Museos virtuais: espazos de liberdade e autonomía

Clara Reigosa Lombao

Desde finais do século XX os museos deixaron de ser espazos de almacenaxe para convertirse en espazos de diálogo para todas e todos. Os cambios sociais tenderon cara unha democratización da cultura que se viu reforzada polas novas formas de comunicación. Os museos, cada un ao seu tempo, encontraron na rede un espazo fundamental de mostra e interactividade cos públicos, que permitiu que as coleccións creceran en canto a interpretacións e posibilidades expositivas.

Os museos virtuais son o último estadío desta relación de internet cos museos. É dificil establecer con claridade que son os museos virtuais, pois non existe unha definición oficial que faga referencia a eles. Tampouco temos unha aclaración sobre estes e as súas funcións na definición tipo de “museo” que ofrece e actualiza o Consello Internacional de Museos cada certo tempo. En liñas xerais, podemos entender os museos virtuais como un conxunto de obxectos dixitalizados que poden ser contemplados desde calquera parte do mundo e que permiten ao visitante unha experiencia persoal e libre.

Aínda que parece algo moi novidoso, a idea conceptual destes museos, que inciden na liberdade do visitante para acceder ás obras de arte, pode ter o seu xerme nos pensamentos do intelectual e político francés André Malraux, nos anos 40 do século pasado. En El Museo Imaginario, Malraux fai unha reflexión sobre a visión incompleta que ofrecen os museos, en comparación ao coñecemento propio:

“Nuestros conocimientos son más extensos que nuestros museos; el visitante del Louvre sabe que allí no encontrará a Goya, ni a los grandes ingleses, ni la pintura de Miguel Ángel, ni a Piero della Francesca, ni a Grünewald, ni apenas a Vermeer1”.

Para Malraux o museo imaxinario é aquel formado na nosa mente, capaz de relacionar e conectar as diferentes obras de arte que coñecemos, creando un museo propio que está por riba de calquera institución física. Para el, acorde aos seus tempos, o máis parecido a este museo imaxinario serían os libros ilustrados, formados por copias fotográficas das obras de arte que o espectador crearía ao seu gusto. Hoxe en día, os museos virtuais son capaces de superar a nosa memoria e os nosos coñecementos, creando conexións a través de ferramentas baseadas na intelixencia artificial.

Un dos museos virtuais máis grandes e complexos do mundo é a web Google Arts & Culture, un proxecto da compañía americana que tivo o seu punto de partida no ano 2008, cunha colaboración de Google España co Museo Nacional do Prado, “Obras Maestras del Prado en Google Earth”2. Este museo virtual conta con máis de 1.500 institucións culturais, 6 millóns de imaxes e acumula ao redor de 10.000 exposicións en rede. En Galicia, a única institución colaboradora é a Fundación Catedral de Santiago, que se uniu á plataforma en outubro de 20183. A Fundación ten 76 pezas musealizadas virtualmente, entre as que destacan esculturas do Mestre Mateo para o Pórtico da Gloria ou os tapices de Goya, que se conservan nos espazos do museo catedralicio. Ademais, pódense recorrer virtualmente 3 lugares afíns: o propio Museo da Catedral, o Museo da Colexiata do Sar e o Pazo de Xelmírez.

Detalle da escultura de Isaac do Mestre Mateo, dixitalizada en Google Arts & Culture. Fonte: https://artsandculture.google.com/asset/isaac/GwH7JqcowkdwOA?childAssetId=swE7W1CXg7lIzA

Cun concepto similar, aínda que pertencente á iniciativa pública, naceu no ano 2008 Europeana. Esta “biblioteca dixital europea” ten na rede máis de 58 millóns de obxectos entre libros, mapas, documentos históricos, gravacións, películas ou pinturas4. A biblioteca dixital de Galicia “Galiciana” é unha das webs colaboradoras deste museo virtual. Este espazo carece dos avances tecnolóxicos que utiliza Google no seu museo, como os recorridos virtuais grazas á tecnoloxía Street View ou a fotografía en mega alta resolución, pero permite facer buscas comparadas por milleiros de documentos e obxectos culturais de diferente índole.

Exemplo de busca comparada en Europeana. Fonte: https://www.europeana.eu/es/search?page=1&view=grid&query=Castelao

En conclusión, non existe ningún mecanismo que poida substituir á contemplación da arte in situ, nin tampuco estes espazos buscan selo. Internet proporciona ferramentas para facer dos museos lugares máis accesibles para todos os públicos. O traballo con copias dixitalizadas rompe as barreiras xeográficas, xa que estas poden ser contempladas desde calquera parte do mundo, independientemente da cercanía a un museo tanxible; e tamén rompen as barreiras físicas dos museos, cando por causas de forza maior non poden ser visitados. É, sobre todo, como soñaba Malraux, sitúan ao espectador nunha posición de autoridade e liberdade, digna de ser aproveitada por todas nós.

*Imaxe de portada: visita virtual ás dependencias do Museo da Catedral de Santiago a través de Google Arts & Culture.

Bibliografía

André MALRAUX: El Museo Imaginario. Madrid: Cátedra, 2017.

Clara RIVERA: “Explore the masterpieces of the Prado Museum up close with Google Earth”, The official blog for Google maps, (13 de xaneiro de 2009), https://maps.googleblog.com/2009/01/explore-masterpieces-of-prado-museum-up.html [Consultado: 4 de abril de 2020].

“La Fundación Catedral de Santiago reúne las piezas de su Museo en línea con Google Arts & Culture”, (1 de outubro de 2018), http://catedraldesantiago.es/la-fundacion-catedral-de-santiago-reune-las-piezas-de-su-museo-en-linea-con-google-arts-culture/ [Consultado: 4 de abril de 2020].

“Ahora en línea: “Europeana”, la biblioteca digital europea, (20 de novembro de 2008), https://ec.europa.eu/commission/presscorner/detail/es/IP_08_1747, [Consultado: 4 de abril de 2020].

https://ec.europa.eu/commission/presscorner/detail/es/IP_08_1747, [Consultado o 4 de abril de 2020].

Notas ao pé

  1. André MALRAUX: El Museo Imaginario. Madrid: Cátedra, 2017, p. 24. []
  2. Clara RIVERA: “Explore the masterpieces of the Prado Museum up close with Google Earth”, The official blog for Google maps, (13 de xaneiro de 2009), https://maps.googleblog.com/2009/01/explore-masterpieces-of-prado-museum-up.html [Consultado o 4 de abril de 2020]. []
  3. “La Fundación Catedral de Santiago reúne las piezas de su Museo en línea con Google Arts 6 Culture”, (1 de outubro de 2018), http://catedraldesantiago.es/la-fundacion-catedral-de-santiago-reune-las-piezas-de-su-museo-en-linea-con-google-arts-culture/ [Consultado o 4 de abril de 2020]. []
  4. “Ahora en línea: “Europeana”, la biblioteca digital europea, (20 de novembro de 2008), https://ec.europa.eu/commission/presscorner/detail/es/IP_08_1747, [Consultado o 4 de abril de 2020]. []
Máis artigos

Lugo, 1996. Graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2018). Máster en Estudos Avanzados de Museos na Universidade Complutense de Madrid (2020). Actualmente realizo o M.A. en Museum Studies na New York University cunha beca de posgrao da Fundación Barrié. As miñas liñas de investigación céntranse en aspectos relacionados coa museoloxía e a museografía. Teño especial interese nas novas museoloxías e na concepción do museo como un espazo de educación e comunicación para todos os públicos.

Comparte

Facebook
Twitter
WhatsApp
Email

Comentarios

Deixa un comentario

Publicidade