulina López Pita ao falar do xénero literario das Ajbar an-Nissa ou “noticias de mulleres”, onde se recompilaban biografías de ilustres mulleres[7]. Deste xeito atópanse relevantes personaxes en especial durante a dinastía omeia de Damasco. Aínda que si se acouta ao contexto de Sayyida al-Hurra, non se coñecen tantos nomes propios mais si é destacada a impronta de xénero nas mulleres durante o Reino nazarí de Granada como puido ser a homónima de al-Hurra uns anos antes, Fāṭima bint al-Aḥmar[8]. Sayyida al-Hurra tivo responsabilidades xa non só diplomáticas senón tamén de mantemento da honra e legado andalusí no norte africano na costa setentrional de Marrocos.

Cronoloxía da vida de Sayyida al-Hurra. Fonte: Elaboración propia.

Notas ao pé:

[1] Fatima MERNISSI: Las sultanas olvidadas. España, El Aleph, 2004.

[2] Guillermo GONZALBES BUSTO: “Las fuentes ibéricas para la historia de Tetuán (siglos XVI-XVII)” Miscelánea de estudios árabes y hebraicos, 1, (1995), pp. 39-52.

[3] Ricardo GIL GRIMAU: “Sayyida al-Hurra, mujer marroquí́ de origen andalusí́”, Anaquel de estudios árabes, 11, (2000), pp. 311-320. [1] Guillermo GONZALBES BUSTO: “Sit al Hurra, gobernadora de Tetuán (siglo XIV)”, Actas del Congreso Internacional El Estrecho de Gibraltar, (1987).

[4] Guillermo GONZALBES BUSTO: “Sit al Hurra, gobernadora de Tetuán (siglo XIV)”, Actas del Congreso Internacional El Estrecho de Gibraltar, (1987).

[5] Ricardo GIL GRIMAU: Ibid. pp. 317.

[6] Enrique GONZALBES CRAVIOTO: Ibid.

[7] Paulina LÓPEZ PITA: “Mujeres musulmanas situadas en torno al poder”, Espacio, Tiempo y Forma, 15, (2002), pp. 95-111. [1] Bárbara BOLOIX GALLARDO: “Mujer y poder en el Reino Nazarí de Granada: Fātima Bint Al-Ahmar, la perla central del collar de la dinastía (siglo XIV)”, Anuario de Estudios Medievales, 46, (2016), pp. 269-300.

[8] Bárbara BOLOIX GALLARDO: “Mujer y poder en el Reino Nazarí de Granada: Fātima Bint Al-Ahmar, la perla central del collar de la dinastía (siglo XIV)”, Anuario de Estudios Medievales, 46, (2016), pp. 269-300.

Bibliografía:

  • Bárbara BOLOIX GALLARDO: “Mujer y poder en el Reino Nazarí de Granada: Fātima Bint Al-Ahmar, la perla central del collar de la dinastía (siglo XIV)”, Anuario de Estudios Medievales, 46, (2016), pp. 269-300.
  • Enrique GONZALBES CRAVIOTO: “Las murallas de Tetuán (Marruecos)”, Al-Ándalus Magreb: estudios árabes e islámicos, 19, (2012), pp. 279-307.
  • Fatima MERNISSI: Las sultanas olvidadas. España, El Aleph, 2004.
  • Guillermo GONZALBES BUSTO: “Sit al Hurra, gobernadora de Tetuán (siglo XIV)”, Actas del Congreso Internacional El Estrecho de Gibraltar, (1987).
  • Guillermo GONZALBES BUSTO: “Las fuentes ibéricas para la historia de Tetuán (siglos XVI-XVII)” Miscelánea de estudios árabes y hebraicos, 1, (1995), pp. 39-52.
  • Jaime VERGARA MUÑOZ: “Las puertas de la Medina de Tetuán. Estudio y datos para su conservación”, Tese Doutoral, Universidade de Granada, 2012.
  • Paulina LÓPEZ PITA: “Mujeres musulmanas situadas en torno al poder”, Espacio, Tiempo y Forma, 15, (2002), pp. 95-111.
  • Ricardo GIL GRIMAU: “Sayyida al-Hurra, mujer marriquí de origen andalusí”, Anaquel de estudios árabes, 11, (2000), pp. 311-320.

Máis artigos

Salvaterra de Miño, 1999. Estudante do Dobre Grao en Historia e Xornalismo na Universidade Rei Juan Carlos. Curso o meu cuarto ano nestes estudos coa vontade de especializarme en profundidade na Historia. As miñas liñas de interese son a Historia Medieval, a Historiografía de Xénero e a Antropoloxía coa fin de que estas disciplinas poidan axudar á lectura do noso presente.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade