Viaxeiras incansables. A reunificación das “Poesías” de Tiziano no Museo do Prado (I)

Clara Reigosa Lombao

Este 2 de marzo o Museo Nacional do Prado inaugurou a exposición “Pasiones Mitológicas: Tiziano, Veronese, Allori, Rubens, Ribera, Poussin, Van Dyck, Velázquez”, un recorrido polo amor mitolóxico da man das grandes figuras da pintura europea. Un total de 29 pezas, 13 propias e 16 emprestadas, nas que destaca a reunificación das “Poesías” de Tiziano, unha serie de 6 obras pintadas polo artista italiano entre 1553 e 15621.

Malia que o discurso oficial da exposición está focalizado no valor temático e formal das pinturas, é interesante botar unha ollada a outras cuestións que nos poden contar estas mesmas pezas. Non son moitas as mostras que, escapando do rol máis tradicional dos museos, expoñen cuestións que non teñen que ver coa propia pintura e o seu autor. De feito, o Museo do Prado foi pioneiro no ano 2016, cando presentou a exposición “Metapintura. Un viaje a la idea de arte” na que propoñía unha nova lectura para reflexionar sobre a colección e a historia do museo2.

Neste senso, propoñemos a continuación unha lectura metamuseal das “Poesías” de Tiziano, lonxe das historias que nelas se pintan pero próxima ás aventuras e desventuras que sufriron ata hoxe, na súa reunificación. Así, esta exposición é un fito na historia da arte, que se fixo posible grazas ao traballo en conxunto dos 6 museos propietarios das pezas: The Wellington Collection (Londres), as National Galleries de Londres e Escocia, a Wallace Collection de Londres, o Isabella Stewart Gardner Museum de Boston e o propio Museo do Prado. As “Poesías” concíbense como tres parellas, cunha unión temática e formal. Estes son os seus datos principais:

Carlos I de España e V do Sacro Imperio Romano Xermánico foi o último monarca en manter a corte en constante movemento. Durante o reinado do seu fillo, Felipe II, estableceuse a corte permanente en Madrid en 15613. Foi precisamente Felipe II quen encargou as “Poesías” a Tiziano, co fin de que se albergasen nun lugar único. Pero non sabía que as pezas, lonxe de establecerse nunha residencia, comezarían unha viaxe por varios países e espazos, e que o mundo non sería capaz de reunilas ata 400 anos depois. As 6 obras pictóricas actuaron como viaxeiras adiantadas ao noso tempo, aínda que guiadas por decisións políticas e comerciais que non podían controlar.

A primeira obra da serie, “Dánae”, pertence á Wellington Collection-Apsley House de Londres. É unha das obras que menos fronteiras cruzou pero viviu un dos episodios máis curiosos. Unha vez adquirida pola coroa española, a peza mantívose na colección real ata o século XIX, concretamente ata a Guerra da Independencia. Cara 1813 José Bonaparte, irmán de Napoleón, roubara máis de 200 obras da colección real e iniciara o traslado destas con destino a Francia. Ese mesmo ano, na Batalla de Vitoria, o exército anglohispano do duque de Wellington, Arthur Wellesley, conseguiu recuperar o conxunto de obras que viaxaban nun convoi4.

“Danae” (1553). The Wellington Collection, Aspley House (Londres). Fonte: https://www.museodelprado.es/actualidad/exposicion/tizano-danae-venus-yadonis-las-primeras-poesias/821a6867-321a-4570-a19a-db4da7e2042c

Ademáis de “Dánae”, había pezas de Brueghel, Rubens ou Velázquez. O duque sabía da importancia das pinturas e decidiu envialas a Londres para que o seu irmán, Lord Maryborough, as estudase. Unha vez que tiveron clara a procedencia, o duque de Wellington escribiu a Fernando VII para devolvelas. Non obstante, o rei, sorprendido pola boa vontade, optou por regalarlle as pezas en sinal de agradecemento pola axuda na guerra. En Inglaterra, este conxunto coñécese como o Spanish Gift (o regalo español)5.

Desde entón, “Dánae” mantívose na residencia do duque e dos seus descendentes, e pasou a mans públicas coa doazón da casa familiar ao Estado inglés en 1947. Porén, esta peza non constaba como unha das “Poesías” ata hai poucos anos, xa que permanecían nun espazo privado do museo6. Un investigador descubriu a obra e uns traballos de restauración no Museo do Prado permitiron identificala como unha das “Poesías” orixinais7.

A segunda obra, “Venus e Adonis”, non coñece outro país estranxeiro máis que Italia, onde se pintou. Desde a súa chegada a España non saíu de Madrid pero moveuse entre diferentes espazos e salas que contan unha historia propia. Como moitas pinturas da colección real, “Venus e Adonis” circulou por diferentes palacios madrileños ata que se transferiu como ben nacional. O primeiro rexistro que se manexa identifica a peza no Palacio do Pardo en 1701; máis tarde, trasladaríase ao Novo Palacio Real, dispoñéndose en dúas salas distintas, a sala da Furriera e o estudo do pintor Andrés de la Calleja, cara 17728.

“Venus e Adonis” (1554). Museo Nacional do Prado. Fonte: www.museodelprado.es

A partir de aí comezou o seu periplo polas dúas “salas reservadas”, primeiro na Real Academia de San Fernando e despois no Museo do Prado. A primeira Sala Reservada foi creada por Carlos IV entre 1792 e 1796 na Academia e respondía aos prexuízos sociais e relixiosos por expoñer nus. En 1827 o Museo Real, creado uns anos atrás, estaba gañando espazos para as obras procedentes de palacios e sitios reais. O conserxe do museo, Luis Eusebi, recordou a existencia da Sala da Academia e reclamou o traspaso dos cadros á institución recén creada.

En marzo dese ano chegaron as pinturas procedentes da Academia e expuxéronse nunha nova Sala Reservada que se correspondía coas actuais 64-67. A este espazo só podían acceder persoas convidadas, dados os contidos pouco morais para a maioría de visitantes. Nela encontrábase “Venus e Adonis” que, segundo as fontes, era unha das obras con maior prestixio erótico de todo o museo. Finalmente, esta sala e o seu contido foi disolta en 1838, coa dirección do Museo en mans de José de Madrazo9.

Na próxima publicación contaremos a historia das 3 pezas seguintes que, aínda que seguiron camiños separados, haberían de encontrarse en varios momentos da historia.

Bibliografía

Miguel FALOMIR FAUS: “Dánae y Venus y Adonis, las primeras poesías de Tiziano para Felipe II”. Conferencia impartida no Museo nacional do Prado (14/01/2015), Madrid.

Matthias GLÖEL: “El fin de la corte itinerante”, Autoctonía. Revista de ciencias sociales e historia, I (1) (2017), pp. 1-20, p. 2. Dispoñible en: http://www.autoctonia.cl/index.php/autoc/article/view/3/1 (consultado o 12/02/2021).

Josephine OXLEY, #TitianLive: Danaë’ from the Wellington Collection at Apsley House, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?v=v2DklEMgL4A, (consultado o 12/02/2021).

Javier PORTÚS PÉREZ: “Sala Reservada”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible en: https://www.museodelprado.es/aprende/enciclopedia/voz/sala-reservada/91593a25-dd47-40c5-95b6-6a2f709155d2?searchid=4e879fe9-16f5-5512-6e70-8a05cbfbbdba (consultado o 15/02/2021).

“Pasiones mitológicas: Tiziano,  Veronese, Allori, Rubens, Ribera, Poussin, Van Dyck, Velázquez”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible: https://www.museodelprado.es/actualidad/exposicion/pasiones-mitologicas-tiziano-veronese-allori/0fe29f8e-c205-af98-9306-51b5b1f26675?searchMeta=pasi (consultado o 14/02/2021).

“Metapintura. Un viaje a la idea del arte”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible en: https://www.museodelprado.es/actualidad/exposicion/metapintura-un-viaje-a-la-idea-del-arte/1d0500f9-5f3c-4ad0-a345-5626e65fa702 (consultado o 14/02/2021).

“The story of the collection”. The Wellington Collection. Dispoñible en: https://www.wellingtoncollection.co.uk/wellington-stories/the-story-of-the-collection/ (consultado o 12/02/2021).

“Venus y Adonis”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible en: https://www.museodelprado.es/coleccion/obra-de-arte/venus-y-adonis/bc9c1e08-2dd7-44d5-b926-71cd3e5c3adb?searchMeta=venus%20y%20adonis (consultado o 15/02/2021).

Notas ao pé

  1. “Pasiones mitológicas: Tiziano,  Veronese, Allori, Rubens, Ribera, Poussin, Van Dyck, Velázquez”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible: https://www.museodelprado.es/actualidad/exposicion/pasiones-mitologicas-tiziano-veronese-allori/0fe29f8e-c205-af98-9306-51b5b1f26675?searchMeta=pasi (consultado o 10/02/2021). []
  2. “Metapintura. Un viaje a la idea del arte”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible en: https://www.museodelprado.es/actualidad/exposicion/metapintura-un-viaje-a-la-idea-del-arte/1d0500f9-5f3c-4ad0-a345-5626e65fa702 (consultado o 14/02/2021). []
  3. Matthias GLÖEL: “El fin de la corte itinerante”, Autoctonía. Revista de ciencias sociales e historia, I (1) (2017), pp. 1-20. Dispoñible en: http://www.autoctonia.cl/index.php/autoc/article/view/3/1 (consultado o 12/02/2021), p. 2. []
  4. Josephine OXLEY, #TitianLive: Danaë’ from the Wellington Collection at Apsley House, [Youtube], https://www.youtube.com/watch?v=v2DklEMgL4A, (consultado o 12/02/2021). []
  5. “The story of the collection”. The Wellington Collection. Dispoñible en: https://www.wellingtoncollection.co.uk/wellington-stories/the-story-of-the-collection/ (consultado o 12/02/2021). []
  6. A doazón da colección Wellington estivo condicionada polo mantemento dun espazo privado para a residencia familiar. []
  7. Miguel FALOMIR FAUS: “Dánae y Venus y Adonis, las primeras poesías de Tiziano para Felipe II”. Conferencia impartida no Museo nacional do Prado (14/01/2015), Madrid. []
  8. “Venus y Adonis”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible en: https://www.museodelprado.es/coleccion/obra-de-arte/venus-y-adonis/bc9c1e08-2dd7-44d5-b926-71cd3e5c3adb?searchMeta=venus%20y%20adonis (consultado o 15/02/2021). []
  9. Javier PORTÚS PÉREZ: “Sala Reservada”. Museo Nacional del Prado. Dispoñible en: https://www.museodelprado.es/aprende/enciclopedia/voz/sala-reservada/91593a25-dd47-40c5-95b6-6a2f709155d2?searchid=4e879fe9-16f5-5512-6e70-8a05cbfbbdba (consultado o 15/02/2021). []
Máis artigos

Lugo, 1996. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2018). Máster en Estudos Avanzados de Museos na Universidade Complutense de Madrid (2020). Actualmente realizo o M.A. en Museum Studies na New York University cunha beca de posgrao da Fundación Barrié. As miñas liñas de investigación céntranse en aspectos relacionados coa museoloxía e a museografía. Teño especial interese nas novas museoloxías e na concepción do museo como un espazo de educación e comunicación para todos os públicos.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade