Xornalismo feminino no século XIX en Galicia a través da figura de Emilia Calé de Torres

A aparición de textos escritos por mulleres na prensa galega, concretamente a mediados do século XIX, non foi unha decisión espontánea. Este feito foi unha escolla premeditada seguindo os intereses empresariais e ideolóxicos das primeiras empresas arredor da comunicación que apareceron no país. Malia que a presenza da muller como colaboradora destes proxectos foi reducida, destacaron no seu momento nomes -hoxe practicamente esquecidos- como o de Emilia Calé Torres. 

Retrato de Emilia Calé Torres. Fonte: Wikimedia Commons

A pesar de ter nacido con anterioridade, Emilia Calé  Torres (1837- 1908) sería recordada como “a segunda coruñesa” tal e como a acuñou o periódico Don Pepito en 1890, ocupando o primeiro posto a máis recordada novelista Emilia Pardo Bazán. Calé era filla única do matrimonio conformado por Francisco Calé de Orihuela, procurador e membro do concello liberal; e  Inocencia Torres. Non se teñen datos sobre a súa formación intelectual, mais todo apunta que debeu adquirila no seo familiar ou de forma autodidacta. O seu casamento en 1862 con Lorenzo Gómez Quintero foi un dos feitos máis destacados da súa biografía, xa non só polas implicacións sociais para unha muller naquel tempo, senón máis ben pola profesión que exercía este. Quintero, portorriqueño de orixe galego, foi xornalista e director da revista El Eco de Galicia editada na cidade da Habana. 

Cabeceiras como El Regional facían alarde das súas aptitudes para a creación escrita, falando de “privilegiado ingenio”. As notables capacidades que demostrou dende nova non foron os únicos condicionantes para a súa posterior traxectoria  profesional. A orixe familiar e, sobre todo, o seu matrimonio cun persoeiro con influencia xornalística foron sen dúbidas unha das grandes condicións de privilexio que favoreceron á aparición do seu nome nas páxinas de xornais xunto con outras compañeiras, tanto en publicacións periódicas coma en obras literarias na época. É así como lograban  unha vía para aloxarse do modelo do “anxo do fogar” e dos roles estritamente pautados socialmente para a educación e as tarefas da muller, aínda que en moitos dos seus poemas quedaban perpetuados estes arquetipos. A maioría delas comezaron a súa traxectoria publicando pequenos poemas no espazo que se lles permitía e, a partir de aí, afianzaron a súa presenza e o seu público. Emilia Calé Torres foi unha das mulleres con máis pezas publicadas en termos cuantitativos, con arredor dunha centena. A lista de mulleres malia non ser moi longa si é existente. Cómpre salientala e facer unha análise das condicións que permitían a estas mulleres chegar ao mundo editorial e concretamente ao xornalístico. 

Na obra Las Románticas. Escritoras y subjetividad en España 1885-1850 a investigadora Susan Kirpatrick aludiu a un factor determinante neste sentido. As mulleres que profesaban ou que estaban vinculadas a un pensamento e ideoloxía liberal tiñan máis facilidades para que os seus escritos se distribuíran. Trasladado ao contexto galego, isto reflectiríase de igual forma empastando co provincialismo. O percorrido recorrente destas mulleres era comezar publicando textos nestes xornais e revistas para posteriormente facer una compilación deles nunha obra literaria. Nos prólogos destas obras, asinadas maioritariamente por ilustres e homes coñecidos no panorama social galego, reafirmábase esta idea. Houbo casos como o de Emilia Pardo Bazán, que se encamiñaron cara un un liberalismo españolista. A aparición da autoría feminina estaría suxeito ao obxectivo de ampliar o público a este ideario como estratexia de mercado, especialmente a outras mulleres. Os discursos protogaleguistas atoparon nas cabeceiras provincialistas a forma de captar adeptos ás súas pretensións. Esta dinámica é analizada por Justo Beramendi aludindo ao “síndrome de aldraxe”, fesas primeiras tentativas patrióticas galegas. 

Aínda así, continuaron existindo publicacións que perpetuaban a idea de “anxo do fogar” e que incluso foron presentadas cunha autoría feminina, pero que eran editadas por homes. Exemplo disto foi o caso de Iris del Bello Sexo: Periódico de Literatura y costumbres de 1841. Baixo os pseudónimos das supostas redactoras cun pensamento moderado liberal Enarda e Galatea, os editores masculinos plasmaban nas súas páxinas o desexo de influír e marcar as directrices de boa conducta que as mulleres debían adquirir,  atopando os seus referentes nestes modelos ficticios. Vemos como a  vontade feminina quedaba certamente subordinada ás decisións dos homes, sendo eles os que pautaban que mulleres podían escribir e que temas podían ser tratados dentro da estrutura de poder normativa.

É por iso que se poden  mencionar como contrapunto publicacións como Galicia: Revista Universal de este Reino, que brindou a oportunidade ás mulleres para escribir con maior liberdade sempre que se acomodase ao pensamento protogaleguista. Da man dos irmáns Francisco e Antonio de la Iglesia,  autoras  como Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou a propia Emilia Calé puideron experimentar novas formas de escrita. Pese ao  nesgo de xénero -os homes acostumaban a escribir de política e as mulleres de literatura, vida social ou asuntos domésticos-, esta revista abriu o prisma en canto aos temas que levar á opinión publica empregando a cultura, certamente influenciada polas correntes europeas, para reivindicar o valor do propio como é a lingua que se comezaba a introducir na prensa. 

O caso de Emilia Calé é singular debido a que foi  unha das escritoras con maior número de pezas publicadas. Pero esta singularidade non radica unicamente no número senón tamén na diversidade editorial, posto que non só publicou en Galicia: revista universal de este reino, senón noutras varias. O seu acercamento familiar ao círculo dests primeiras empresas xornalísticas en Galicia foi un factor importante, tendo publicados tanto os seus poemas nestas cabeceiras como recolléndoas con posterioridade en obras literarias completas a modo de recompilacións como Horas de inspiración ou Cuadros sociales

Bibliografía:

  • Ángel ARCAY BARRAL, “O bello sexo na prensa galega do Sexenio Revolucionario”, Madrygal, 18 (2015), pp. 323-335.
  • Juan Pedro MARTÍN VILLARREAL, “La edición femenina decimonónica. Patrocinio de Biedma: entre el asociacionismo y las redes de colaboración editorial”, Lectora, 25 (2019), pp. 105-117.
  • Mª. Anjos LÓPEZ OTERO: “Produçom literária de autoria feminina galega entre as décadas de 1860-1880. Os casos de: Rosalia de Castro, Emilia Calé, Narcisa Pérez Reoyo e Emilia Pardo Bazán”, Actas VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e outros pobos da Península (2003). 
  • María del Carmen SIMON PALMER, “La ocultación de la propia personalidad en las escritoras del siglo XIX”, Acta IX Concreso de la Asociación Internacional de Hispanistas (1986). 
  • Paula PÉREZ LUCAS, “Género, literatura e identidad nacional: Discursos políticos y culturales del protonacionalismo gallego”, ARENAL 12 (2008), pp. 325-343.
  • Sonia OTERO PEREIRA: “La otra Doña Emilia: aproximación a la figura de Emilia Calé Torres de Quintero (1837-1908)”, LECTURA Y SIGNO, 10 (2015), pp. 33-44.
Publicidade

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade