Cada 18 de maio desde 1977 celébrase o Día Internacional dos Museos. Unha xornada instaurada polo ICOM (Consello Internacional de Museos) para concienciar sobre a importancia destas institucións como lugares para o “intercambio cultural, enriquecemento das culturas, desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos”. Este ano o lema escollido é “o poder dos museos”, co que se pretende facer unha reflexión sobre a potestade dos museos para conseguir un mundo mellor[1].
E así é, os museos teñen poderes que poden mellorar a sociedade actual, gardan obxectos, contan historias e divulgan a memoria do que fomos, pero tamén do que somos e do que queremos ser. Aceptar que os museos son capaces de xerar tal cambio, debería ir da man con recoñecer que estes espazos non son obxectivos, máis ben están subordinados a certas elites que levan fabricando a nosa concepción do pasado durante moito tempo. Os museos, independentemente da época e temática que traten, falan máis da relación que temos co noso presente que da historia que buscan contar.
Un dos problemas máis graves é dar a entender que os museos son neutrais, como se a elección e disposición das pezas, os discursos museolóxicos, ou mesmo as categorías fosen unha verdade absoluta que non se pode refutar. Chama a atención como tendemos a tratar os museos como casas de sabedoría innata, cando a maioría deles naceron hai menos de 200 anos baixo unhas condicións históricas e sociais moi concretas. Igualmente, o ICOM non é máis que unha asociación que difunde marcadamente os valores culturais e patrimoniais occidentais, académicos e establecidos, cun positivismo tóxico que impide, en moitas ocasións, que estas institucións sirvan como ferramentas de cambio[2].
Neste sentido, é interesante botar unha ollada ás tres liñas de traballo que propón o ICOM para este evento, co fin de “explorar o potencial dos museos para provocar un cambio positivo” na sociedade. Nelas fálase de que os museos son pezas fundamentais para lograr os obxectivos de sustentabilidade, dixitalización e de educación nas súas comunidades. Non obstante, non se propón ningún aspecto negativo a mellorar, non se fai ningunha crítica aos sistemas museolóxicos actuais; e, por suposto, non se pon en dúbida que se os museos teñen certo poder e porque este vén dado polas estruturas hexemónicas dominantes.
Cantas pezas de mulleres artistas hai no teu museo máis próximo? Cal é a clase social representada cando visitas unha casa museo? Por que os museos occidentais están cheos de pezas doutros países? Por que as pinacotecas están divididas en escolas nacionais? Por que non hai apenas mitoloxía popular nos museos?
A resposta a estas preguntas é sinxela: os museos son instrumentos dun poder político, económico e social que leva décadas creando unha visión do noso pasado e do noso presente. Co perigo de que estes tenden a ser vistos como espazos de autoridade e obxectividade, sen apenas críticas e xuízos públicos, como se as pezas flotasen nun baleiro aséptico.
Hoxe celebramos o Día Internacional dos Museos e eu animo a todas as persoas a achegarse ao seu museo máis próximo, a gozar coas pezas e pasar un tempo entretido. Pero tamén animo a ler sobre cando e como se creou ese museo, a escoitar á mediadora falar sobre a procedencia das pezas, e a achegarse ás cartelas para saber máis do artista. Animo a pararse a pensar que se bota en falta, que persoas, que obras, que vidas, que historias… E, despois, a esixir máis recursos e persoal para poder levar a cabo eses cambios; só así os poderes cambiarán de mans e de enfoque para, pouco a pouco, estar en todas e todos nós.
[1] “Día Internacional de los Museos”, International Council of Museums, Dispoñible en: https://icom.museum/es/nuestras-acciones/eventos/dia-internacional-de-los-museos/ (consultado o 16/05/2022).
[2] Trinidad RICO: “Negative Heritage: The Place of Conflict in World Heritage”, Conservation and Managemet of Arceological Sites, 10:4 (2008), pp. 344-352.
Lugo, 1996. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2018). Máster en Estudos Avanzados de Museos na Universidade Complutense de Madrid (2020). Actualmente realizo o M.A. en Museum Studies na New York University cunha beca de posgrao da Fundación Barrié. As miñas liñas de investigación céntranse en aspectos relacionados coa museoloxía e a museografía. Teño especial interese nas novas museoloxías e na concepción do museo como un espazo de educación e comunicación para todos os públicos.